A MORTE DE CRISTO, VIDA DO CRISTIÁN

Homilía pronunciada o 15-IV-1960Venres Santo

Esta semana, que tradicionalmente o pobo cristián chama santa, ofrécenos, unha vez máis, a ocasión de considerar —de revivir— os momentos nos que se consuma a vida de Xesús. Todo o que ao longo destes días nos traen á memoria as diversas manifestacións da piedade, encamíñase certamente cara á Resurrección, que é o fundamento da nosa fe, como escribe san Paulo1. Con todo, non percorramos, demasiado de présa ese camiño; non deixemos caer no esquecemento algo moi sinxelo, que se cadra, por veces, se nos escapa: non podemos participar da Resurrección do Señor, se non nos unimos a súa Paixón e a súa morte2. Para acompañar a Cristo na súa gloria, ao remate da Semana Santa, é necesario que penetremos antes no seu holocausto, e que nos sintamos unha soa cousa con El, morto sobre o Calvario.

A entrega xenerosa de Cristo enfróntase co pecado, esa rea-lidade dura de aceptar, pero innegable: mysterium iniquitatis, a  inexplicable maldade da criatura que se alza, por soberbia, contra Deus. A historia é tan antiga como a Humanidade. Lembremos a caída dos nosos primeiros pais; despois, toda esa cadea de depravacións que balizan o andar dos homes, e finalmente, as nosas persoais rebeldías. Non é fácil considerar a perversión que supón o pecado, e comprender todo o que nos di a fe. Debemos facernos cargo, aínda no humano, de que a magnitude da ofensa se mide pola condición do ofendido, polo seu valor persoal, pola súa dignidade social, polas súas ca lidades. E o home ofende a Deus: a criatura renega do seu Creador.

Pero Deus é Amor3. O abismo de malicia, que o pecado leva consigo, foi salvado por unha Caridade infinita. Deus non abandona aos homes. Os designios divinos prevén que, para reparar as nosas faltas, para restablecer a unidade perdida, non bastaban os sacrificios da Antiga Lei: facíase necesaria a entrega dun Home que fose Deus. Podemos imaxinar —para achegármonos dalgún xeito a este misterio insondable—, que a Trindade Beatísima se reúne en consello, na súa continua relación íntima de amor inmenso e, como resultado desa decisión eterna, o Fillo Unixénito de Deus Pai asume a nosa condición humana, carga sobre si as nosas miserias e as nosas dores, para rematar cosido con cravos a un madeiro.

Este lume, este desexo de cumprir o decreto salvador de Deus Pai, enche toda a vida de Cristo, desde o seu mesmo nacemento en Belén. Ao longo dos tres anos que conviviron con El os discípulos, óenlle repetir incansablemente que o seu alimento é facer a vontade de Aquel que o envía4. Ata que, á tardiña do primeiro Venres Santo, concluíu a súa inmolación. Inclinando a cabeza, entregou o seu espírito5. Con estas palabras nos describe o apóstolo san Xoán a morte de Cristo: Xesús, baixo o peso da Cruz con todas as culpas dos homes, morre pola forza e pola vileza dos nosos pecados.

Meditemos no Señor ferido dos pés á cabeza polo noso amor. Con frase que se aproxima á realidade, aínda que non acaba de dicilo todo, podemos repetir cun autor de hai séculos: O corpo de Xesús é un retablo de dores. Á vista de Cristo feito un farrapo, convertido nun corpo inerte baixado da Cruz e confia-do á súa Nai; á vista dese Xesús esnaquizado, poderíase concluír que esa escena é a mostra máis clara dunha derrota. Onde están as masas que o seguían, e o Reino do que anunciaba a súa chegada? Así e todo, non é derrota, é vitoria: agora atópase máis preto ca nunca do momento da Resurrección, da manifestación da gloria que conquistou coa súa obediencia.

A morte de Cristo chámanos a unha plena vida cristiá

Acabamos de revivir o drama do Calvario, o que me atrevería a chamar a Misa primeira e primordial, celebrada por Xesucristo. Deus Pai entrega o seu Fillo á morte. Xesús, o Fillo Unixénito, abrázase ao madeiro, no que lle haberían de axustizar, e o seu sacrificio é aceptado polo Pai: como froito da Cruz, espállase sobre a Humanidade o Espírito Santo6.

Na traxedia da Paixón consúmase a nosa propia vida e a enteira historia humana. A Semana Santa non se pode reducir a un mero recordo, xa que é a consideración do misterio de Xesucristo, que se prolonga nas nosas almas; o cristián está obrigado a ser alter Christus, ipse Christus, outro Cristo, o mesmo Cristo. Todos, polo Bautismo, fomos constituídos sacerdotes da nosa propia existencia, para ofrecer vítimas espirituais, que sexan agradables a Deus por Xesucristo7, para realizar cada unha das nosas accións en espírito de obediencia á vontade de Deus, perpetuando así a misión do Deus-Home.

Pola contra, esa realidade lévanos a nos deter nas nosas coitas, nos nosos erros persoais. Non nos debe desanimar esta consideración, nin colocarnos na actitude escéptica de quen renunciou á ilusións grandes. Porque o Señor nos reclama tal como somos, para que participemos da súa vida, para que loitemos por ser santos. A santidade: cantas veces pronunciamos esa palabra como se fose un son baldeiro! Para moitos é incluso un ideal inaccesible, un tópico da ascética, pero non un fin concreto, unha realidade viva. Non pensaban deste xeito os primeiros cristiáns, que usaban o nome de santos para chamarse entre si, con toda naturalidade e con grande frecuencia: saúdanvos todos os santos8, saúde a todo santo en Cristo Xesús9.

Agora, situados neste momento do Calvario, cando Xesús xa morreu e aínda non se manifestou a gloria do seu triunfo, é unha boa ocasión para examinar os nosos desexos de vida cristiá, de santidade; para reaccionar cun acto de fe ante as nosas debilidades, e confiando no poder de Deus, facer o propósito de pór amor nas cousas da nosa xornada. A experiencia do pecado débenos conducir á dor, a unha decisión máis madura e máis fonda de sermos fieis, de identificármonos de veras con Cristo, de perseverar, custe o que custar, nesa misión sacerdotal que El encomendou a todos os seus discípulos sen excepción, que nos empuxa a ser sal e luz do mundo10.

Pensar na morte de Cristo tradúcese nunha invitación a situarnos con absoluta sinceridade ante o noso quefacer ordinario, a tomar en serio a fe que profesamos. A Semana Santa, polo tanto, non pode ser unha paréntese sagrada no contexto dun vivir movido só polos intereses humanos: ha ser unha ocasión de afondar na fondura do Amor de Deus, para poder dese xeito, coa palabra e coas obras, mostralo aos homes.

Pero o Señor determina condicións. Hai unha declaración súa, que nos conserva san Lucas, da que non se pode prescindir: Se alguén dos que me segue non aborrece o seu pai e a súa nai; e a muller e os fillos, e os irmáns e irmás, e aínda a súa propia vida, non pode ser o meu discípulo11. Son termos duros. Certamente nin odiar nin aborrecer en castelán expresan ben o pensamento orixinal de Xesús. De todas maneiras, foron fortes as palabras do Señor, xa que tampouco se reducen a un amar menos, como ás veces se interpreta suavemente, para temperar a frase. É tremenda esa expresión tan tallante non porque implique unha actitude negativa ou sen piedade, xa que o Xesús que fala agora é o mesmo que ordena amar aos outros como á propia alma, e que entrega a súa vida polos homes: esta locución indica, sinxelamente, que ante Deus non caben medias tintas. Poderíanse traducir as palabras de Cristo por amar máis, amar mellor, mais ben, por non amar cun amor egoísta nin tampouco cun amor a curto alcance: debemos amar co Amor de  Deus.

Trátase disto. Fixémonos na última das esixencias de Xesús: et animam suam. A vida, a alma mesma é o que pide o Señor. Se somos fatuos, se só nos preocupamos da nosa persoal comodidade, se centramos a existencia dos outros e aínda a do mundo en nós mesmos, non temos dereito a nos chamar cristiáns, a nos considerar discípulos de Cristo. Fai falta a entrega con obras e con verdade, non só de boca12. O amor a Deus invítanos a levar a pulso a cruz, a sentir tamén sobre nós o peso da humanidade enteira, e a cumprir, nas circunstancias propias do estado e do traballo de cada quen, os designios, claros e amorosos á vez, da vontade do Pai. Na pasaxe que comentamos, Xesús continúa: E o que non carga coa súa cruz e me segue, tampouco pode ser o meu discípulo13.

Aceptemos sen medo a vontade de Deus, formulemos sen vacilacións o propósito de edificar toda a nosa vida de acordo co que nos aprende e esixe a nosa fe. Esteamos seguros de que atoparemos loita, sufrimento e dor, pero, se posuímos de verdade a fe, non nos consideraremos nunca desgraciados: tamén con magoas e incluso con calumnias, seremos felices cunha felicidade que nos impulsará a amar aos demais, para facelos participar da nosa ledicia sobrenatural.

