90

Así éntrase no canon, coa confianza filial que chama ao noso Pai Deus clementísimo. Pedímoslle pola Igrexa e por todos na Igrexa: polo Papa, pola nosa familia, polos nosos amigos e compañeiros. E o católico, con corazón universal, prega por todo o mundo, porque non pode quedar nada excluído do seu celo entusiasta. Para que a petición sexa acollida, facemos presente o noso recordo e a nosa comunicación coa gloriosa sempre Virxe María e cunha manchea de homes, que foron os primeiros en seguir a Cristo e morreron por El.

Quam oblationem... Aproxímase o momento da consagración. Agora, na Misa, é outra vez Cristo o que actúa, a través do sacerdote. Este é o meu Corpo. Este é o cáliz do meu Sangue. Xesús está connosco! Coa Transubstanciación, reitérase a infinita loucura divina, ditada polo Amor. Cando hoxe se repita ese momento, que cada un saibamos dicir ao Señor, sen ruído de palabras, que nada poderá separarnos del, que a súa dispoñibilidade —inerme— de se quedar nas aparencias, tan fráxiles! do pan e do viño, converteunos en escravos voluntarios: praesta meae menti de te vivere, et te illi semper dulce sapere24, fai  que eu viva sempre de ti e que sempre saboree a dozura do teu amor.

Máis peticións, porque os homes estamos case sempre inclinados a pedir: polos nosos irmáns defuntos, por nós mesmos. Aquí caben tamén todas as nosas infidelidades, nosas miserias. A carga é moita, pero El quere levala por nós e con nós. Remata o canon cunha invocación á Trindade Santísima: per Ipsum, et cum Ipso, et in Ipso..., por Cristo, con Cristo e en Cristo, Amor noso, a Ti, Pai Todopoderoso, en unidade do Espírito Santo, séxate dado todo honor e gloria polos séculos dos séculos.

Notas
24

Adoro te devote.

Este punto noutro idioma