78

Os Sacramentos da graza de Deus

O que desexa loitar, pon os medios. E os medios non cambiaron en vinte séculos de cristianismo: oración, mortificación e frecuencia de Sacramentos. Como a mortificación e tamén oración —pregaria dos sentidos—, podemos describir eses medios con só dúas palabras: oración e Sacramentos.

Querería que considerásemos agora ese manancial de graza divina dos Sacramentos, marabillosa manifestación da misericordia de Deus. Meditemos devagar a definición que recolle o Catecismo de san Pío V: certos sinais sensibles que causan a graza, e ao tempo a declaran, como poñéndoa diante dos ollos12. Deus Noso Señor é infinito, o seu amor é inesgotable, a súa clemencia e a súa piedade con nós non admiten límites. E,  aínda que nos concede a súa graza doutros moitos modos, instituíu expresa e libremente —só El podía facelo— estes sete signos eficaces, para que dunha maneira estable, sinxela e conseguible para todos, os homes poidan facerse partícipes dos méritos da Redención.

Cando se abandonan os Sacramentos, desaparece a verdadeira vida cristiá. Non obstante, non se nos agocha que particularmente nesta época nosa non faltan os que parece que esquecen, e que chegan a desprezar, esta corrente redentora da graza de Cristo. É doloroso falar desta chaga da sociedade que se chama cristiá, pero resulta necesario, para que nas nosas almas se afiance o desexo de acudir con máis amor e gratitude a esas fontes de santificación.

Deciden sen o menor escrúpulo retardar o bautismo dos nenos acabados de nacer, privándoos —cun grave atentado contra a xustiza e contra a caridade— da graza da fe, do tesouro incalculable da inhabitación da Trindade Santísima na alma, que vén ao mundo manchada polo pecado orixinal. Pretenden tamén desvirtuar a natureza propia do Sacramento da Confirmación, no que a Tradición unanimemente viu sempre un robustecemento da vida espiritual, unha efusión calada e fecunda do Espírito Santo, para que, fortalecida sobrenaturalmente, poida loitar a alma —miles Christi, como soldado de Cristo— nesa batalla interior contra o egoísmo e a concupiscencia.

Se a sensibilidade para as cousas de Deus se perde, dificilmente se entenderá o Sacramento da Penitencia. A confesión sacramental non é un diálogo humano, senón un coloquio divino; é un tribunal, de segura e divina xustiza e, sobre todo, de misericordia, cun xuíz amoroso que non desexa a morte do pecador, senón que se converta e viva13.

Verdadeiramente é infinita a tenrura do Noso Señor. Ollade con que delicadeza trata os seus fillos. Fixo do matrimonio un vínculo santo, imaxe da unión de Cristo coa súa Igrexa14, un grande sacramento no que se funda a familia cristiá, que ha ser, coa graza de Deus, un ambiente de paz e de con-cordia, escola de santidade. Os pais son cooperadores de Deus. De aí arrinca o amable deber de veneración, que lles corresponde aos fillos. Con razón, o cuarto mandamento pode chamarse —escribino hai tantos anos— docísimo precepto do decálogo. Se o matrimonio se vive como Deus quere, santamente, o fogar será un recanto de paz, luminoso e alegre.

Notas
12

Catechismus Romanus Concilii Tridentini, II, c. I, 3.

13

Ez XXXIII, 11.

14

Cfr. Eph V, 32.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma