80

Pero sigamos contemplando a marabilla dos sacramentos. Na Unción dos enfermos, como agora chaman á Extrema Un ción, asistimos a unha amorosa preparación da viaxe, que rematará na casa do Pai. E coa Sagrada Eucaristía, sacramento —se nos podemos expresar así— do dispendio divino, concédenos a súa graza, e entrégasenos Deus mesmo: Xesucristo, que está realmente presente sempre —e non só durante a Santa Misa— co seu Corpo, coa súa Alma, co seu Sangue e coa súa Divindade.

Penso repetidamente na responsabilidade que lles incumbe aos sacerdotes, de asegurarlles a todos os cristiáns ese regueiro divino dos Sacramentos. A graza de Deus vén en socorro de cada alma; cada criatura require unha asistencia concreta, persoal. Non se poden tratar ás almas en masa! Non é lícito ofender a dignidade humana e a dignidade de fillo de Deus, non acudindo persoalmente a cada un coa humildade do que se sabe instrumento, para ser vehículo do amor de Cristo: porque cada alma é un tesouro marabilloso; cada home é único, insubstituíble. Cada un vale todo o sangue de Cristo.

Falabamos antes de loita. Pero a loita esixe exercicio, unha alimentación adecuada, unha medicina urxente no caso de enfermidade, de contusións, de feridas. Os Sacramentos, medicina principal da Igrexa, non son superfluos: cando se abandonan voluntariamente, non é posible dar un paso no camiño do seguimento de Xesucristo: necesitámolos como a respiración, como o circular do sangue, como a luz, para apreciar en calquera instante o que o Señor quere de nós.

A ascética do cristián esixe fortaleza; e esa fortaleza atópase no Creador. Somos a escuridade, e El é o clarísimo resplandor; somos a enfermidade, e El é a saúde robusta; somos a escaseza, e El a infinita riqueza; somos a debilidade, e El susténtanos, quia tu es, Deus, fortitudo mea18, porque sempre es, oh meu Deus, a nosa fortaleza. Non hai nada nesta terra capaz de opoñerse ao abrollar impaciente do Sangue redentor de Cristo. Pero a pequenez humana pode velar os ollos, de xeito que non advirtan a grandeza divina. De aí a responsabilidade de todos os fieis, e especialmente dos que teñen o oficio de dirixir —de servir— espiritualmente ao Pobo de Deus, de non cegar as fontes da graza, de non se avergoñar da Cruz de Cristo.

Notas
18

Ps XLII, 2.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma