84

A ledicia do Xoves Santo

Que ben se explica agora o clamor constante dos cristiáns, en todos os tempos, ante a Hostia santa! Canta, lingua, o misterio do Corpo glorioso e do Sangue precioso, que o Rei de todas as xentes, nacido dunha Nai fecunda, verteu para rescatar o mundo6. É preciso adorar devotamente a este Deus agochado7: é o mesmo Xesucristo que naceu de María Virxe; o mesmo que padeceu, que foi inmolado na Cruz; o mesmo de cuxo costado traspasado manou auga e sangue8.

Este é o sagrado convite, no que se recibe ao mesmo Cristo; renóvase a memoria da Paixón e, con El, a alma trata intimamente ao seu Deus e posúe unha prenda da gloria futura9. A  liturxia da Igrexa resumiu, en breves estrofas, os capítulos culminantes da historia de ardente caridade, que o Señor nos dispensa.

O Deus da nosa fe non é un ser afastado, que contempla indiferente a sorte dos homes: os seus afáns, as súas loitas, as súas angustias. É un Pai que ama os seus fillos ata o extremo de enviar o Verbo, Segunda Persoa da Trindade Santísima, para que, encarnándose, morra por nós e nos redima. O mes-mo Pai amoroso que agora nos atrae suavemente cara a El, me diante a acción do Espírito Santo que habita nos nosos corazóns.

A ledicia do Xoves Santo procede de aí: de comprender que  o Creador se desbordou en agarimo polas súas criaturas. O Noso Señor Xesucristo, como se aínda non fosen suficientes todas as outras probas da súa misericordia, institúe a Eucaristía para que o poidamos ter sempre preto e —no que nos é posible entender— porque, movido polo seu Amor, o que non precisa de nada, non quere prescindir de nós. A Trindade namorouse do home, elevado á orde da graza e feito á súa imaxe e semellanza10; redimiuno do pecado —do pecado de Adán que recaeu sobre toda a súa descendencia, e dos pecados persoais de cadaquén— e desexa vivamente morar na nosa alma: o que me ama observará a miña doutrina e o meu Pai amarao, e viremos onda el e faremos mansión dentro del 11.

Notas
6

Himno Pange lingua.

7

Cfr. Adoro te devote, ritmo de San Tomé de Aquino.

8

Cfr. Ave verum.

9

Cfr. himno O sacrum convivium.

10

Gen I, 26.

11

Ioh XIV, 23.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma