A EUCARISTÍA, MISTERIO DE FE E DE AMOR
83 A véspera da festa solemne da Pascua, sabendo Xesús que era chegada a hora do seu tránsito deste mundo ao Pai, como amara os seus que vivían no mundo, amounos ata a fin1. Este versículo de san Xoán anuncialle, ao lector do seu Evanxeo, que algo grande ocorrerá nese día. É un preámbulo tenramente afectuoso, parello ao que recolle no seu relato san Lucas: ardentemente, afirma o Señor, desexei comer este año, celebrar esta Pascua convosco, antes da miña Paixón2. Comecemos por pedirlle desde agora ao Espírito Santo que nos prepare, para entender cada expresión e cada xesto de Xesucristo: porque queremos vivir vida sobrenatural, porque o Señor nos manifestou a súa vontade de dársenos como alimento da alma e porque recoñecemos que só El ten palabras de vida eterna3.
A fe fainos confesar con Simón Pedro: nós cremos e coñecemos que ti es o Cristo, o Fillo de Deus4. E é esa fe, fusionada coa nosa devoción, a que nos leva en momentos transcendentais a imitar a audacia de Xoán: aproximarnos a Xesús e reclinar a cabeza no peito do Mestre5, que amaba ardentemente os seus e —acabamos de escoitalo— os ía amar ata a fin.
Todos os modos de dicir resultan pobres, se pretenden explicar, aínda que sexa de lonxe, o misterio do Xoves Santo. Pero non é difícil imaxinar en parte os sentimentos do Corazón de Xesucristo naquela tarde, a derradeira que pasaba cos seus, antes do sacrificio do Calvario.
Considerade a experiencia, tan humana, da despedida de dúas persoas que se queren. Desexarían estar sempre xuntas, mais o deber —o que sexa— obrígaas a afastarse. O seu afán sería continuar sen se separar, e non poden. O amor do home, que por grande que sexa é limitado, recorre a un símbolo: os que se despiden se intercambian un agasallo, quizais unha fotografía, cunha dedicatoria tan ardente, que sorprende que non arda a cartolina. Non logran máis porque o poder das criaturas non chega tan lonxe coma o seu querer.
O que nós non podemos, pódeo o Señor. Xesucristo, perfecto Deus e perfecto Home, non deixa un símbolo, senón a realidade: quédase El mesmo. Irá ao Pai, pero permanecerá cos homes. Non nos legará un simple agasallo que nos faga evocar a súa memoria, unha imaxe que tenda a se esfumar co tempo, como a fotografía que pronto aparece esvaecida, amarelecida e sen sentido para os que non foron protagonistas daquel amoroso momento. Baixo as especies do pan e do viño está El, real-mente presente: co seu Corpo, o seu Sangue, a súa Alma e a súa Divindade.
A ledicia do Xoves Santo
Que ben se explica agora o clamor constante dos cristiáns, en todos os tempos, ante a Hostia santa! Canta, lingua, o misterio do Corpo glorioso e do Sangue precioso, que o Rei de todas as xentes, nacido dunha Nai fecunda, verteu para rescatar o mundo6. É preciso adorar devotamente a este Deus agochado7: é o mesmo Xesucristo que naceu de María Virxe; o mesmo que padeceu, que foi inmolado na Cruz; o mesmo de cuxo costado traspasado manou auga e sangue8.
Este é o sagrado convite, no que se recibe ao mesmo Cristo; renóvase a memoria da Paixón e, con El, a alma trata intimamente ao seu Deus e posúe unha prenda da gloria futura9. A liturxia da Igrexa resumiu, en breves estrofas, os capítulos culminantes da historia de ardente caridade, que o Señor nos dispensa.
O Deus da nosa fe non é un ser afastado, que contempla indiferente a sorte dos homes: os seus afáns, as súas loitas, as súas angustias. É un Pai que ama os seus fillos ata o extremo de enviar o Verbo, Segunda Persoa da Trindade Santísima, para que, encarnándose, morra por nós e nos redima. O mes-mo Pai amoroso que agora nos atrae suavemente cara a El, me diante a acción do Espírito Santo que habita nos nosos corazóns.
A ledicia do Xoves Santo procede de aí: de comprender que o Creador se desbordou en agarimo polas súas criaturas. O Noso Señor Xesucristo, como se aínda non fosen suficientes todas as outras probas da súa misericordia, institúe a Eucaristía para que o poidamos ter sempre preto e —no que nos é posible entender— porque, movido polo seu Amor, o que non precisa de nada, non quere prescindir de nós. A Trindade namorouse do home, elevado á orde da graza e feito á súa imaxe e semellanza10; redimiuno do pecado —do pecado de Adán que recaeu sobre toda a súa descendencia, e dos pecados persoais de cadaquén— e desexa vivamente morar na nosa alma: o que me ama observará a miña doutrina e o meu Pai amarao, e viremos onda el e faremos mansión dentro del 11.
A Eucaristía e o misterio da Trindade
Esta corrente trinitaria de amor polos homes perpetúase de xeito sublime na Eucaristía. Hai moitos anos, aprendemos todos no catecismo que a Sagrada Eucaristía pode ser considerada como Sacrificio e como Sacramento; e que o Sacramento se nos mostra como Comuñón e como un tesouro no altar: no Sagrario. A Igrexa dedica outra festa ao misterio eucarístico, ao Corpo de Cristo —Corpus Christi— presente en todos os tabernáculos do mundo. Hoxe, no Xoves Santo, ímonos fixar na Sagrada Eucaristía, Sacrificio e alimento, na Santa Misa e na Sa grada Comuñón.
Falaba de corrente trinitaria de amor polos homes. E, onde advertila mellor que na Misa? A Trindade enteira actúa no santo sacrificio do altar. Por iso gústame tanto repetir na colecta, na secreta e na poscomuñón aquelas palabras dos fieis. Por Xesucristo, Noso Señor, Fillo teu —dirixímonos ao Pai—, que vive e reina contigo en unidade do Espírito Santo, Deus, por todos os séculos dos séculos. Amén.
Na Misa, a pregaria ao Pai faise constante. O sacerdote é un representante do Sacerdote eterno, Xesucristo, que ao mesmo tempo é a Vítima. E a acción do Espírito Santo na Misa non é menos inefable nin menos certa. Porvirtude do Espírito Santo, escribe san Xoán Damasceno, efectúase aconversión do pan no Corpo de Cristo12.
Esta acción do Espírito Santo queda expresada claramente cando o sacerdote invoca a bendición divina sobre a ofrenda: Vén santificador omnipotente, eterno Deus, e bendice este sacrificio preparado ao teu santo nome13, o holocausto que dará ao Nome santísimo de Deus a gloria que lle é debida. A santificación, que imploramos, é atribuída ao Paráclito, que o Pai e o Fillo nos envían. Recoñecemos tamén esa presenza activa do Espírito Santo no sacrificio cando dicimos, pouco antes da comuñón: Señor, Xesucristo, Fillo de Deus vivo, que por vontade do Pai, cooperando o Espírito Santo, vivificaches o mundo coa túa morte...14.
86Toda a Trindade está presente no sacrificio do Altar. Por vontade do Pai, cooperando o Espírito Santo, o Fillo ofrécese en oblación redentora. Aprendamos a tratar á Trindade Bea-tísima, Deus Un e Trino: tres Persoas divinas na unidade da súa substancia, do seu amor, da súa acción eficazmente santificadora.
Inmediatamente despois do lavabo, o sacerdote invoca: recibe, Santa Trindade, esta oblación que che ofrecemos en memo-ria da Paixón, da Resurrección e da Ascensión de Xesucristo, Noso Señor15. E, ao final da Misa, hai outra oración de acendido aca-tamento ao Deus Un e Trino: Placeat tibi, Sancta Trinitas, obsequium servitutis meae... que che sexa agradable, oh Trinda-de Santísima, o tributo da miña servidume; dispón que o sacrificio que eu, aínda que indigno, ofrecín á túa Maxestade, mereza aceptación; e pídoche que, pola túa misericordia, sexa este un sacrificio de perdón para min e para todos polos que o ofrecín16.
A Misa —insisto— é acción divina, trinitaria, non humana. O sacerdote que celebra serve ao designio do Señor, prestando o seu corpo e a súa voz: pero non obra no seu propio nome, senón in persona et in nomine Christi, na Persoa de Cristo, e no nome de Cristo.
O amor da Trindade aos homes fai que, da presenza de Cristo na Eucaristía, nazan para a Igrexa e para a humanidade todas as grazas. Este é o sacrificio que profetizou Malaquías: desde o abrente ata o ocaso é grande o meu nome entre as xentes; e en todo lugar ofrécese ao meu nome un sacrificio fumegante e unha ofrenda pura17. É o sacrificio de Cristo, ofrecido ao Pai coa cooperación do Espírito Santo: oblación de valor infinito, que eterniza en nós a Redención, que non podían acadar os sacrificios da Antiga Lei.
A Santa Misa na vida do cristián
A Santa Misa sitúanos deste xeito ante os misterios primordiais da fe, porque é a doazón mesma da Trindade á Igrexa. Así enténdese que a Misa sexa o centro e a raíz da vida espiritual do cristián. É o fin de todos os sacramentos18. Na Misa encamíñase cara a súa plenitude a vida da graza, que foi depositada en nós polo Bautismo, e que medra, fortalecida pola Confirmación. Cando participamos da Eucaristía, escribe san Cirilo de Xerusalén, experimentamos a espiritualización deificante do Espírito Santo, que non só nos configura con Cristo, como sucede no Bautismo, senón quenos cristifica por enteiro, asociándonos á plenitude de Cristo Xesús19.
A efusión do Espírito Santo, ao cristificarnos, lévanos a que nos recoñezamos fillos de Deus. O Paráclito, que é caridade, aprén-denos a fundir con esa virtude toda a nosa vida; e consummati in unum20, feitos unha soa cousa con Cristo, poderemos ser entre os homes o que santo Agostiño afirma da Eucaristía: signo de unidade, vínculo de Amor21.
Non descubro nada novo se digo que algúns cristiáns te-ñen unha visión moi pobre da Santa Misa, que para outros é un mero rito exterior, cando non un convencionalismo social. E é que os nosos corazóns, mesquiños, son capaces de vivir rutineiramente a maior doazón de Deus aos homes. Na Misa, nesta Misa que agora celebramos, intervén de modo especial, repito, a Trindade Santísima. Corresponder a tanto amor esi-xe de nós unha entrega total, do corpo e da alma: oímos a Deus, falámoslle, vémolo, degustámolo. E cando as palabras non son suficientes, cantamos animando á nosa lingua — Pange, lingua!— a que proclame, en presenza de toda a humanidade, as grandezas do Señor.
Vivir a Santa Misa é permanecer en oración continua: convencernos de que, para cada un de nós, este é un encontro persoal con Deus: adoramos, loamos, pedimos, damos grazas, reparamos polos nosos pecados, purificámonos, sentímonos unha soa cousa en Cristo con todos os cristiáns.
Quizais, por veces, témonos preguntado como podemos corresponder a tanto amor de Deus; quizais temos desexado ver exposto claramente un programa de vida cristiá. A solución é fácil, e está ao alcance de todos os fieis: participar amorosamente na Santa Misa, aprender na Misa a tratar a Deus, porque neste Sacrificio se encerra todo o que o Señor quere de nós.
Permitídeme que vos lembre o que tedes observado en tantas ocasións: o desenvolvemento das cerimonias litúrxicas. Seguíndoas paso a paso, é moi posible que o Señor vos faga descubrir a cada un de vós en que debe mellorar, que vicios ten que extirpar, e de que xeito debe ser o voso trato fraterno con todos os homes.
O sacerdote diríxese cara ao altar de Deus, do Deus que aleda a nosa mocidade. A Santa Misa iníciase cun canto de ledicia, porque Deus está aquí. É a ledicia, que xunto co recoñecemento e o amor, se manifesta nun bico á mesa do altar, símbolo de Cristo e recordo dos santos: un espazo pequeno, santificado porque nesta ara se elabora o Sacramento da infinita eficacia.
O Confiteor ponnos cara á nosa indignidade; non é o recordo abstracto da culpa, senón a presenza, tan concreta, dos nosos pecados e das nosas faltas. Por iso repetimos: Kyrie eleison, Christe eleison, Señor, ten piedade de nós; Cristo, ten piedade de nós. Se o perdón que necesitamos estivese en relación cos nosos méritos, nese momento agromaría na nosa alma unha tristeza amarga. Mais, por bondade divina, o perdón vennos da misericordia de Deus, ao que loamos —Gloria!—; porque só Ti es santo, só Ti Señor, só Ti altísimo, Xesucristo, co Espírito Santo, na gloria de Deus Pai.
Oímos agora a Palabra da Escritura, a Epístola e o Evanxeo, luces do Paráclito, que fala con voces humanas para que a nosa intelixencia saiba e contemple, para que a vontade se robusteza e a acción se cumpra. Porque somos un só pobo que confesa unha soa fe, un Credo; un pobo congregadona unidade do Pai, do Fillo e do Espírito Santo22.
A continuación, a ofrenda: o pan e o viño dos homes. Non é moito, pero a oración acompaña: recíbenos Señor ao presentarnos a Ti con espírito de humildade e con corazón contrito; e o sacrificio que hoxe che ofrecemos, oh Señor Deus, chegue de tal xeito á túa presenza, que che sexa grato. Irrompe de novo o recordo da nosa miseria e o desexo de que todo o que vai para o Señor estea limpo e purificado: lavarei as miñas mans, amo o decoro da túa casa.
Hai un intre, antes do lavabo, invocamos o Espírito San-to, pedíndolle que bendiga o Sacrificio ofrecido ao seu santo Nome. Rematada a purificación, dirixímonos á Trindade — Suscipe, Santa Trinitas—, para que acolla o que lle presentamos en memoria da vida, da Paixón, da Resurrección e da Ascensión de Cristo, en honra de María, sempre Virxe, en honra de todos os santos.
Que a ofrenda redunde en salvación de todos —Orate, fratres, reza o sacerdote—, porque este sacrificio é meu e voso, de toda a Igrexa Santa. Orade, irmáns, aínda que sexades poucos os que vos atopades reunidos; aínda que só estea materialmente presente nada máis que un cristián, e aínda que estivese só o celebrante: porque calquera Misa é o holocausto universal, rescate de todas as tribos e linguas e pobos e nacións23.
Todos os cristiáns, pola Comuñón dos Santos, reciben as grazas de cada Misa, tanto de celebrarse ante milleiros de persoas ou se lle axuda ao sacerdote como único asistente un rapaz, quizais distraído. En calquera caso, a terra e o ceo únense para entoar cos Anxos do Señor: Sanctus, Sanctus, Sanctus...
Eu aplaudo e enxalzo cos Anxos: non me é difícil, porque me sei arrodeado deles, cando celebro a Santa Misa. Están adorando á Trindade. Como sei tamén que, dalgún xeito, intervén a Santísima Virxe, pola íntima unión que ten coa Trindade Beatísima e porque é Nai de Cristo, da súa Carne e do seu Sangue: Nai de Xesucristo, perfecto Deus e perfecto Home. Xesucristo concibido nas entrañas de María Santísima sen obra de home, pola soa virtude do Espírito Santo, leva o mesmo Sangue da súa Nai: e ese Sangue é o que se ofrece en sacrificio redentor, no Calvario e na Santa Misa.
Así éntrase no canon, coa confianza filial que chama ao noso Pai Deus clementísimo. Pedímoslle pola Igrexa e por todos na Igrexa: polo Papa, pola nosa familia, polos nosos amigos e compañeiros. E o católico, con corazón universal, prega por todo o mundo, porque non pode quedar nada excluído do seu celo entusiasta. Para que a petición sexa acollida, facemos presente o noso recordo e a nosa comunicación coa gloriosa sempre Virxe María e cunha manchea de homes, que foron os primeiros en seguir a Cristo e morreron por El.
Quam oblationem... Aproxímase o momento da consagración. Agora, na Misa, é outra vez Cristo o que actúa, a través do sacerdote. Este é o meu Corpo. Este é o cáliz do meu Sangue. Xesús está connosco! Coa Transubstanciación, reitérase a infinita loucura divina, ditada polo Amor. Cando hoxe se repita ese momento, que cada un saibamos dicir ao Señor, sen ruído de palabras, que nada poderá separarnos del, que a súa dispoñibilidade —inerme— de se quedar nas aparencias, tan fráxiles! do pan e do viño, converteunos en escravos voluntarios: praesta meae menti de te vivere, et te illi semper dulce sapere24, fai que eu viva sempre de ti e que sempre saboree a dozura do teu amor.
Máis peticións, porque os homes estamos case sempre inclinados a pedir: polos nosos irmáns defuntos, por nós mesmos. Aquí caben tamén todas as nosas infidelidades, nosas miserias. A carga é moita, pero El quere levala por nós e con nós. Remata o canon cunha invocación á Trindade Santísima: per Ipsum, et cum Ipso, et in Ipso..., por Cristo, con Cristo e en Cristo, Amor noso, a Ti, Pai Todopoderoso, en unidade do Espírito Santo, séxate dado todo honor e gloria polos séculos dos séculos.
Xesús é o Camiño, o Mediador; nel, todo; fóra del, nada. En Cristo, aprendidos por El atrevémonos a chamar Pai Noso ao Todopoderoso: o que fixo o ceo e mais a terra é ese Pai entrañable que espera que volvamos a El continuamente, cada un como un novo e constante fillo pródigo.
Ecce Agnus Dei... Domine, non son dignus... Imos recibir o Señor. Para acoller na terra a persoas constituídas en dignidade hai luces, música, traxes de gala. Para albergar a Cristo na nosa alma, como nos debemos preparar? Pensamos algunha vez en como nos conduciriamos, se só se puidese comungar unha vez na vida?
Cando eu era neno, non estaba aínda estendida a práctica da comuñón frecuente. Lembro como se dispuñan para comungar: había esmero en aviar ben a alma e o corpo. O mellor traxe, a cabeza ben peiteada, limpo tamén fisicamente o corpo, e quizais ata un pouco de perfume... Eran delicadezas propias de namorados, de almas finas e rexas, que saben pagar con amor o Amor.
Con Cristo na alma, remata a Santa Misa: a bendición do Pai, do Fillo e do Espírito Santo acompáñanos durante toda a xornada, na nosa tarefa sinxela e normal de santificar todas as nobres actividades humanas.
Asistindo á Santa Misa aprenderedes a tratar a cada unha das Persoas divinas: ao Pai, que xera ao Fillo; ao Fillo, que é xerado polo Pai; ao Espírito Santo que dos dous procede. Tratando a calquera das tres Persoas, tratamos a un só Deus; e tratando ás tres, á Trindade, tratamos igualmente a un só Deus único e verdadeiro. Amade a Misa, meus fillos, amade a Misa. E comungade con fame, aínda que esteades xélidos, aínda que a emotividade non responda: comungade con fe, con esperanza, con acendida caridade.
Tratar a Xesucristo
Non ama a Cristo o que non ama a Santa Misa, o que non se esforza en vivila con serenidade e sosego, con devoción, con agarimo. O amor fai aos namorados finos, delicados; descobre, para que os coiden, detalles ás veces mínimos, pero que sempre son expresión dun corazón apaixonado. Deste xeito temos que asistir á Santa Misa. Por iso sospeitei sempre que, os que queren oír unha Misa curta e atropelada, demostran con esa actitude abofé que pouco elegante, que non atinxiron a se decatar do que significa o Sacrificio do altar.
O amor a Cristo, que se ofrece por nós, impúlsanos a encontrar, rematada a Misa, uns minutos para unha acción de grazas persoal, íntima, que prolongue no silencio do corazón esoutra acción de grazas que é a Eucaristía. Como dirixírmonos a El, como falarlle, como comportarse?
A vida cristiá non se compón de normas ríxidas, porque o Espírito Santo non guía ás almas en masa, senón que, en cada unha, infunde aqueles propósitos, inspiracións e afectos que a axudan a percibir e a cumprir a vontade do Pai. Penso, non obstante, que en moitas ocasións o miolo do noso diálogo con Cristo, da acción de grazas despois da Santa Misa, pode ser a consideración de que o Señor é, para nós, Rei, Médico, Mestre, Amigo.
É Rei e arela reinar nos nosos corazóns de fillos de Deus. Pero non imaxinemos os reinados humanos; Cristo non domina nin se quere impor, porque non veu para ser servido senón a servir25.
O seu reino é a paz, a ledicia, a xustiza. Cristo, o noso rei, non espera de nós vans razoamentos, senón feitos, porque non todo aquel que di Señor!, Señor!, entrará no reino dos ceos, senón o que fai a vontade do meu Pai celestial, ese entrará26.
É Médico e cura o noso egoísmo, se deixamos que a súa graza penetre ata o fondo da alma. Xesús advertiunos que a peor enfermidade da alma é a hipocrisía, o orgullo que leva a disimular os propios pecados. Co Médico é imprescindible unha sinceridade absoluta, explicar de cheo a verdade e dicir: Domine, si vis, potes me mundare27, Señor, se queres —e Ti queres sempre—, pódesme curar. Ti coñeces a miña fraqueza; sinto estes síntomas, padezo estas debilidades. E mostrámoslle sinxelamente as chagas; e o pus, se hai pus. Señor, Ti, que curaches a tantas almas, fai que, ao terte no meu peito ou ao contemplarte no Sagrario, te recoñeza como Médico divino.
É Mestre dunha ciencia que só El posúe: a do amor sen límites a Deus e, en Deus, a todos os homes. Na escola de Cristo apréndese que a nosa existencia non nos pertence: El entregou a súa vida por todos os homes e, se o seguimos, temos que comprender que tampouco nós podemos apropiarnos da nosa dun xeito egoísta, sen compartir as dores dos demais. A nosa vida é de Deus e temos que gastala no seu servizo, preo-cupándonos xenerosamente das almas, demostrando, coa palabra e co exemplo, a fondura das esixencias cristiás.
Xesús agarda que alimentemos o desexo de adquirir esa ciencia, para repetirnos: o que teña sede, veña onda min e beba28. E contestamos: apréndenos a esquecernos de nós mesmos, para pensar en Ti e en todas as almas. Deste xeito o Señor levaranos adiante coa súa graza, como cando comezabamos a escribir — lembrades aqueles trazos da infancia guiados pola man do mestre?— e así comezamos a saborear a dita de manifestar a nosa fe, que é xa outra dádiva de Deus, tamén con trazos inequívocos de conduta cristiá, onde todos poidan ler as marabillas divinas.
É Amigo, o Amigo, vos autem dixi amicos29, di. Chámanos amigos e foi El quen deu o primeiro paso; amounos primeiro. Así e todo, non impón o seu cariño: ofréceo. Móstrao co signo máis claro da amizade: ninguén ten amor máis grande que o que entrega a súa vida polos seus amigos30. Era amigo de Lázaro e chorou por El, cando o viu morto: e resucitouno. Se nos ve fríos, desganados, quizais coa rixidez dunha vida interior que se extingue, o seu pranto será para nós vida. Eu mándocho, meu amigo, érguete e anda31, sae fóra desa vida estreita, que non é vida.
Remata a nosa meditación do Xoves Santo. Se o Señor nos axudou —e El está sempre disposto, chega con que lle franqueemos o corazón—, verémonos urxidos a corresponder no que é máis importante: amar. E saberemos difundir esa caridade entre os demais homes, cunha vida de servizo. Deivos exemplo32, insiste Xesús, falando cos seus discípulos despois de lavarlles os pés, na noite da Cea. Afastemos do corazón o orgu-llo, a ambición, os desexos de predominio; e, onda nós e en nós, reinará a paz e a alegría, enraizadas no sacrificio persoal.
Finalmente un filial pensamento amoroso para María, Nai de Deus e Nai nosa. Perdoade que de novo vos conte unha lembranza da miña infancia: unha imaxe que se difundiu moito na miña terra, cando san Pío X impulsou a práctica da comuñón frecuente. Representaba a María adorando á Hostia santa. Hoxe, como entón e como sempre, a Nosa Señora apréndenos a tratar a Xesús, a recoñecelo e a atopalo nas diversas circunstancias do día e, de xeito especial, nese momento supremo —o tempo únese coa eternidade— do Santo Sacrificio da Misa: Xesús, con xesto de sacerdote eterno, atrae cara si todas as cousas, para colocalas, divino afflante Spiritu, co sopro do Espírito Santo, na presenza de Deus Pai.
Ioh XIII, 1.
Lc XXII, 15.
Ioh VI, 69.
Ioh VI, 70.
Cfr. Ioh XIII, 25.
Himno Pange lingua.
Cfr. Adoro te devote, ritmo de San Tomé de Aquino.
Cfr. Ave verum.
Cfr. himno O sacrum convivium.
Gen I, 26.
Ioh XIV, 23.
San Xoán Damasceno, De fide ortodoxa, 13 (PG 94, 1139).
Misal Romano, Ofertorio, Invocación ao Espírito Santo.
Misal Romano, Oracións preparatorias para a Comuñón.
Misal Romano, Ofertorio, Ofrenda á Santísima Trindade.
Misal Romano.
Mal I, 11.
Cfr. san Tomé, S. Th. III, q. 65, a. 3.
Catecheses, 22, 3.
Ioh XVII, 23.
Santo Agostiño, In Ioannis Evangelium tractatus, 26, 13 (PL 35, 1613).
San Cibrán, De dominica oratione, 23 (PL 4, 553).
Cfr. Apoc V, 9.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/a-eucaristia-misterio-de-fe-e-de-amor/ (14-12-2025)