8

Correspondencia humana

Neste clima da misericordia de Deus, desenvólvese a existencia do cristián. Este é o ámbito do seu esforzo, por comportarse como fillo de Deus. E cales son os medios para lograr que a vocación se afiance? Sinalareiche hoxe dous, que son como os eixes vivos da conduta cristiá: a vida interior e a formación doutrinal, o coñecemento profundo da nosa fe.

Vida interior, en primeiro lugar. Que poucos entenden aínda isto! Pensan, ao escoitar falar de vida interior, na escuridade do templo, cando non nos ambientes enrarecidos de moitas sancristías. Levo máis dun cuarto de século dicindo que non é iso. Describo a vida interior dos cristiáns correntes, que habitualmente se encontran en plena rúa, ao aire libre; e que, na rúa, no traballo, na familia e nos momentos de diversión están pendentes de Xesús todo o día. E que é isto senón vida de oración continua? Non é verdade que ti viches a necesidade de ser alma de oración, cun trato con Deus que te leva a endeusarte? Esa é a fe cristiá e dese xeito o comprenderon sempre as almas de oración: faise Deus aquel home, escribe Clemente de Alexandría, porque quere o mesmo que quere Deus41.

Ao comezo custará; hai que se esforzar en dirixirse ao Señor, en agradecer a súa piedade paterna e concreta con nós. Aos poucos o amor de Deus apálpase —malia que non é cousa de sentimentos—, como unha gadoupada na alma. É Cristo, que nos persegue amorosamente: velaquí que estou á túaporta, e chamo42. Como vai a túa vida de oración? Non sentes ás veces, durante o día, desexos de falar máis de vagar con El? Non lle dis: logo contareicho, logo conversarei disto contigo?

Nos momentos dedicados expresamente a ese coloquio co Señor, o corazón expándese, a vontade fortalécese, a intelixencia —axudada pola graza— penetra, de realidades sobrenaturais, as realidades humanas. Como froito sairán sempre propósitos claros, prácticos, de mellorar a túa conduta, de tratar finamente con caridade a todos os homes, de empregarte a fondo —co afán dos bos deportistas— nesta loita cristiá de amor e de paz.

A oración faise continua, como o latexo do corazón, como o pulso. Sen esa presenza de Deus non hai vida contemplativa; e sen vida contemplativa de pouco vale traballar por Cristo, porque se esforzan en van os que constrúen, se Deus non sostén a casa43.

Notas
41

Clemente de Alexandría, Paedagogus, 3, 1, 1, 5 (PG 8, 556).

42

Apoc III,20.

43

Cfr. Ps CXXVI, 1.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma