82

Hoxe e onte

A liturxia do Domingo de Ramos pon en boca dos cristiáns este cántico: levantade, portas, os vosos linteis; levantádevos, portas antigas, para que entre o Rei da gloria21. O que se queda recluído na cidadela do propio egoísmo non descenderá ao campo de batalla. En troques, se levanta as portas da for-taleza e permite que entre o Rei da paz, sairá con El a combater toda esa miseria que embaza os ollos e insensibiliza a conciencia.

Levantade as portas antigas. Esta esixencia de combate non é nova no cristianismo. É a verdade perenne. Sen loita, non se logra a vitoria; sen vitoria non se acada a paz. Sen paz, a alegría humana será só unha alegría aparente, falsa, estéril, que non se troca en axuda aos homes, nin en obras de caridade e de xustiza, de perdón e de misericordia, nin en servizo de Deus.

Agora, dentro e fóra da Igrexa, enriba e embaixo, dá a impresión de que moitos renunciaron á loita —a esa guerra persoal contra as propias claudicacións—; para entregarse con armas e bagaxe a servidumes que envilecen a alma. Ese perigo axexaranos sempre a todos os cristiáns.

Por iso, cómprenos acudir insistentemente á Trindade Santísima, para que teña compaixón de todos. Ao falar destas cousas, estreméceme referirme á xustiza de Deus. Acudo á súa misericordia, á súa compaixón, para que non mire os nosos pecados, senón os méritos de Cristo e os da súa Santa Nai, que é tamén Nai nosa, os do Patriarca san Xosé que lle fixo de Pai, os dos Santos.

O cristián pode vivir coa seguridade de que, se desexa loitar, Deus o collerá da súa man dereita, como se le na Misa desta festa. Xesús, que entra en Xerusalén cabalgando nun pobre burro manso, Rei de paz, El é quen dixo: o reino dos ceos alcánzase a viva forza, e os que a fan son os que o arrebatan22. Esa forza non se manifesta en violencia contra os demais: é fortaleza para combater as propias debilidades e miserias, valentía para non enmascarar as infidelidades persoais, audacia para confesar a fe tamén cando o ambiente é contrario.

Hoxe, coma onte, do cristián espérase heroísmo. Heroís-mo en grandes contendas, se é preciso. Heroísmo —e será o normal— nas pequenas pendencias de cada xornada. Cando se pelexa de continuo, con Amor e dese xeito que parece insignificante, o Señor está sempre a carón dos seus fillos, como pastor amoroso: Eu mesmo apacentarei as miñas ovellas. Eu mes-mo levareinas ao ovil. Buscarei á ovella perdida, traerei á descamiñada, vendarei a que estea ferida, curarei as enfermas... Habitarán na súa terra con seguridade, e saberán que eu son Iavé, cando rompa o apear do seu xugo e as arrinque das mans dos que as escravizaron23.

Notas
21

Antífona na distribución dos ramos.

22

Mt XI, 12.

23

Ez XXXIV, 15-16; 27.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma