96
A morte de Cristo chámanos a unha plena vida cristiá
Acabamos de revivir o drama do Calvario, o que me atrevería a chamar a Misa primeira e primordial, celebrada por Xesucristo. Deus Pai entrega o seu Fillo á morte. Xesús, o Fillo Unixénito, abrázase ao madeiro, no que lle haberían de axustizar, e o seu sacrificio é aceptado polo Pai: como froito da Cruz, espállase sobre a Humanidade o Espírito Santo6.
Na traxedia da Paixón consúmase a nosa propia vida e a enteira historia humana. A Semana Santa non se pode reducir a un mero recordo, xa que é a consideración do misterio de Xesucristo, que se prolonga nas nosas almas; o cristián está obrigado a ser alter Christus, ipse Christus, outro Cristo, o mesmo Cristo. Todos, polo Bautismo, fomos constituídos sacerdotes da nosa propia existencia, para ofrecer vítimas espirituais, que sexan agradables a Deus por Xesucristo7, para realizar cada unha das nosas accións en espírito de obediencia á vontade de Deus, perpetuando así a misión do Deus-Home.
Pola contra, esa realidade lévanos a nos deter nas nosas coitas, nos nosos erros persoais. Non nos debe desanimar esta consideración, nin colocarnos na actitude escéptica de quen renunciou á ilusións grandes. Porque o Señor nos reclama tal como somos, para que participemos da súa vida, para que loitemos por ser santos. A santidade: cantas veces pronunciamos esa palabra como se fose un son baldeiro! Para moitos é incluso un ideal inaccesible, un tópico da ascética, pero non un fin concreto, unha realidade viva. Non pensaban deste xeito os primeiros cristiáns, que usaban o nome de santos para chamarse entre si, con toda naturalidade e con grande frecuencia: saúdanvos todos os santos8, saúde a todo santo en Cristo Xesús9.
Agora, situados neste momento do Calvario, cando Xesús xa morreu e aínda non se manifestou a gloria do seu triunfo, é unha boa ocasión para examinar os nosos desexos de vida cristiá, de santidade; para reaccionar cun acto de fe ante as nosas debilidades, e confiando no poder de Deus, facer o propósito de pór amor nas cousas da nosa xornada. A experiencia do pecado débenos conducir á dor, a unha decisión máis madura e máis fonda de sermos fieis, de identificármonos de veras con Cristo, de perseverar, custe o que custar, nesa misión sacerdotal que El encomendou a todos os seus discípulos sen excepción, que nos empuxa a ser sal e luz do mundo10.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/96/ (14-12-2025)