88

Vivir a Santa Misa é permanecer en oración continua: convencernos de que, para cada un de nós, este é un encontro persoal con Deus: adoramos, loamos, pedimos, damos grazas, reparamos polos nosos pecados, purificámonos, sentímonos unha soa cousa en Cristo con todos os cristiáns.

Quizais, por veces, témonos preguntado como podemos corresponder a tanto amor de Deus; quizais temos desexado ver exposto claramente un programa de vida cristiá. A solución é fácil, e está ao alcance de todos os fieis: participar amorosamente na Santa Misa, aprender na Misa a tratar a Deus, porque neste Sacrificio se encerra todo o que o Señor quere de nós.

Permitídeme que vos lembre o que tedes observado en tantas ocasións: o desenvolvemento das cerimonias litúrxicas. Seguíndoas paso a paso, é moi posible que o Señor vos faga descubrir a cada un de vós en que debe mellorar, que vicios ten que extirpar, e de que xeito debe ser o voso trato fraterno con todos os homes.

O sacerdote diríxese cara ao altar de Deus, do Deus que aleda a nosa mocidade. A Santa Misa iníciase cun canto de ledicia, porque Deus está aquí. É a ledicia, que xunto co recoñecemento e o amor, se manifesta nun bico á mesa do altar, símbolo de Cristo e recordo dos santos: un espazo pequeno, santificado porque nesta ara se elabora o Sacramento da infinita eficacia.

O Confiteor ponnos cara á nosa indignidade; non é o recordo abstracto da culpa, senón a presenza, tan concreta, dos nosos pecados e das nosas faltas. Por iso repetimos: Kyrie eleison, Christe eleison, Señor, ten piedade de nós; Cristo, ten piedade de nós. Se o perdón que necesitamos estivese en relación cos nosos méritos, nese momento agromaría na nosa alma unha tristeza amarga. Mais, por bondade divina, o perdón vennos da misericordia de Deus, ao que loamos —Gloria!—; porque só Ti es santo, só Ti Señor, só Ti altísimo, Xesucristo, co Espírito Santo, na gloria de Deus Pai.

Este punto noutro idioma