A CONVERSIÓN DOS FILLOS DE DEUS
Entramos no tempo de Coresma: un tempo de penitencia, de purificación, de conversión. Non é tarefa fácil. O cristianismo non é un camiño cómodo: non basta estar na Igrexa e deixar que pasen os anos. Na nosa vida, na vida dos cristiáns, a conversión primeira —ese momento único, que cadaquén lembra, no que se advirte claramente todo o que o Señor nos pide— é importante; pero máis importante aínda e máis difíciles, son as sucesivas conversións. Para facilitar o labor da graza divina con estas conversións sucesivas, cómpre manter a alma moza, invocar o Señor, saber oír, descubrir o que vai mal, pedir perdón.
Invocabit me et ego exaudiam eum, lemos na liturxia desde domingo1: se acudides a min, eu escoitareivos, di o Señor. Considerade esta marabilla do coidado de Deus connosco, disposto sempre a oírnos, pendente en cada momento da palabra do home. En todo tempo —pero dun xeito especial agora, porque o noso corazón está ben disposto, decidido a purificarse— , El óenos, e non desatenderá o que lle pide un corazón contrito e humillado2.
O Señor óenos, para intervir, para meterse na nosa vida, para librarnos do mal e enchernos de ben: eripiam eum et glori ficabo eum3, librareino e glorificareino, di do home. Esperanza de gloria, polo tanto: xa temos aquí, como outras veces, o comezo deste movemento íntimo, que é a vida espiritual. A esperanza desa glorificación acentúa a nosa fe e estimula a nosa caridade. Deste xeito, as tres virtudes teologais, virtudes divinas, que nos asemellan ao noso Pai Deus, puxéronse en movemento.
Que mellor maneira de comezar a Coresma? Renovamos a fe, a esperanza, a caridade. Esta é a fonte do espírito de penitencia, do desexo de purificación. A Coresma non é só unha ocasión para intensificar as nosas prácticas externas de mortificación: se pensásemos que é só iso, escaparíasenos o seu fondo sentido na vida cristiá, porque eses actos externos son —repito— froito da fe, da esperanza e do amor.
A arriscada seguridade do cristián
58 Qui habitat in adiutorio Altissimi, in protectione Dei coeli commorabitur4, habitar baixo a protección de Deus, vivir con Deus: esta é a arriscada seguridade do cristián. Hai que estar persuadidos de que Deus nos oe, de que está pendente de nós: dese xeito encherase de paz o noso corazón. Mais vivir con Deus é indubidablemente correr un risco, porque o Señor non se contenta compartindo: quéreo todo. E achegarse un pouco máis a El quere dicir estar disposto a unha nova conversión, a unha nova rectificación, a escoitar máis atentamente as súas inspiracións, os santos desexos que fai abrollar na nosa alma, e poñelos por obra.
Desde a nosa primeira decisión consciente de vivir con integridade a doutrina de Cristo, é seguro que fomos avanzando moito no camiño da fidelidade a súa Palabra. Así e todo, non é verdade que quedan aínda tantas cousas por facer?, non é verdade que queda, sobre todo, tanta soberbia? É preciso, sen dúbida, unha nova mudanza, unha lealdade máis plena, unha humildade máis profunda, de xeito que, diminuíndo o noso egoísmo, creza Cristo en nós, xa que illum oportet crescere, me autem minui 5, fai falta que El medre e que eu diminúa.
Non é posible quedar inmóbiles. Cómpre ir adiante cara á meta que san Paulo sinalaba: non son eu o que vivo, senón que Cristo vive en min6. A ambición é alta e nobilísima: a identificación con Cristo, a santidade. Pero non hai outro camiño, cando se desexa ser coherente coa vida divina que, polo Bautismo, Deus fixo nacer nas nosas almas. O avance é progreso en santidade; o retroceso é negarse ao desenvolvemento normal da vida cristiá. Porque o lume do amor de Deus necesita ser alimentado, crecer cada día, arraigándose na alma; e o lume mantense vivo queimando cousas novas. Por iso, se non se fai máis grande, vai camiño de se extinguir.
Lembrade as palabras de santo Agostiño. «Se dixeses basta, estás perdido. Vai sempre a máis, camiña sempre, progresa sempre. Non permanezas no mesmo sitio, non retrocedas, non te desvíes»7.
A Coresma ponnos agora diante destas preguntas fundamentais: avanzo na miña fidelidade a Cristo?, en desexos de santidade?, en xenerosidade apostólica na miña vida diaria, no meu traballo ordinario entre os meus compañeiros de profesión?
Cadaquén, sen ruído de palabras, que conteste estas preguntas, e verá como é necesaria unha nova transformación, para que Cristo viva en nós, para que a súa imaxe se reflicta limpamente na nosa conduta.
Se alguén quere vir após de min, néguese a si mesmo, tome a súa cruz cada día e sígame8. Dínolo Cristo outra vez a nós, como á orella, intimamente: a Cruz cada día.Non só —escribe san Xerome— en tempo de persecución, ou cando se presenta a posibilidade do martirio, senón en toda situación, en toda obra, en todo pensamento, en toda palabra, neguemos aquilo que antes eramos e confesemos o que agora somos, posto que renacemos en Cristo9.
Estas consideracións non son en realidade máis que o eco daqueloutras do Apóstolo: é verdade que noutro tempo non erades senón tebras, mais agora sodes luz no Señor; e así, procedede como fillos da luz. O froito da luz consiste en camiñar con toda bondade e xustiza e verdade: buscando o que é agradable a Deus10.
A conversión é cousa dun intre; a santificación é tarefa para toda a vida. A semente divina da caridade, que Deus puxo nas nosas almas, aspira a medrar, a manifestarse en obras, a dar froitos que respondan en cada momento ao que é agradable ao Señor. É indispensable por iso estar dispostos a recomezar, a reencontrar —nas novas situacións da nosa vida— a luz, o pulo da primeira conversión. E esta é a razón pola que temos que nos preparar cun exame fondo, pedíndolle axuda ao Señor, para que poidamos coñecelo mellor e nos coñezamos mellor a nós mesmos. Non hai outro camiño, se nos temos que converter de novo.
O tempo oportuno
59 Exhortamur ne in vacuum gratiam Dei recipiatis11, exhortámosvos a non recibir en van a graza de Deus. Porque a graza divina poderá encher as nosas almas nesta Coresma, sempre que non pechemos as portas do corazón. Temos que ter estas boas disposicións, o desexo de transformarnos de verdade, de non xogar coa graza do Señor.
Non me gusta falar de temor, porque o que lle move ao cristián é a Caridade de Deus, que se nos manifestou en Cristo e que nos aprende a amar a todos os homes e á creación enteira; pero si debemos falar de responsabilidade, de seriedade. Non vos queirades enganar a vós mesmos: de Deus ninguén se burla12, advírtenos o mesmo Apóstolo.
Hai que se decidir. Non é lícito vivir mantendo acesas esas dúas candeas que, segundo o dito popular, todo home se procura: unha a san Miguel e outra ao diabo. Hai que apagar a candea do diabo. Temos que consumir a nosa vida facendo que arda toda enteira ao servizo do Señor. Se o noso afán de santidade é sincero, se temos a docilidade de poñérmonos nas mans de Deus, todo irá ben. Porque El está sempre disposto a darnos a súa graza, e, especialmente neste tempo, a graza para unha nova conversión, para unha mellora da nosa vida de cristiáns.
Non podemos considerar esta Coresma como unha época máis, repetición cíclica do tempo litúrxico. Este momento é único: é unha axuda divina que hai que acoller. Xesús pasa ao noso carón e espera de nós —hoxe, agora— unha gran mudanza.
Ecce nunc tempus acceptabile, ecce nunc dies salutis13: este é o tempo oportuno, que pode ser o día da salvación. Outra vez se escoitan os asubíos do bo Pastor, con esa chamada agarimosa: ego vocavi te nomine tuo14. Chámanos a cada un polo noso nome, co alcume familiar co que nos chaman as persoas que nos queren. A tenrura de Xesús, por nós, non cabe en palabras.
Considerade comigo esta marabilla do amor de Deus: o Señor que sae ao noso encontro, que espera, que se coloca á beira do camiño para que non teñamos máis remedio que o ver. E chámanos persoalmente, falándonos das nosas cousas, que son tamén as súas, movendo a nosa conciencia á compunción, abríndoa á xenerosidade, imprimindo nas nosa almas a ilusión de ser fieis, de podérmonos chamar discípulos seus. Abonda percibir esas íntimas palabras da graza, que son como un reproche tantas veces afectuoso, para que nos decatemos de que non nos esqueceu en todo o tempo en que, pola nosa culpa, non o vimos. Cristo quérenos co agarimo inesgotable que cabe no seu Corazón de Deus.
Mirade como insiste: escoiteite no tempo oportuno, axudeite no día da salvación15. Xa que El promete a gloria, o seu amor, e dáche a oportunidade, e chámate, ti que lle vas dar ao Señor?, como responderás, como responderei tamén eu, a ese amor de Xesús que pasa?
Ecce nunc dies salutis, aquí está, fronte a nós, este día de salvación. A chamada do bo Pastor chega ata nós: ego vocavi te nomine tuo, chameite a ti, polo teu nome. Hai que contestar —amor con amor se paga— dicindo: ecce ego quia vocasti me16, chamáchesme e aquí estou. Estou decidido a que non pase este tempo de Coresma como pasa a auga polas pedras, sen deixar rastro. Deixareime empapar, transformar; convertereime, dirixireime de novo ao Señor, queréndolle como El desexa ser querido.
Amarás o Señor teu Deus con todo o teu corazón, e con toda a túa alma, e con toda a túa mente17. «Que queda do teu corazón, comenta santo Agostiño, para que poidas amarte a ti mesmo?, que queda da túa alma, que da túa mente? Ex toto, di. Totum exigit te, qui fecit te»18; quen te fixo esixe todo de ti.
Despois desta protesta de amor, temos que nos comportar como amadores de Deus. In omnibus exhibeamus nosmetipsos sicut Dei ministros19, comportémonos en todas as cousas como servidores do Señor. Se te dás como El quere, a acción da graza manifestarase na túa conduta profesional, no teu traballo, no empeño para facer ao divino as cousas humanas, grandes e pe quenas, porque polo Amor todas adquiren unha nova dimensión.
Mais nesta Coresma non podemos esquecer que querer ser servidores de Deus non é fácil. Sigamos co texto de san Paulo, que recolle a Epístola da Misa deste domingo, para lembrar as dificultades: Como servidores de Deus —escribe o Apóstolo—, con moita paciencia no medio de tribulacións, de necesidades, de angustias, de azoutes, de cárceres, de sedicións, de traballos, de vixilias, de xaxúns; con pureza, con doutrina, con longanimidade, con mansedume, con Espírito Santo, con caridade sincera, con palabras de verdade, con fortaleza de Deus20.
Nos momentos máis dispares da vida, en todas as situacións, temos que nos comportar como servidores de Deus, sabendo que o Señor está connosco, que somos os seus fillos. Temos que ser conscientes desa raíz divina, que está enxertada na nosa vida, e actuar en consecuencia.
Estas palabras do Apóstolo débenvos encher de ledicia, porque son como unha canonización da vosa vocación de cristiáns correntes, que vivides no medio do mundo, compartindo cos demais homes, os vosos iguais, afáns, traballos e alegrías. Todo iso é camiño divino. O que vos pide o Señor é que, en todo momento, obredes como os seus verdadeiros servidores.
Pero estas circunstancias ordinarias da vida serán camiño divino, se de verdade nos convertemos, se nos entregamos. Porque san Paulo fala unha linguaxe dura. Promételle ao cristián unha vida difícil, arriscada, en perpetua tensión. Como foi desfigurado o cristianismo, cando se quixo facer del unha vía cómoda! Mais tamén é unha desfiguración da verdade pensar que esa vida fonda e seria, que coñece vivamente todos os atrancos da existencia humana, sexa unha vida de angustia, de opresión ou de temor.
O cristián é realista, cun realismo sobrenatural e humano, que advirte todos os matices da vida: a dor e a alegría, o sufrimento propio e o alleo, a certeza e a perplexidade, a xenerosidade e a tendencia ao egoísmo. O cristián coñece todo e enfróntase con todo, cheo de enteireza humana e da fortaleza que recibe de Deus.
As tentacións de Cristo
A Coresma conmemora os corenta días que pasou Xesús no deserto, como preparación deses anos de predicación, que culminan na Cruz e na gloria da Pascua. Corenta días de oración e de penitencia. Ao remate, tivo lugar a escena que a liturxia de hoxe ofrece á nosa consideración, recolléndoa no Evanxeo da Misa: as tentacións de Cristo21.
Unha escena inzada de misterio, que o home pretende en van entender —Deus que se somete á tentación, que deixa facer ao Maligno— pero que pode ser meditada, pedindo ao Señor que nos faga saber a ensinanza que contén.
Xesucristo tentado. A tradición ilustra esta escena considerando que o Noso Señor, para darnos exemplo en todo, quixo tamén sufrir a tentación. Así é, porque Cristo foi perfecto Home, igual a nós, agás no pecado22. Despois de corenta días de xaxún, co só alimento —quizais— de herbas e raíces e du nha pouca auga, Xesús sente fame: fame de verdade, como calquera criatura. E cando o diabo lle propón que converta en pan as pedras, Noso Señor non só rexeita o alimento que o seu corpo pedía, senón que arreda de si unha incitación maior: a de usar o poder divino para remediar, se podemos falar así, un problema persoal.
Notariádelo ao longo dos Evanxeos: Xesús non fai milagres en beneficio propio. Converte a auga en viño para os esposos de Caná23; multiplica os pans e os peixes, para dar de comer a unha multitude famenta24. Pero El gaña o pan, durante longos anos, co seu propio traballo. E, máis tarde, durante o tempo do seu peregrinar por terras de Israel, vive coa axuda daqueles que o seguen25.
Relata san Xoán que despois dunha longa camiñada, ao chegar ao pozo de Sicar, fai que os seus discípulos vaian mercar comida á vila; e vendo chegar á samaritana, pídelle auga, porque El non tiña con que obtela26. O seu corpo fatigado polo longo camiñar experimenta o cansazo, e outras veces, para repoñer as forzas, acode ao sono27. Xenerosidade do Señor que se humillou, que aceptou de cheo a condición humana, que non se serve do seu poder de Deus para fuxir das dificultades ou do esforzo. Que nos aprende a ser rexos, a amar o traballo, a apreciar a nobreza humana e divina de saborear as consecuencias da entrega.
Na segunda tentación, cando o diabo lle propón que se lance desde o alto do Templo, rexeita Xesús de novo ese querer servirse do seu poder divino. Cristo non busca a vangloria, o aparato, a comedia humana que intenta utilizar a Deus como pano de fondo da propia excelencia. Xesucristo quere cumprir a vontade do Pai sen adiantar os tempos nin anticipar a hora dos milagres, senón percorrendo paso a paso o duro vieiro dos homes, o amable camiño da Cruz.
Algo moi semellante vemos na terceira tentación: ofrécenselle reinos, poder, gloria. O demo pretende estender, a ambicións humanas, esa actitude que se debe reservar só a Deus: promete unha vida fácil ao que se axeonlla perante del, perante dos ídolos. O Noso Señor reconduce a adoración ao seu único e verdadeiro fin, Deus, e reafirma a súa vontade de servir: arrédate Satanás; porque está escrito: adorarás o Señor o teu Deus e a El só servirás28.
62Aprendamos desta actitude de Xesús. Na súa vida na te-rra, non quixo nin sequera a gloria que lle pertencía, porque tendo dereito a ser tratado como Deus, asumiu a forma de servo, de escravo29. O cristián sabe deste xeito que toda a gloria é para Deus, e que non pode utilizar como instrumento de intereses e de ambicións humanas o valor sublime e a grandeza do Evanxeo.
Aprendamos de Xesús. A súa actitude, ao opoñerse a toda gloria humana, está en perfecta correlación coa grandeza du nha misión única: a do Fillo amadísimo de Deus, que se encarna para salvar os homes. Unha misión que o agarimo do Pai arrodeou dunha solicitude chea de tenrura: Filius meus es tu, ego hodie genui te. Postula a me et dabo tibi gentes hereditatem tuam30. Ti es o meu fillo, eu xereite hoxe. Pide, e dareiche ás xentes como herdade.
O cristián que —seguindo a Cristo— vive nesa actitude de completa adoración do Pai, recibe tamén do Señor pala-bras de agarimosa solicitude: Porque espera en min, librareino; protexereino, porque coñece o meu nome31.
Xesús díxolle que non ao demo, ao príncipe da tebras. E de seguido maniféstase a luz. Con iso deixouno o diabo; velaquí que se lle achegaron os anxos e servíano32. Xesús soportou a proba. Unha proba real, porque, comenta santo Ambrosio, non obrou como Deus usando do seu poder (de que, entón, nos aproveitaría o seu exemplo?), senón que, como home, serviuse dos auxilios que ten en común connosco33.
O demo, con intención torcida, citou o Antigo Testamento: Deus mandará aos seus anxos, para que protexan o xusto en todos os seus camiños34. Mais Xesús, rexeitando tentar ao seu Pai, devolvelle a esa pasaxe bíblica todo o seu sentido. E, como premio a súa fidelidade, cando chega a hora, preséntanse os mensaxeiros de Deus Pai para servilo.
Paga a pena considerar este modo, que Satanás utilizou con Xesucristo Noso Señor: argumenta con textos dos libros sagrados, torcendo, desfigurando de modo blasfemo o seu sentido. Xesús non se deixa enganar: ben coñece o Verbo feito carne a Palabra divina, escrita para salvación dos homes, e non para confusión e condena. Quen está unido a Xesucristo polo Amor, podemos concluír, non se deixará enganar nunca por un manexo fraudulento da Escritura Santa, porque sabe que é típica obra do diabo tratar de confundir a conciencia cristiá, discorrendo dolosamente cos mesmos termos empregados pola eterna Sabedoría, intentando facer —da luz— tebras.
Contemplemos un pouco esta intervención dos anxos na vida de Xesús, porque así entenderemos mellor o seu papel —a misión anxélica— en toda a vida humana. A tradición cristiá describe aos Anxos Custodios como uns grandes amigos, postos por Deus a carón de cada home, para que o acompañen nos seus camiños. E por iso invítanos a tratalos, a acudir a eles.
A Igrexa, ao facernos meditar estas pasaxes da vida de Cristo, lémbranos que, no tempo de Coresma, no que nos recoñecemos pecadores, cheos de miserias, necesitados de purificación, tamén cabe ledicia. Porque a Coresma é simultaneamente tempo de fortaleza e de gozo: temos que nos encher de alento xa que a graza do Señor non nos faltará, porque Deus estará ao noso carón e enviará aos seus Anxos, para que sexan os nosos compañeiros de viaxe, os nosos prudentes conselleiros ao longo do camiño, os nosos colaboradores en todas as nosas empresas. In manibus portabunt te, ne forte offendas ad lapidem pedem tuum35, segue o salmo: os Anxos levarante coas súas mans, para que o teu pé non tropece en pedra ningunha.
Hai que saber tratar os Anxos. Acudir a eles agora, dicirlle ao teu Anxo Custodio que estas augas sobrenaturais da Coresma non escorregaron pola túa alma, senón que penetraron ata o fondo, porque tes o corazón contrito. Pídelles que lle leven ao Señor esa boa vontade, que a graza fixo xermolar da nosa miseria, como un lirio que agromou na esterqueira. Santi Angeli, Custodes nostri: defendite nos in proelio, ut non pereamus in tremendo iudicio36. Santos Anxos Custodios: defendédenos na batalla, para que non perezamos no tremendo xuízo.
Filiación divina
Como se explica esa oración confiada, ese saber que non pereceremos na batalla? É un convencemento que arrinca du nha realidade que nunca me cansarei de admirar: a nosa filiación divina. O Señor que, nesta Coresma, pide que nos convertamos, non é un Dominador tiránico, nin un Xuíz ríxido e implacable: é o noso Pai. Fálanos dos nosos pecados, dos nosos erros, da nosa falta de xenerosidade: mais é para librarnos deles, para prometernos a súa Amizade e o seu Amor. A conciencia da nosa filiación divina dá ledicia á nosa conversión: dinos que estamos volvendo cara á casa do Pai.
A filiación divina é o fundamento do espírito do Opus Dei. Todos os homes son fillos de Deus. Pero un fillo pode reaccionar fronte ao seu pai, de moitas maneiras. Hai que se esforzar por ser fillos que se procuren decatar de que o Señor, ao querernos como fillos, fixo que vivamos na súa casa, no medio deste mundo, que sexamos da súa familia, que o seu sexa noso e o noso seu, que teñamos esa familiaridade e confianza con El que nos fai pedir, como o neno pequecho, a lúa!
Un fillo de Deus trata o Señor como Pai. O seu trato non é un obsequio servil, nin unha reverencia formal, de mera cortesía, senón que está cheo de sinceridade e de confianza. Deus non se escandaliza dos homes. Deus non se cansa das nosas infidelidades. Noso Pai do Ceo perdoa calquera ofensa, cando o fillo volve de novo a El, cando se arrepinte e pide perdón. Noso Señor é tan Pai que prevé os nosos desexos de ser perdoa-dos, e adiántase, abríndonos os seus brazos coa súa graza.
Mirade que non estou a inventar nada. Lembrade aquela parábola que nos contou o Fillo de Deus para que entendésemos o amor do Pai que está nos ceos: a parábola do fillo pródigo37.
Cando aínda estaba lonxe, di a Escritura, viuno o seu pai e se lle entenreceron as entrañas e correndo cara a el, botoulle os brazos ao pescozo e deulle mil bicos38. Estas son as palabras do libro sagrado: deulle mil bicos, comíao a bicos. Pódese falar máis humanamente? Pódese describir de xeito máis gráfico o amor paternal de Deus polos homes?
Perante un Deus que corre cara a nós, non podemos calar, e dirémoslle con san Paulo, Abba, Pater! 39, Pai, meu Pai!, porque, sendo o Creador do universo, non lle importa que non utilicemos títulos de moita sona, nin bota a faltar a debida confesión do seu señorío. Quere que lle chamemos Pai, que saboreemos esa verba, enchéndonos a alma de gozo.
A vida humana é, dalgún xeito, un constante volver cara á casa do noso Pai. Volver mediante a contrición, esa conversión do corazón que supón o desexo de cambiar, a decisión firme de mellorar a nosa vida, e que —polo tanto— se manifesta en obras de sacrificio e de entrega. Volver cara á casa do Pai, por medio dese sacramento do perdón no que, ao confesar os nosos pecados, revestímonos de Cristo e facémonos así seus irmáns, membros da familia de Deus.
Deus espéranos, como o pai da parábola, estendidos os brazos, aínda que non o merezamos. Non importa a nosa débeda. Como no caso do fillo pródigo, só fai falta que abramos o corazón, que teñamos saudade do fogar do noso Pai, que nos marabillemos e nos alegremos ante o don que Deus nos fai de podernos chamar e de sermos, a pesar de tanta falta de correspondencia pola nosa parte, verdadeiramente fillos seus.
Que capacidade tan estraña ten o home para se esquecer das cousas máis marabillosas, para se acostumar ao misterio! Consideremos de novo, nesta Coresma, que o cristián non pode ser superficial. Estando plenamente metido no seu traballo ordinario, entre os demais homes, os seus iguais, atarefado, ocupado, en tensión, o cristián ten que estar, ao tempo, metido totalmente en Deus, porque é fillo de Deus.
A filiación divina é unha verdade gozosa, un misterio consolador. A filiación divina enche toda a nosa vida espiritual, porque nos aprende a tratar, a coñecer, a amar ao noso Pai do Ceo, e así ateiga de esperanza a nosa loita interior, e dános a sinxeleza confiada dos fillos pequenos. Aínda máis: precisamente porque somos fillos de Deus, esa realidade lévanos tamén a contemplar con amor e con admiración todas as cousas que saíron das mans de Deus Pai Creador. E dese xeito somos contemplativos no medio do mundo, amando o mundo.
Na Coresma a liturxia ten presentes as consecuencias do pecado de Adán na vida do home. Adán non quixo ser un bo fillo de Deus, e rebelouse. Pero escóitase tamén continuamente, o eco dese felix culpa —culpa feliz, ditosa— que a Igrexa enteira cantará, chea de ledicia, na vixilia do Domingo de Resurrección40.
Deus Pai, chegada a plenitude dos tempos, enviou ao seu Fillo Unixénito ao mundo, para que restablecese a paz; para que, redimindo o home do pecado, adoptionem filiorum reciperemus41, fósemos constituídos fillos de Deus, liberados do xugo do pecado, feitos capaces de participar na intimidade divina da Trindade. E deste xeito fíxoselle posible a este home novo, a este novo enxerto dos fillos de Deus42, liberar á creación enteira da desorde, restaurando todas as cousas en Cristo43, que os reconciliou con Deus44.
Tempo de penitencia, pois. Pero como vimos, non é unha tarefa negativa. A Coresma hase vivir co espírito de filiación, que Cristo nos comunicou e que latexa na nosa alma45. O Señor chámanos para que nos acheguemos a El desexando ser coma El: sede imitadores de Deus como fillos seus moi queridos46, colaborando humildemente, mais afervoadamente, no divino propósito de unir o que está roto, de salvar o que está perdido, de ordenar o que desordenou o home pecador, de levar ao seu fin o que se descamiña, de restablecer a divina concordia de todo o creado.
A liturxia da Coresma toma por veces acentos tráxicos, consecuencia da meditación do que significa para o home afastarse de Deus. Pero esta conclusión non é a derradeira palabra. Deus di a derradeira palabra, e é a palabra do seu amor salvador e misericordioso e, polo tanto, a palabra da nosa filiación divina. Por iso repítovos hoxe con san Xoán: vede que amor por nós tivo o Pai, querendo que nos chamemos fillos de Deus e que o sexamos en efecto47. Fillos de Deus, irmáns do Verbo feito carne, de Aquel de quen se dixo: nel estaba a vida, e a vida era a luz dos homes48. Fillos da luz, irmáns da luz: iso somos. Portadores da única chama capaz de acender os corazóns feitos de carne.
Ao calar eu agora e seguir a Santa Misa, cada un de vós debe considerar que lle pide o Señor, que propósitos, que decisións quere promover nel a acción da graza. E, ao notar esas esixencias sobrenaturais e humanas de entrega e de loita, lembrade que Xesucristo é o noso modelo. E que Xesús, sendo Deus, permitiu que o tentasen: para que dese xeito nos enchamos de ánimo e esteamos seguros da vitoria. Porque El non perde batallas e, achándonos unidos a El, nunca seremos venci-dos, senón que nos poderemos chamar e ser de verdade ven-cedores: bos fillos de Deus.
Que vivamos contentos. Eu estou contento. Non o debería estar, mirando a miña vida, facendo ese exame de conciencia persoal que nos pide este tempo litúrxico da Coresma. Pero síntome contento, porque vexo que o Señor me busca unha vez máis, que o Señor segue sendo o meu Pai. Sei que vós e mais eu, decididamente, co resplandor e a axuda da graza, veremos que cousas hai que queimar, e queimarémolas; que cousas hai que arrincar, e arrincarémolas; que cousas hai que entregar, e entregarémolas.
A tarefa non é fácil. Pero contamos cun guía claro, cunha realidade da que non debemos nin podemos prescindir: somos amados por Deus, e deixaremos que o Espírito Santo actúe en nós e nos purifique, para poder, dese xeito, abrazarnos ao Fillo de Deus na Cruz, resucitando logo con El, porque a ledicia da Resurrección está enraizada na Cruz.
María, nosa Nai, auxilium christianorum, refugium peccatorum: intercede perante o teu Fillo, para que nos envíe ao Espírito Santo, que esperte nos nosos corazóns a decisión de camiñar con paso firme e seguro, facendo soar no máis fondo da nosa alma a chamada que encheu de paz o martirio dun dos pri-meiros cristiáns: veni ad Patrem49, vén, volve ao teu Pai que te espera.
Ps XC, 15 (Introito da Misa).
Ps L, 19.
Ps XC, 15 (Introito da Misa).
Ps XC, 1 (Introito da Misa).
Ioh III, 30.
Gal II, 20.
Santo Agostiño, Sermo 169, 15 (PL 38, 926).
Lc IX, 23.
San Xerome, Epistula 121, 3 (PL 22, 1013).
Eph V, 8-10.
2 Cor VI, 1 (Epístola da Misa).
Gal VI, 7.
2 Cor VI, 2 (Epístola da Misa).
Is XLIII, 1.
Cor VI, 2 (Epístola da Misa).
1 Reg III, 9.
Mt XXII, 37.
Sermo 34, 4, 7 (PL 38, 212).
Cfr. Mt IV, 1-11.
Cfr. Heb IV, 15.
Cfr. Ioh II, 1-11.
Cfr. Mc VI, 33-46.
Cfr. Mt XXVII, 55.
Cfr. Ioh IV, 4 ss.
Cfr. Lc VIII, 23.
Mt IV, 10.
Mt IV, 11.
Santo Ambrosio, Expositio Evangelii secundum Lucam, 1, 4, 20 (PL 15, 1525).
Ps XC, 11 (Tracto da Misa).
Ps XC, 12 (Tracto da Misa).
Dunha oración dirixida a san Miguel, nas festas litúrxicas que lle dedica o Misal Romano.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/a-conversion-dos-fillos-de-deus/ (14-12-2025)