97
Pensar na morte de Cristo tradúcese nunha invitación a situarnos con absoluta sinceridade ante o noso quefacer ordinario, a tomar en serio a fe que profesamos. A Semana Santa, polo tanto, non pode ser unha paréntese sagrada no contexto dun vivir movido só polos intereses humanos: ha ser unha ocasión de afondar na fondura do Amor de Deus, para poder dese xeito, coa palabra e coas obras, mostralo aos homes.
Pero o Señor determina condicións. Hai unha declaración súa, que nos conserva san Lucas, da que non se pode prescindir: Se alguén dos que me segue non aborrece o seu pai e a súa nai; e a muller e os fillos, e os irmáns e irmás, e aínda a súa propia vida, non pode ser o meu discípulo11. Son termos duros. Certamente nin odiar nin aborrecer en castelán expresan ben o pensamento orixinal de Xesús. De todas maneiras, foron fortes as palabras do Señor, xa que tampouco se reducen a un amar menos, como ás veces se interpreta suavemente, para temperar a frase. É tremenda esa expresión tan tallante non porque implique unha actitude negativa ou sen piedade, xa que o Xesús que fala agora é o mesmo que ordena amar aos outros como á propia alma, e que entrega a súa vida polos homes: esta locución indica, sinxelamente, que ante Deus non caben medias tintas. Poderíanse traducir as palabras de Cristo por amar máis, amar mellor, mais ben, por non amar cun amor egoísta nin tampouco cun amor a curto alcance: debemos amar co Amor de Deus.
Trátase disto. Fixémonos na última das esixencias de Xesús: et animam suam. A vida, a alma mesma é o que pide o Señor. Se somos fatuos, se só nos preocupamos da nosa persoal comodidade, se centramos a existencia dos outros e aínda a do mundo en nós mesmos, non temos dereito a nos chamar cristiáns, a nos considerar discípulos de Cristo. Fai falta a entrega con obras e con verdade, non só de boca12. O amor a Deus invítanos a levar a pulso a cruz, a sentir tamén sobre nós o peso da humanidade enteira, e a cumprir, nas circunstancias propias do estado e do traballo de cada quen, os designios, claros e amorosos á vez, da vontade do Pai. Na pasaxe que comentamos, Xesús continúa: E o que non carga coa súa cruz e me segue, tampouco pode ser o meu discípulo13.
Aceptemos sen medo a vontade de Deus, formulemos sen vacilacións o propósito de edificar toda a nosa vida de acordo co que nos aprende e esixe a nosa fe. Esteamos seguros de que atoparemos loita, sufrimento e dor, pero, se posuímos de verdade a fe, non nos consideraremos nunca desgraciados: tamén con magoas e incluso con calumnias, seremos felices cunha felicidade que nos impulsará a amar aos demais, para facelos participar da nosa ledicia sobrenatural.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/97/ (14-12-2025)