A VIRXE SANTA, CAUSA DA NOSA LEDICIA

Homilía pronunciada o 15-VIII-1961Festa da Asunción

Assumpta est Maria in caelum, gaudent angeli1. María foi levada por Deus, en corpo e alma, aos ceos. Hai ledicia entre os anxos e entre os homes. Por que este gozo íntimo que advertimos hoxe, co corazón que parece querer saír do peito, coa alma enchida de paz? Porque celebramos a glorificación da nosa Nai e é natural que os seus fillos sintamos un especial xúbilo, ao ver como a honra a Trindade Beatísima.

Cristo, o seu Fillo santísimo, o noso irmán, déunola por Nai no Calvario, cando lle dixo a san Xoán: velaí a túa Nai2. E nós recibímola, co discípulo amado, naquel momento de inmenso desconsolo. Santa María acolleunos na dor, cando se cumpriu a vella profecía: e unha espada traspasará a túa alma3. Todos somos os seus fillos; Ela é Nai da humanidade enteira. E agora, a humanidade conmemora a súa inefable Asunción: María sobe aos ceos, filla de Deus Pai, nai de Deus Fillo, esposa de Deus Espírito Santo. Máis ca Ela, só Deus.

O misterio do amor

Misterio de amor é este. A razón humana non acada a comprender. Só a fe acerta a ilustrar como unha criatura humana foi elevada a dignidade tan grande, ata ser o centro amoroso no que converxen as compracencias da Trindade. Sabemos que é un divino segredo. Pero, tratándose da Nosa Nai, sentímonos inclinados a saber máis —se é posible falar así— que noutras verdades de fe.

Como nos comportariamos nós, se puidésemos escoller a nosa nai? Penso que elixiriamos á que temos, enchéndoa de todas as grazas. Iso fixo Cristo: sendo Omnipotente, Sapientísimo e o mesmo Amor4, o seu poder realizou todo o seu querer.

Mirade como os cristiáns descubriron, desde hai tempo, ese razoamento: conviña —escribe san Xoán Damasceno— que aquela que no parto conservara íntegra a súa virxindade, conservase sen corrupción ningunha o seu corpo despois da morte. Conviña que aquela que levara no seu seo ao Creador feito neno, habitase na morada divina. Conviña que a Esposa de Deus entrase na casa celestial. Conviña que aquela que vira ao seu Fillo na Cruz, recibindo así no seu corazón a dor da que estivera libre no parto, o contemplase sentado á destra do Pai. Conviña que a Nai de Deus posuíse o que corresponde ao seu Fillo, e que fose honrada como Nai e Escrava de Deus por todas as criaturas5.

Os teólogos formularon con frecuencia un argumento semellante, destinado a comprender dalgún xeito o sentido dese cúmulo de grazas de que se acha revestida María, e que culmina coa Asunción aos ceos. Din: conviña, Deus podía facelo, logo fíxoo6. É a explicación máis clara de porque o Señor lle concedeu á súa Nai, desde o primeiro intre da súa inmaculada concepción, todos os privilexios. Estivo libre do poder de Satanás; é fermosa —tota pulchra!—, limpa, pura en alma e corpo.

O misterio do sacrificio silencioso

Pero, fixádevos: se Deus quixo loar a súa Nai, e igualmente certo que durante a súa vida terrea non lle foron aforrados a María a experiencia da dor, nin o cansazo do traballo, nin o claroscuro da fe. Aquela muller do pobo, que un día prorrompeu en loanzas a Xesús exclamando: benaventurados o ventre que te levou e os peitos que te alimentaron, o Señor responde: benaventurados máis ben os que escoitan a palabra de Deus e a poñen en práctica7. Era o eloxio da súa Nai, do seu fiat8, do fágase sincero, entregado, cumprido ata as derradeiras consecuencias, que non se manifestou en accións aparatosas, senón no sacrificio escondido e silencioso de cada xornada.

Ao meditar estas verdades, entendemos un pouco máis a lóxica de Deus; decatámonos de que o valor sobrenatural da nosa vida non depende de que sexan realidade as grandes fazañas que por veces forxamos coa nosa imaxinación, senón da aceptación fiel da vontade divina, da disposición xenerosa no miúdo sacrificio cotián.

Para ser divinos, para endeusarnos, temos que comezar sendo moi humanos, vivindo cara a Deus a nosa condición de homes correntes, santificando esa aparente pequenez. Así viviu María. A chea de graza, a que é obxecto das compracencias de Deus, a que está por riba dos anxos e dos santos levou unha existencia normal. María é unha criatura coma nós, cun corazón coma o noso, capaz de gozos e de ledicias, de sufrimentos e de bagoas. Antes de que Gabriel lle comunicase o querer de Deus, a Nosa Señora ignoraba que fora escollida desde toda a eternidade para ser a Nai do Mesías. Considérase a si mesma chea de baixeza9: por iso recoñece logo, con profunda humildade, que nela fixo cousas grandes o que é Todopoderoso10.

A pureza, a humildade e a xenerosidade de María contrastan coa nosa miseria, co noso egoísmo. É razoable que, despois de advertir isto, nos sintamos movidos a imitala, somos criaturas de Deus, coma Ela, e abonda con que nos esforcemos por ser fieis, para que tamén en nós o Señor obre cousas grandes. Non será obstáculo a nosa pouquidade: porque Deus escolle o que vale pouco, para que dese xeito brille mellor a potencia do seu amor11.

Imitar a María

Nosa Nai é modelo de correspondencia á graza e, ao contemplar a súa vida, o Señor daranos luz para que saibamos divinizar a nosa existencia ordinaria. Ao longo do ano, cando celebramos as festas marianas, e en bastantes momentos da xornada cotiá, os cristiáns pensamos moitas veces na Virxe. Se aproveitamos eses intres, imaxinando como se conduciría a Nosa Señora nas tarefas que nós imos realizar, pouco a pouco iremos aprendendo: e remataremos asemellándonos a Ela, como os fillos se asemellan á súa nai.

Imitar, en primeiro lugar o seu amor. A caridade non queda en sentimentos: ten que estar nas palabras, pero sobre todo nas obras. A Virxe non só dixo fiat, senón que cumpriu en todo momento esa decisión firme e irrevogable. Así nós: cando nos aguilloe o amor de Deus e coñezamos o que El quere, debemos comprometernos a ser fieis, leais, e selo efectivamente. Porque non todo aquel que di Señor, Señor, entrará no reino dos ceos, senón aquel que fai a vontade do meu Pai celestial 12.

Habemos de imitar a súa natural e sobrenatural elegancia. Ela é unha criatura privilexiada da historia da salvación: en María, o Verbo fíxose carne e habitou entre nós13. Foi testemuña delicada, que pasa oculta; non lle gustou recibir loanzas, porque non ambicionou a súa propia gloria. María asiste aos misterios da infancia do seu Fillo, misterios, se cabe falar así, normais: á hora dos grandes milagres e das aclamacións das masas, desaparece. En Xerusalén, cando Cristo —cabalgando nun burriño— é aclamado como Rei, non está María. Pola contra rea-parece xunto á Cruz, cando todos foxen. Este xeito de comportarse ten o sabor, non buscado, da grandeza, da profundidade, da santidade da súa alma.

Tratemos de aprender, seguindo o seu exemplo na obediencia a Deus, nesa delicada combinación de escravitude e señorío. En María non hai nada daquela actitude das virxes necias, que obedecen, pero aloucadamente. Nosa Señora oe con atención o que Deus quere, pondera o que non entende, pregunta o que non sabe. Logo, entrégase toda ao cumprimento da vontade divina: velaquí a escrava do Señor, fágase en min segundo atúa palabra14. Vedes que marabilla? Santa María, mestra de toda a nosa conduta, apréndenos agora que a obediencia a Deus non é servilismo, non couta a conciencia: móvenos intimamente a que descubramos a liberdade dos fillos de Deus15.

A escola da oración

O Señor teravos concedido descubrir tantos outros trazos da correspondencia fiel da Santísima Virxe, que por si mesmos se nos presentan invitándonos a tomalos como modelo: a súa pureza, a súa humildade, a súa fortaleza, a súa xene-rosidade, a súa fidelidade... Eu quixera falar dun que os envolve todos, porque é o clima do progreso espiritual: a vida de oración.

Para aproveitar a graza que a Nosa Nai nos trae no día de hoxe, e para secundar en calquera momento as mocións do Espírito Santo, pastor das nosas almas, debemos estar comprometidos seriamente nunha actividade de trato con Deus. Non podemos agocharnos no anonimato; a vida interior, se non é un encontro persoal con Deus, non existirá. A superficialidade non é cristiá. Admitir a rutina, na nosa conduta ascética, equivale a asinar a partida de defunción da alma contemplativa. Deus búscanos un a un; e temos que lle responder un a un: aquí estou, Señor, porque me chamaches16.

Oración, sabémolo todos, é falar con Deus; mais quizais alguén pregunte: falar, de que? De que vai ser, senón das cousas de Deus e das que enchen a nosa xornada? Do nacemento de Xesús, do seu camiñar neste mundo, do seu xeito de agocharse e da súa predicación, dos seus milagres, da súa Paixón Redentora e da súa Cruz e da súa Resurrección. E na presenza de Deus Trino e Un, poñendo por Medianeira a Santa María e por avogado a san Xosé o Noso Pai e Señor —a quen tanto amo e venero—, falaremos do noso labor de todos os días, da familia, das relacións de amizade, dos grandes proxectos e das pequenas mesquindades.

O tema da miña oración é o tema da miña vida. Eu fágoo así. E á vista desta situación miña, xorde natural o propósito, determinado e firme, de cambiar, de mellorar, de ser máis dócil ao amor de Deus. Un propósito sincero, concreto. E non pode faltar a petición urxente, pero confiada, de que o Espírito Santo non nos abandone, porque Ti es, Señor, a miña fortaleza17.

Somos cristiáns correntes, traballamos en profesións moi diversas; a nosa actividade enteira transcorre por carrís ordinarios; todo desenvólvese cun ritmo previsible. Os días parecen iguais, incluso monótonos... Pois, ben: ese plan, aparentemente tan común, ten un valor divino; é algo que lle interesa a Deus, porque Cristo quere encarnarse no noso quefacer, animar desde dentro ata as accións máis humildes.

Este pensamento é una realidade sobrenatural, neta, inequívoca; non é unha consideración para consolo, que conforte os que non daremos inscrito os nosos nomes no libro de ouro da historia. A Cristo interésalle ese traballo que debemos realizar —unha e mil veces— na oficina, na fábrica, no obradoiro, na escola, nas leiras, no exercicio da profesión manual ou intelectual: interésalle tamén o escondido sacrificio que supón non verter nos outros, o fel do propio mal humor.

Repasade na oración estes argumentos, tomade ocasión precisamente de aí para dicirlle a Xesús que o adorades, e estaredes sendo contemplativos no medio do mundo, no ruído da rúa: en todas partes. Esa é a primeira lección na escola do trato con Xesucristo. Desa escola, María é a mellor mestra, porque a Virxe mantivo sempre esa actitude de fe, de visión sobrenatural, ante todo o que sucedía ao seu redor: gardaba todas esas cousas ponderándoas no seu corazón18.

Supliquemos hoxe a Santa María que nos faga contemplativos, que nos aprenda a comprender as chamadas continuas que o Señor dirixe á porta do noso corazón. Preguémoslle: nosa Nai, ti que trouxeches á terra a Xesús, que nos revela o amor do noso Pai Deus; axúdanos a recoñecelo no medio dos afáns de cada día; remove a nosa intelixencia e a nosa vontade, para que saibamos escoitar a voz de Deus, o pulo da graza.

Mestra de apóstolos

Pero non pensedes só en vós mesmos: agrandade o corazón ata abranguer a humanidade enteira. Pensade, antes que nada, nos que vos arrodean —parentes, amigos, colegas— e vede como podedes levalos a sentir máis fondamente a amizade co Noso Señor. Cando se trata de persoas rectas e honradas, capaces de estaren habitualmente máis preto de Deus, encomendádeas concretamente á Nosa Señora. E pedide tamén por tantas almas que non coñecedes, porque todos os homes estamos embarcados na mesma barca.

Sede leais, xenerosos. Formamos parte dun só corpo, do corpo Místico de Cristo, da Igrexa santa, á que están chamados moitos que buscan limpamente a verdade. Por iso temos obrigación estrita de manifestar aos demais a calidade, a fondura do amor de Cristo. O cristián non pode ser egoísta; se o fose, traizoaría a súa propia vocación. Non é de Cristo a actitude dos que se contentan con gardar a súa alma en paz —falsa paz é esa—, despreocupándose do ben dos outros. Se aceptamos a auténtica significación da vida humana —e revelóusenos pola fe—, non cabe que continuemos tranquilos, persuadidos de que nos portamos persoalmente ben, se non facemos de forma práctica e concreta que os demais se acheguen a Deus.

Hai un atranco real para o apostolado: o falso respecto, o temor a tocar temas espirituais, porque se sospeita que unha conversa dese xeito non vai caer ben en determinados ambientes, porque existe o risco de ferir susceptibilidades. Cantas veces ese razoamento é a máscara do egoísmo! Non se trata de ferir a ninguén, senón pola contra: de servir. Aínda que sexamos persoalmente indignos, a graza de Deus convértenos en instrumentos para ser útiles aos demais, comunicándolles a boa nova de que Deus quere que todos os homes se salven e cheguen ao coñecemento da verdade19.

E será lícito meterse dese modo na vida dos demais? É ne-cesario. Cristo meteuse na nosa vida sen nos pedir permiso. Así actuou tamén cos primeiros discípulos: pasando pola ribeira do mar de Galilea viu a Simón e ao seu irmán Andrés, largando as redes ao mar, pois eran pescadores. E díxolles Xesús: seguídeme, e farei que veñades ser pescadores de homes20. Cada quen conserva a liberdade, a falsa liberdade, de responder que non a Deus, como aquel mozo cheo de riquezas21, do que nos fala san Lucas. Pero o Señor e nós —obedecéndolle: ide e ensinade22— temos o dereito e o deber de falar de Deus, deste grande tema humano, porque o desexo de Deus é o máis profundo que agroma no corazón do home.

Santa María, Regina apostolorum, raíña de todos os que suspiran por dar a coñecer o amor do teu Fillo: ti que tanto entendes das nosas miserias, pide perdón pola nosa vida: polo que en nós podería ter sido lume e foi cinzas; pola luz que deixou de alumar, polo sal que se trocou insípido. Nai de Deus, omnipotencia suplicante: tráenos, co perdón, a forza para vivir verdadeiramente de esperanza e de amor, para poder levar aos demais a fe de Cristo.

Unha única receita: santidade persoal

O mellor camiño para non perder nunca a audacia apostólica, as fames eficaces de servir a todos os homes, non é outro que a plenitude da vida de fe, de esperanza e de amor; nunha palabra: santidade. Non atopo outra receita máis ca esa: santidade persoal.

Hoxe, en unión con toda a Igrexa, celebramos o triunfo da Nai, Filla e Esposa de Deus. E como nos gozabamos no tempo da Pascua de Resurrección do Señor aos tres días da súa morte, agora sentímonos alegres porque María, despois de acompañar a Xesús desde Belén ata a Cruz, está onda El en corpo e alma, gozando da gloria por toda a eternidade. Esta é a misteriosa economía divina: a Nosa Señora, feita partícipe de modo pleno da obra da nosa salvación, tiña que seguir de preto os pasos do seu Fillo: a pobreza de Belén, a vida oculta de traballo ordinario en Nazaret, a manifestación da divindade en Caná de Galilea, as aldraxes da Paixón e o Sacrificio divino da Cruz, a benaventuranza eterna do Paraíso.

Todo isto aféctanos directamente, porque ese itinerario sobrenatural ha de ser tamén o noso camiño. María móstranos que esa senda é doada de facer, que é segura. Ela precedeunos pola vía da imitación de Cristo, e a glorificación da Nosa Nai é a firme esperanza da nosa propia salvación; por iso chamámola spes nostra e causa nostrae laetitiae, a nosa esperanza e causa da nosa felicidade.

Non podemos abandonar nunca a confianza de chegar a ser santos, de aceptar as invitacións de Deus, de ser perseverantes ata o final. Deus que comezou en nós a obra da santificación, levaraa a cabo23. Porque se o Señor está connosco, quen contra nós? El, que non perdoou nin o seu propio Fillo, senón que o entregou á morte por todos nós, como despois de ternos dado o seu Fillo, deixará de darnos calquera outra cousa? 24.

Nesta festa todo convida á ledicia. A firme esperanza na nosa santificación persoal é un don de Deus; mais o home non pode permanecer pasivo. Lembrade as palabras de Cristo: se alguén quere vir tras de min, néguese a si mesmo, leve a súa cruz de cada día e sígame25. Védelo? A cruz cada día. Nulla die sine cruce!, ningún día sen cruz: ningunha xornada, na que non carguemos coa cruz do Señor, na que non aceptemos o seu xugo. Por iso, non quixen tampouco deixar de lembrarvos que a ledicia da resurrección é consecuencia da dor da cruz.

Non temades, así e todo, porque o mesmo Señor nos dixo: vinde a min todos os que andades agoniados polos traballos, que eu vos aliviarei. Tomade o meu xugo sobre vós e aprendede de min que son manso e humilde de corazón, e atoparedes acougo para as vosas almas; porque o meu xugo é levadío e a miña carga lixeira26. «Vinde —glosa san Xoán Crisóstomo—, non para render contas, senón para ser liberados dos vosos pecados; vinde, porque eu non teño necesidade da gloria que me poidades dar: teño nece-sidade da vosa salvación... Non temades ao escoitar falar de xugo, porque é levadío; non temades se falo de carga, porque é lixeira» 27.

O camiño da nosa santificación persoal pasa, decotío, pola Cruz, non é desgraciado ese camiño, porque Cristo mesmo nos axuda e con El non cabe a tristeza. In laetitia, nulla dies sine cruce!, gústame repetir, coa alma traspasada de ledicia, ningún día sen Cruz.

A ledicia cristiá

Recuperemos de novo o tema que nos propón a Igrexa: María subiu aos ceos en corpo e alma, os anxos alborózanse! Penso tamén no xúbilo de san Xosé, o seu Esposo castísimo, que a agarda no paraíso. Mais volvamos á terra. A fe confírmanos que aquí abaixo, na vida presente, estamos en tempo de peregrinación, de viaxe; non faltan os sacrificios, a dor, as privacións. Malia todo, a ledicia ten que ser sempre o contrapunto do camiño.

Servide ao Señor con ledicia28: non hai outro xeito de servilo. Deus ama ao que dá con ledicia29, ao que se entrega por enteiro nun sacrificio gustoso, porque non existe motivo ningún que xustifique o desconsolo.

Quizais estimaredes que este optimismo parece excesivo, porque todos os homes coñecen as súas insuficiencias e os seus fracasos, experimentan o sufrimento, o cansazo, a ingratitu-de, quizais o odio. Os cristiáns se somos iguais aos demais, como podemos estar exentos desas constantes da condición humana?

Sería inxenuo negar a reiterada presenza da dor e do desánimo, da tristeza e da soidade, durante a nosa peregrinación neste chan. Pola fe aprendemos con seguridade que todo iso non é produto do acaso, que o destino da criatura non é camiñar cara á aniquilación dos seus desexos de felicidade. A fe ensínanos que todo ten un sentido divino, porque é propio da entraña mesma da chamada que nos leva á casa do Pai. Non simplifica, este entendemento sobrenatural da existencia terrea do cristián, a complexidade humana; mais asegúralle ao home que esa complexidade pode estar atravesada polo nervio do amor de Deus, polo cable, forte e indestrutible, que enlaza a vida na terra coa vida definitiva na Patria.

A festa da Asunción da Nosa Señora proponnos a realidade desa esperanza gozosa. Somos aínda peregrinos, pero a Nosa Señora precedeunos e sinálanos xa o remate do vieiro: repítenos que é posible chegar e que, se somos fieis, chegaremos. Porque a Santísima Virxe non é só o noso exemplo: é auxilio dos cristiáns. E ante a nosa petición —Mostra te esse Matrem30—, non sabe nin se quere negar a coidar dos seus fillos con solicitude maternal.

A alegría é un ben cristián. Unicamente se agocha coa ofen-sa a Deus: porque o pecado é produto do egoísmo, e o egoísmo é causa da tristeza. Aínda entón, esa alegría permanece no rescaldo da alma, porque nos consta que Deus e a súa Nai non se esquecen nunca dos homes. Se nos arrepentimos, se agroma no noso corazón un acto de dor, se nos purificamos no santo sacramento da Penitencia, Deus sae ao noso encontro e perdóanos; e xa non hai tristeza: é moi xusto encherse de gozo porque o teu irmán morrera e resucitou, estaba perdido e foi achado31.

Estas palabras recollen o final marabilloso da parábola do fillo pródigo, que nunca nos cansaremos de meditar: velaquí que o Pai vén ao teu encontro; inclinarase sobre as túas costas, darache un bico, prenda de amor e de tenrura, fará que che entre-guen un vestido, un anel, calzado. Ti temes aínda unha represión, e el devólveche a túa dignidade; temes un castigo, e dáche un bico; tes medo dunha palabra alporizada, e prepara para ti un banquete32.

O amor de Deus e insondable. Se procede dese xeito co que lle ofendeu, que fará para honrar á súa Nai, inmaculada, Virgo fidelis, Virxe Santísima, sempre fiel?

Se o amor de Deus se mostra tan grande cando a cabida do corazón humano —traidor, con frecuencia— é tan pouca, que será no corazón de María, que nunca puxo o máis mínimo atranco á Vontade de Deus?

Vede como a liturxia da festa faise eco da imposibilidade de entender a misericordia infinita do Señor, con razoamentos humanos; máis que explicar, canta; fere a imaxinación, para que cadaquén poña o seu entusiasmo na loanza. Porque todos nos quedaremos curtos: apareceu un gran prodixio no ceo: unha muller, vestida de sol, e a lúa baixo os seus pés, e na cabeza unha co-roa de doce estrelas33. O rei namorouse da súa beleza. Como resplandece a filla do rei, co seu vestido tecido de ouro! 34.

A liturxia rematará cunhas palabras de María, nas que a maior humildade se conxuga coa maior gloria: chamaranme benaventurada todas as xeracións, porque fixo en min grandes cousas aquel que é todopoderoso35.

Cor Mariae Dulcissimum, iter para tutum; Corazón Docísimo de María, dá forza e seguridade ao noso camiño na terra: sé ti mesma o noso camiño, porque ti coñeces a senda e o atallo certo que levan, polo teu amor, ao amor de Xesucristo.

Notas
1

Antífona das Vésperas da festa da Asunción.

2

Ioh XIX, 27.

3

Lc II, 35.

4

Deus caritas est (Deus é amor, 1 Ioh IV, 8).

5

San Xoán Damasceno, Homilía II in dormitionem B. V. Mariae, 14 (PG 96, 742).

6

Cfr. Xoán Duns Scoto, In III Sententiarum, dist. III, q. 1.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
7

Lc XI, 27-28.

8

Lc I, 38.

9

Cfr. Lc I, 48.

10

Lc I, 49.

11

Cfr. 1 Cor I, 27-29.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
12

Mt VII, 21.

13

Ioh I, 14.

14

Lc I, 38.

15

Cfr. Rom VIII, 21.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
16

1 Reg III, 5.

17

Ps XLII, 2.

18

Lc II, 51.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
19

1 Tim II, 4.

20

Mc I, 16-17.

21

Cfr. Lc XVIII, 23.

22

Cfr. Mc XVI, 15.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
23

Cfr. Phil I, 6.

24

Rom VIII, 31-32.

25

Lc IX, 23.

26

Mt XI, 28-30.

27

San Xoán Crisóstomo, In Matthaeum homiliae, 37, 2 (PG 57, 414).

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
28

Ps XCIX, 2.

29

2 Cor IX, 7.

30

Himno litúrxico Ave maris stella.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
31

Lc XV, 32.

32

Santo Ambrosio, Expositio Evangelii secundum Lucam , 7 (PL 15, 1540).

33

Apoc XII, 1.

34

Ps XLIV, 12-14.

35

Lc I, 48-49.

Referencias á Sagrada Escritura
Este capítulo noutro idioma