O cristianismo ante a Historia humana

Ser cristián non é un título de mera satisfacción persoal: ten nome —substancia— de misión. Xa antes lembrabamos que o Señor convida a todos os cristiáns a que sexan sal e luz do mundo; facéndose eco deste mandato, e con textos tomados do Antigo Testamento, san Pedro escribe unhas palabras que marcan claramente esa encomenda: Vós sodes liñaxe escollida, sacerdocio real, xente santa, pobo de conquista, para publicar as grandezas de Aquel que vos sacou das tebras a súa luz admirable14.

Ser cristián non é algo accidental, é unha divina realidade que se enxerta nas entrañas da nosa vida, dándonos unha visión limpa e unha vontade decidida para actual como Deus quere. Apréndese dese xeito que a peregrinación do cristián no mundo hase converter nun continuo servizo prestado de xeitos moi diversos, segundo as circunstancias persoais, pero sempre por amor a Deus e ao próximo. Ser cristián é actuar sen pensar nas pequenas metas do prestixio ou da ambición, nin en finalidades que poden parecer máis nobres como a filantropía ou a compaixón polas desgrazas alleas: é discorrer cara ao termo último e radical do amor que manifestou Xesucristo ao morrer por nós.

Danse, ás veces, algunhas actitudes, que son produto de non saber penetrar neste misterio de Xesús. Por exemplo, a mentalidade dos que ven o cristianismo como un conxunto de prácticas ou actos de piedade, sen percibir a súa relación coas situacións da vida corrente, coa urxencia de atender as necesidades dos demais e de esforzarse por remediar as inxustizas.

Diría que quen ten esa mentalidade non comprendeu aínda o que significa que o Fillo de Deus se encarnase, tomase corpo, alma e voz de home, que participase no noso destino ata experimentar o esgazadura suprema da morte. Quizais, sen querer, algunhas persoas consideran a Cristo como un estraño no ambiente dos homes.

Outros —porén— tenden a imaxinar que, para poder ser humanos, hai que poñer en solfa algúns aspectos centrais do dogma cristián, e actúan como se a vida de oración, o trato continuo con Deus, constituísen unha fuxida das propias responsabilidades e un abandono do mundo. Esquecen que, precisamente Xesús, nos deu a coñecer ata que extremos se debe levar o amor e o servizo. Só se procuramos comprender o arcano do amor de Deus, dese amor que chega ata a morte, seremos capaces de entregarnos totalmente aos demais, sen nos deixar vencer polas dificultades ou pola indiferenza.

É a fe en Cristo, morto e resucitado, presente en todos e en cada un dos momentos da vida, a que alumea as nosas conciencias, incitándonos a participar con todas as forzas nas vicisitudes e nos problemas da historia humana. Nesta historia, que se iniciou coa creación do mundo e que rematará coa consumación dos séculos, o cristián non é un apátrida. É un cidadán da cidade dos homes, coa alma chea de desexos de Deus, cuxo amor empeza a entrever xa nesta etapa temporal, e no que recoñece o fin ao que estamos chamados todos os que vivimos na terra.

Se interesa o meu testemuño persoal, podo dicir que sempre concibín o meu labor de sacerdote e de pastor de almas como unha tarefa encamiñada a situar a cada un fronte ás esixencias completas da súa vida, axudándoo a descubrir o que Deus, en concreto, lle pide, sen pór limitación ningunha a esa independencia santa e a esa bendita responsabilidade individual, que son características dunha conciencia cristiá. Ese xeito de obrar e ese espírito baséanse no respecto á transcendencia da verdade revelada, e no amor á liberdade da criatura humana. Podería engadir que se basea tamén na certeza da indeterminación da historia, aberta a múltiples posibilidades, que Deus non quixo pechar.

Seguir a Cristo non significa refuxiarse no templo, encolléndose de ombreiros ante o desenvolvemento da sociedade, ante os acertos e as aberracións dos homes e dos pobos. A fe cristiá, pola contra, lévanos a ver o mundo como creación do Señor, a apreciar, polo tanto, todo o nobre e todo o belo, a recoñecer a dignidade de cada persoa, feita a imaxe de Deus, e a admirar ese don especialísimo da liberdade, pola que somos donos dos nosos propios actos e podemos —coa graza do Ceo— construír o noso destino eterno.

Sería empequenecer a fe, reducila a unha ideoloxía terrea, enarborando un estandarte político-relixioso para condenar, non se sabe en nome de que investidura divina, os que non pensan do mesmo xeito en problemas que son, pola súa pro-pia natureza, susceptibles de recibir numerosas e diversas so-lucións.

Profundar no sentido da morte de Cristo

A digresión que remato de facer non ten outra finalidade que pór de manifesto unha verdade central: lembrar que a vida cristiá atopa o seu sentido en Deus. Os homes non foron crea-dos só para edificar un mundo o máis xusto posible, porque —ademais— fomos establecidos na Terra para entrar en comuñón con Deus mesmo. Xesús non nos prometeu nin a co modidade temporal nin a gloria terrea, senón a casa de Deus Pai, que nos espera ao final do camiño15.

A liturxia do Venres Santo inclúe un himno marabilloso: o Crux fidelis. Nese himno invítasenos a cantar e a celebrar o glorioso combate do Señor, o trofeo da Cruz, o preclaro triunfo de Cristo: o Redentor do Universo, ao ser inmolado, vence. Deus, dono de todo o creado, non afirma a súa presenza coa forza das armas, e nin sequera co poder temporal dos seus, senón coa grandeza do seu amor infinito.

O Señor non destrúe a liberdade do home: precisamente El fíxonos libres. Por iso non quere respostas forzadas, quere decisións que saian da intimidade do corazón. E espera de nós, os cristiáns, que vivamos de tal xeito que os que nos traten, por riba das nosas propias miserias, erros e deficiencias, advirtan o eco do drama de amor do Calvario. Todo o que temos recibímolo do Señor, para ser sal que sazone, luz que leve aos homes a nova alegre de que El é un Pai que ama sen medida. O  cristián é sal e luz do mundo non porque venza ou trunfe, senón porque dá testemuño do amor de Deus; e non será sal, se non serve para salgar; non será luz se, co seu exemplo e coa súa doutrina, non ofrece un testemuño de Xesús, se perde o que constitúe a razón de ser da súa vida.

Cómpre que profundemos no que nos revela a morte de Cristo, sen nos quedar en formas exteriores ou en frases estereotipadas. É necesario que nos metamos de verdade nas escenas que revivimos durante estes días: a dor de Xesús, as bagoas da súa Nai, a fuxida dos discípulos, a valentía das santas mulleres, a audacia de Xosé e Nicodemo, que piden a Pilato o corpo do Señor.

Acheguémonos, en suma, a Xesús morto, a esa Cruz que se recorta sobre o cumio do Gólgota. Pero acheguémonos con sinceridade, sabendo encontrar ese recollemento interior que é sinal de madurez cristiá. Os sucesos divinos e humanos da Paixón penetran deste xeito na alma, como palabra que Deus nos dirixe, para desvelar os segredos do noso corazón e revelarnos o que espera das nosas vidas.

Hai xa moitos anos vin un cadro que se gravou profundamente no meu interior. Representaba a Cruz de Cristo e, xunto ao madeiro, tres anxos: un choraba con desconsolo; outro tiña un cravo na man, como para se convencer de que aquilo era verdade; o terceiro estaba recollido en oración. Un  programa sempre actual para cada un de nós: chorar, crer e orar.

Ante a Cruz, dor dos nosos pecados, dos pecados da humanidade, que levaron a Xesús á morte; fe, para meternos nesa verdade sublime que transcende todo entendemento e para marabillarnos ante o amor de Deus; oración, para que a vida e  a morte de Cristo sexan o modelo e o estímulo da nosa vida  e da nosa entrega. Só así nos chamaremos vencedores: porque Cristo resucitado vencerá en nós, e a morte se transformará en  vida.

Notas
1

Cfr. 1 Cor XV, 14.

2

Cfr. Rom VIII, 17.

3

1 Ioh IV, 8.

4

Cfr. Ioh IV, 34.

5

Ioh XIX, 30.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
6

Cfr. Rom III, 24 ss; Heb X, 5 ss; Ioh VII, 39.

7

1 Pet II, 5.

8

Rom XVI, 15.

9

Phil IV, 21.

10

Cfr. Mt V, 13-14.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
11

Lc XIV, 26.

12

1 Ioh III, 18.

13

Lc XIV, 27.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
14

1 Pet II, 9.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
15

Cfr. Ioh XIV, 2.

Referencias á Sagrada Escritura
Este capítulo noutro idioma