83

83 A véspera da festa solemne da Pascua, sabendo Xesús que era chegada a hora do seu tránsito deste mundo ao Pai, como amara os seus que vivían no mundo, amounos ata a fin1. Este versículo de san Xoán anuncialle, ao lector do seu Evanxeo, que algo grande ocorrerá nese día. É un preámbulo tenramente afectuoso, parello ao que recolle no seu relato san Lucas: ardentemente, afirma o Señor, desexei comer este año, celebrar esta Pascua convosco, antes da miña Paixón2. Comecemos por pedirlle desde agora ao Espírito Santo que nos prepare, para entender cada expresión e cada xesto de Xesucristo: porque queremos vivir vida sobrenatural, porque o Señor nos manifestou a súa vontade de dársenos como alimento da alma e porque recoñecemos que só El ten palabras de vida eterna3.

A fe fainos confesar con Simón Pedro: nós cremos e coñecemos que ti es o Cristo, o Fillo de Deus4. E é esa fe, fusionada coa nosa devoción, a que nos leva en momentos transcendentais a imitar a audacia de Xoán: aproximarnos a Xesús e reclinar a cabeza no peito do Mestre5, que amaba ardentemente os seus e —acabamos de escoitalo— os ía amar ata a fin.

Todos os modos de dicir resultan pobres, se pretenden explicar, aínda que sexa de lonxe, o misterio do Xoves Santo. Pero non é difícil imaxinar en parte os sentimentos do Corazón de Xesucristo naquela tarde, a derradeira que pasaba cos seus, antes do sacrificio do Calvario.

Considerade a experiencia, tan humana, da despedida de dúas persoas que se queren. Desexarían estar sempre xuntas, mais o deber —o que sexa— obrígaas a afastarse. O seu afán sería continuar sen se separar, e non poden. O amor do home, que por grande que sexa é limitado, recorre a un símbolo: os que se despiden se intercambian un agasallo, quizais unha fotografía, cunha dedicatoria tan ardente, que sorprende que non arda a cartolina. Non logran máis porque o poder das criaturas non chega tan lonxe coma o seu querer.

O que nós non podemos, pódeo o Señor. Xesucristo, perfecto Deus e perfecto Home, non deixa un símbolo, senón a realidade: quédase El mesmo. Irá ao Pai, pero permanecerá cos homes. Non nos legará un simple agasallo que nos faga evocar a súa memoria, unha imaxe que tenda a se esfumar co tempo, como a fotografía que pronto aparece esvaecida, amarelecida e sen sentido para os que non foron protagonistas daquel amoroso momento. Baixo as especies do pan e do viño está El, real-mente presente: co seu Corpo, o seu Sangue, a súa Alma e a súa Divindade.

Notas
1

Ioh XIII, 1.

2

Lc XXII, 15.

3

Ioh VI, 69.

4

Ioh VI, 70.

5

Cfr. Ioh XIII, 25.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma