99
É a fe en Cristo, morto e resucitado, presente en todos e en cada un dos momentos da vida, a que alumea as nosas conciencias, incitándonos a participar con todas as forzas nas vicisitudes e nos problemas da historia humana. Nesta historia, que se iniciou coa creación do mundo e que rematará coa consumación dos séculos, o cristián non é un apátrida. É un cidadán da cidade dos homes, coa alma chea de desexos de Deus, cuxo amor empeza a entrever xa nesta etapa temporal, e no que recoñece o fin ao que estamos chamados todos os que vivimos na terra.
Se interesa o meu testemuño persoal, podo dicir que sempre concibín o meu labor de sacerdote e de pastor de almas como unha tarefa encamiñada a situar a cada un fronte ás esixencias completas da súa vida, axudándoo a descubrir o que Deus, en concreto, lle pide, sen pór limitación ningunha a esa independencia santa e a esa bendita responsabilidade individual, que son características dunha conciencia cristiá. Ese xeito de obrar e ese espírito baséanse no respecto á transcendencia da verdade revelada, e no amor á liberdade da criatura humana. Podería engadir que se basea tamén na certeza da indeterminación da historia, aberta a múltiples posibilidades, que Deus non quixo pechar.
Seguir a Cristo non significa refuxiarse no templo, encolléndose de ombreiros ante o desenvolvemento da sociedade, ante os acertos e as aberracións dos homes e dos pobos. A fe cristiá, pola contra, lévanos a ver o mundo como creación do Señor, a apreciar, polo tanto, todo o nobre e todo o belo, a recoñecer a dignidade de cada persoa, feita a imaxe de Deus, e a admirar ese don especialísimo da liberdade, pola que somos donos dos nosos propios actos e podemos —coa graza do Ceo— construír o noso destino eterno.
Sería empequenecer a fe, reducila a unha ideoloxía terrea, enarborando un estandarte político-relixioso para condenar, non se sabe en nome de que investidura divina, os que non pensan do mesmo xeito en problemas que son, pola súa pro-pia natureza, susceptibles de recibir numerosas e diversas so-lucións.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/99/ (14-12-2025)