98

O cristianismo ante a Historia humana

Ser cristián non é un título de mera satisfacción persoal: ten nome —substancia— de misión. Xa antes lembrabamos que o Señor convida a todos os cristiáns a que sexan sal e luz do mundo; facéndose eco deste mandato, e con textos tomados do Antigo Testamento, san Pedro escribe unhas palabras que marcan claramente esa encomenda: Vós sodes liñaxe escollida, sacerdocio real, xente santa, pobo de conquista, para publicar as grandezas de Aquel que vos sacou das tebras a súa luz admirable14.

Ser cristián non é algo accidental, é unha divina realidade que se enxerta nas entrañas da nosa vida, dándonos unha visión limpa e unha vontade decidida para actual como Deus quere. Apréndese dese xeito que a peregrinación do cristián no mundo hase converter nun continuo servizo prestado de xeitos moi diversos, segundo as circunstancias persoais, pero sempre por amor a Deus e ao próximo. Ser cristián é actuar sen pensar nas pequenas metas do prestixio ou da ambición, nin en finalidades que poden parecer máis nobres como a filantropía ou a compaixón polas desgrazas alleas: é discorrer cara ao termo último e radical do amor que manifestou Xesucristo ao morrer por nós.

Danse, ás veces, algunhas actitudes, que son produto de non saber penetrar neste misterio de Xesús. Por exemplo, a mentalidade dos que ven o cristianismo como un conxunto de prácticas ou actos de piedade, sen percibir a súa relación coas situacións da vida corrente, coa urxencia de atender as necesidades dos demais e de esforzarse por remediar as inxustizas.

Diría que quen ten esa mentalidade non comprendeu aínda o que significa que o Fillo de Deus se encarnase, tomase corpo, alma e voz de home, que participase no noso destino ata experimentar o esgazadura suprema da morte. Quizais, sen querer, algunhas persoas consideran a Cristo como un estraño no ambiente dos homes.

Outros —porén— tenden a imaxinar que, para poder ser humanos, hai que poñer en solfa algúns aspectos centrais do dogma cristián, e actúan como se a vida de oración, o trato continuo con Deus, constituísen unha fuxida das propias responsabilidades e un abandono do mundo. Esquecen que, precisamente Xesús, nos deu a coñecer ata que extremos se debe levar o amor e o servizo. Só se procuramos comprender o arcano do amor de Deus, dese amor que chega ata a morte, seremos capaces de entregarnos totalmente aos demais, sen nos deixar vencer polas dificultades ou pola indiferenza.

Notas
14

1 Pet II, 9.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma