89
Oímos agora a Palabra da Escritura, a Epístola e o Evanxeo, luces do Paráclito, que fala con voces humanas para que a nosa intelixencia saiba e contemple, para que a vontade se robusteza e a acción se cumpra. Porque somos un só pobo que confesa unha soa fe, un Credo; un pobo congregadona unidade do Pai, do Fillo e do Espírito Santo22.
A continuación, a ofrenda: o pan e o viño dos homes. Non é moito, pero a oración acompaña: recíbenos Señor ao presentarnos a Ti con espírito de humildade e con corazón contrito; e o sacrificio que hoxe che ofrecemos, oh Señor Deus, chegue de tal xeito á túa presenza, que che sexa grato. Irrompe de novo o recordo da nosa miseria e o desexo de que todo o que vai para o Señor estea limpo e purificado: lavarei as miñas mans, amo o decoro da túa casa.
Hai un intre, antes do lavabo, invocamos o Espírito San-to, pedíndolle que bendiga o Sacrificio ofrecido ao seu santo Nome. Rematada a purificación, dirixímonos á Trindade — Suscipe, Santa Trinitas—, para que acolla o que lle presentamos en memoria da vida, da Paixón, da Resurrección e da Ascensión de Cristo, en honra de María, sempre Virxe, en honra de todos os santos.
Que a ofrenda redunde en salvación de todos —Orate, fratres, reza o sacerdote—, porque este sacrificio é meu e voso, de toda a Igrexa Santa. Orade, irmáns, aínda que sexades poucos os que vos atopades reunidos; aínda que só estea materialmente presente nada máis que un cristián, e aínda que estivese só o celebrante: porque calquera Misa é o holocausto universal, rescate de todas as tribos e linguas e pobos e nacións23.
Todos os cristiáns, pola Comuñón dos Santos, reciben as grazas de cada Misa, tanto de celebrarse ante milleiros de persoas ou se lle axuda ao sacerdote como único asistente un rapaz, quizais distraído. En calquera caso, a terra e o ceo únense para entoar cos Anxos do Señor: Sanctus, Sanctus, Sanctus...
Eu aplaudo e enxalzo cos Anxos: non me é difícil, porque me sei arrodeado deles, cando celebro a Santa Misa. Están adorando á Trindade. Como sei tamén que, dalgún xeito, intervén a Santísima Virxe, pola íntima unión que ten coa Trindade Beatísima e porque é Nai de Cristo, da súa Carne e do seu Sangue: Nai de Xesucristo, perfecto Deus e perfecto Home. Xesucristo concibido nas entrañas de María Santísima sen obra de home, pola soa virtude do Espírito Santo, leva o mesmo Sangue da súa Nai: e ese Sangue é o que se ofrece en sacrificio redentor, no Calvario e na Santa Misa.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/89/ (14-12-2025)