92

Tratar a Xesucristo

Non ama a Cristo o que non ama a Santa Misa, o que non se esforza en vivila con serenidade e sosego, con devoción, con agarimo. O amor fai aos namorados finos, delicados; descobre, para que os coiden, detalles ás veces mínimos, pero que sempre son expresión dun corazón apaixonado. Deste xeito temos que asistir á Santa Misa. Por iso sospeitei sempre que, os que queren oír unha Misa curta e atropelada, demostran con esa actitude abofé que pouco elegante, que non atinxiron a se decatar do que significa o Sacrificio do altar.

O amor a Cristo, que se ofrece por nós, impúlsanos a encontrar, rematada a Misa, uns minutos para unha acción de grazas persoal, íntima, que prolongue no silencio do corazón esoutra acción de grazas que é a Eucaristía. Como dirixírmonos a El, como falarlle, como comportarse?

A vida cristiá non se compón de normas ríxidas, porque o Espírito Santo non guía ás almas en masa, senón que, en cada unha, infunde aqueles propósitos, inspiracións e afectos que a axudan a percibir e a cumprir a vontade do Pai. Penso, non obstante, que en moitas ocasións o miolo do noso diálogo con Cristo, da acción de grazas despois da Santa Misa, pode ser a consideración de que o Señor é, para nós, Rei, Médico, Mestre, Amigo.

Este punto noutro idioma