CRISTO PRESENTE NOS CRISTIÁNS

Homilía pronunciada o 26-III-1967Domingo de Resurrección

Cristo vive. Esta é unha verdade que enche de contido a nosa fe. Xesús morreu na cruz, resucitou, triunfou da morte, do poder das tebras, da dor e da angustia. Non temades, con esta invocación saudou un anxo ás mulleres que ían ao sepulcro; non temades. Vós vides buscar a Xesús Nazareno, que foi crucificado: xa resucitou, non está aquí 1. Haec est dies quam fecit Dominus, exsultemus et laetemur in ea; este é o día que fixo o Señor, enchámonos de gozo2.

O tempo pascual é tempo de ledicia, dunha ledicia que non se limita a esta época do ano litúrxico, senón que se asenta en todo momento no corazón do cristián. Porque Cristo vive: Cristo non é unha figura que pasou, que existiu nun tempo e que se foi, deixándonos un recordo e un exemplo marabillosos.

Non: Cristo vive. Xesús é o Emmanuel: Deus connosco. A súa Resurrección revélanos que Deus non abandona aos seus. Pode a muller esquecerse do froito do seu ventre, non se compadecer do fillo da súas entrañas? Pois aínda que ela se esquecese, eu non me esquecerei de ti3, prometera. E cumpriu a súa promesa. Deus segue tendo as súas delicias entre os fillos dos homes4.

Cristo vive na súa Igrexa. “Dígovos a verdade: convenvos que eu marche, porque se non marcho, o Consolador non virá a vós, pero se marcho volo enviarei” 5. Eses eran os designios de Deus. Xesús, morrendo na Cruz, dábanos o Espírito de Verdade e de Vida. Cristo permanece na súa Igrexa: nos seus sacramentos, na súa liturxia, na súa predicación, na súa actividade.

De xeito especial Cristo segue presente entre nós, nesa entrega diaria da Sagrada Eucaristía. Por iso a Misa é centro e raíz da vida cristiá. En toda misa está sempre o Cristo Total, Cabeza e Corpo. Per Ipsum, et cum Ipso et in Ipso. Porque Cristo é o Camiño, o Mediador: nel, atopámolo todo; fóra del, a nosa vida queda baldeira. En Xesucristo, e instruídos por El, atrevémonos a dicir —audemus dicere— Pater noster, noso Pai. Atrevémonos a chamar Pai ao Señor dos ceos e da terra.

A presenza de Xesús vivo na Hostia Santa é a garantía, a raíz e a consumación da súa presenza no mundo.

Cristo vive no cristián. A fe dinos que o home, en estado de graza, está endeusado. Somos homes e mulleres, non anxos. Seres de carne e óso, con corazón e paixóns, con tristezas e con alegrías. Mais a divinización redunda en todo o home como un anticipo da resurrección gloriosa. Cristo resucitou de entre os mortos e veu ser como as primicias dos defuntos: porque así como por un home veu a morte, por un home debe vir a resurrección dos mortos. Que así como en Adán morren todos, así en Cristo todos serán vivificados 6.

A vida de Cristo é vida nosa, segundo o que lles prometera aos seus Apóstolos, o día da Última Cea: Calquera que me ama, observará os meus mandamentos, e o meu Pai amarao, e viremos a el, e facemos mansión dentro del 7. O cristián debe —polo tanto— vivir segundo a vida de Cristo, facendo seus os sentimentos de Cristo, de xeito que poida exclamar con san Paulo, non vivo ego, vivit vero in me Christus8, non son eu o que vive, senón que Cristo vive en min.

Xesucristo, fundamento da vida cristiá

Quixen lembrar, aínda que fose brevemente, algúns dos aspectos dese vivir actual de Cristo —Iesus Christus heri et ho die; ipse et in saecula9—, porque aí está o fundamento de toda a vida cristiá. Se miramos ao noso redor e consideramos o transcurso da historia da humanidade, observaremos progresos e avances. A ciencia deulle ao home unha maior conciencia do seu poder. A técnica domina a natureza en maior grao que en épocas pasadas, e permite que a humanidade soñe con chegar a un máis alto nivel de cultura, de vida material, de unidade.

Algúns poida que se sintan movidos a matizar ese cadro, lembrando que os homes padecen agora inxustizas e guerras, incluso peores que as do pasado. Non lles falta razón. Mais, por riba desas consideracións, eu prefiro lembrar que, no eido relixioso, o home segue sendo home, e Deus segue sendo Deus. Neste campo o cumio do progreso xa se deu: é Cristo, alfa e omega, principio e fin10.

