91
Xesús é o Camiño, o Mediador; nel, todo; fóra del, nada. En Cristo, aprendidos por El atrevémonos a chamar Pai Noso ao Todopoderoso: o que fixo o ceo e mais a terra é ese Pai entrañable que espera que volvamos a El continuamente, cada un como un novo e constante fillo pródigo.
Ecce Agnus Dei... Domine, non son dignus... Imos recibir o Señor. Para acoller na terra a persoas constituídas en dignidade hai luces, música, traxes de gala. Para albergar a Cristo na nosa alma, como nos debemos preparar? Pensamos algunha vez en como nos conduciriamos, se só se puidese comungar unha vez na vida?
Cando eu era neno, non estaba aínda estendida a práctica da comuñón frecuente. Lembro como se dispuñan para comungar: había esmero en aviar ben a alma e o corpo. O mellor traxe, a cabeza ben peiteada, limpo tamén fisicamente o corpo, e quizais ata un pouco de perfume... Eran delicadezas propias de namorados, de almas finas e rexas, que saben pagar con amor o Amor.
Con Cristo na alma, remata a Santa Misa: a bendición do Pai, do Fillo e do Espírito Santo acompáñanos durante toda a xornada, na nosa tarefa sinxela e normal de santificar todas as nobres actividades humanas.
Asistindo á Santa Misa aprenderedes a tratar a cada unha das Persoas divinas: ao Pai, que xera ao Fillo; ao Fillo, que é xerado polo Pai; ao Espírito Santo que dos dous procede. Tratando a calquera das tres Persoas, tratamos a un só Deus; e tratando ás tres, á Trindade, tratamos igualmente a un só Deus único e verdadeiro. Amade a Misa, meus fillos, amade a Misa. E comungade con fame, aínda que esteades xélidos, aínda que a emotividade non responda: comungade con fe, con esperanza, con acendida caridade.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/91/ (14-12-2025)