93
É Rei e arela reinar nos nosos corazóns de fillos de Deus. Pero non imaxinemos os reinados humanos; Cristo non domina nin se quere impor, porque non veu para ser servido senón a servir25.
O seu reino é a paz, a ledicia, a xustiza. Cristo, o noso rei, non espera de nós vans razoamentos, senón feitos, porque non todo aquel que di Señor!, Señor!, entrará no reino dos ceos, senón o que fai a vontade do meu Pai celestial, ese entrará26.
É Médico e cura o noso egoísmo, se deixamos que a súa graza penetre ata o fondo da alma. Xesús advertiunos que a peor enfermidade da alma é a hipocrisía, o orgullo que leva a disimular os propios pecados. Co Médico é imprescindible unha sinceridade absoluta, explicar de cheo a verdade e dicir: Domine, si vis, potes me mundare27, Señor, se queres —e Ti queres sempre—, pódesme curar. Ti coñeces a miña fraqueza; sinto estes síntomas, padezo estas debilidades. E mostrámoslle sinxelamente as chagas; e o pus, se hai pus. Señor, Ti, que curaches a tantas almas, fai que, ao terte no meu peito ou ao contemplarte no Sagrario, te recoñeza como Médico divino.
É Mestre dunha ciencia que só El posúe: a do amor sen límites a Deus e, en Deus, a todos os homes. Na escola de Cristo apréndese que a nosa existencia non nos pertence: El entregou a súa vida por todos os homes e, se o seguimos, temos que comprender que tampouco nós podemos apropiarnos da nosa dun xeito egoísta, sen compartir as dores dos demais. A nosa vida é de Deus e temos que gastala no seu servizo, preo-cupándonos xenerosamente das almas, demostrando, coa palabra e co exemplo, a fondura das esixencias cristiás.
Xesús agarda que alimentemos o desexo de adquirir esa ciencia, para repetirnos: o que teña sede, veña onda min e beba28. E contestamos: apréndenos a esquecernos de nós mesmos, para pensar en Ti e en todas as almas. Deste xeito o Señor levaranos adiante coa súa graza, como cando comezabamos a escribir — lembrades aqueles trazos da infancia guiados pola man do mestre?— e así comezamos a saborear a dita de manifestar a nosa fe, que é xa outra dádiva de Deus, tamén con trazos inequívocos de conduta cristiá, onde todos poidan ler as marabillas divinas.
É Amigo, o Amigo, vos autem dixi amicos29, di. Chámanos amigos e foi El quen deu o primeiro paso; amounos primeiro. Así e todo, non impón o seu cariño: ofréceo. Móstrao co signo máis claro da amizade: ninguén ten amor máis grande que o que entrega a súa vida polos seus amigos30. Era amigo de Lázaro e chorou por El, cando o viu morto: e resucitouno. Se nos ve fríos, desganados, quizais coa rixidez dunha vida interior que se extingue, o seu pranto será para nós vida. Eu mándocho, meu amigo, érguete e anda31, sae fóra desa vida estreita, que non é vida.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/93/ (14-12-2025)