Na vida espiritual non hai unha nova época á que chegar. Xa está todo dado en Cristo, que morreu, e resucitou, e vive e permanece sempre. Pero hai que se unir a El pola fe, deixando que a súa vida se manifeste en nós, de xeito que se poida dicir que cada cristián é non xa alter Christus, senón ipse Christus, o mesmo Cristo!

Instaurare omnia in Christo, dá como lema san Paulo aos cristiáns de Éfeso11; informar o mundo enteiro co espírito de Xesús, colocar a Cristo no miolo de todas as cousas. Si exaltatus fuero a terra, omnia traham ad meipsum12, cando sexa levantado en alto sobre a terra, atraerei todo canda min. Cristo coa súa Encarnación, coa súa vida de traballo en Nazaret, coa súa predicación e milagres polas terras de Xudea e de Galilea, coa súa morte na Cruz, coa súa Resurrección, é o centro da creación, Primoxénito e Señor de toda criatura.

A nosa misión de cristiáns é proclamar esa Realeza de Cristo, anunciala coa nosa palabra e coas nosas obras. O Señor quere aos seus en todas as encrucilladas da terra. A algúns chámaos ao deserto, a desentenderse dos avatares da sociedade dos homes, para facer que eses mesmos homes recorden aos demais, co seu testemuño, que existe Deus. A outros, encoméndalles o ministerio sacerdotal. Á grande maioría, quéreos no medio do mundo, nas ocupacións terreas. Polo tanto, eses cristiáns deben levar a Cristo a todos os ámbitos onde se desenvolven as tarefas humanas: á fábrica, ao laboratorio, ao traballo da terra, ao obradoiro do artesán, ás rúas das grandes cidades e aos carreiros de montaña.

Gústame lembrar a este propósito unha escena da conversación de Cristo cos discípulos de Emaús. Xesús camiña a carón daqueles dous homes, que perderon toda esperanza, de xeito que a vida lles comeza a parecer sen sentido. Comprende a súa dor, penetra no seu corazón, comunícalles algo da vida que habita nel.

Cando, ao chegar a aquela aldea, Xesús fai ademán de seguir adiante, os dous discípulos detéñeno, e case o forzan a quedar con eles. Recoñéceno despois ao partir o pan: O Señor, exclaman, estivo connosco. Entón dixéronse o un ao outro: Non é verdade que sentiamos abrasarse o noso corazón, mentres nos falaba polo camiño, e nos explicaba as Escrituras?13. Cada cristián debe facer presente a Cristo entre os homes; debe obrar de tal xeito que os que o traten perciban o bonus odor Christi14, o bo olor de Cristo; debe actuar de modo que, a través das accións do discípulo, se poida descubrir o rostro do Mestre.

O cristián sábese enxertado en Cristo polo Bautismo; habilitado para loitar por Cristo pola Confirmación; chamado a obrar no mundo pola participación na función real, profética e sacerdotal de Cristo; feito unha soa cousa con Cristo pola Eucaristía, sacramento da unidade e do amor. Por iso, como Cristo, ten que vivir cara aos demais homes, mirando con amor a todos e a cada un dos que o arrodean, e á humanidade enteira.

A fe lévanos a recoñecer a Cristo como Deus, a velo como o noso Salvador, a identificármonos con El, obrando como El obrou. O Resucitado, despois de sacar ao apóstolo Tomé das súas dúbidas, mostrándolle as súas chagas, exclama: benaventurados aqueles que sen me veren creron15. Aquí —comenta san Gregorio Magno— fálase de nós dun xeito particular, porque nós posuímos espiritualmente a Aquel a quen corporalmente non vimos. Fálase de nós, mais coa condición de que as nosas accións sexan conformes a nosa fe. Non cre verdadeiramente senón quen, no seu obrar, pon en práctica o que cre. Por iso, a propósito daqueles que da fe non posúen máis que palabras di san Paulo: profesan coñecer a Deus, pero négano coas obras16.

Non é posible separar a Cristo do seu ser de Deus-Home e  a súa función de Redentor. O Verbo fíxose carne e veu á terra ut omnes homines salvi fiant17, para salvar a todos os homes. Coas nosas miserias e limitacións persoais, somos outros Cristos, o mesmo Cristo, chamados tamén a servir a todos os homes.

É necesario que resoe unha vez máis aquel mandamento que permanecerá novo a través dos séculos. Carísimos —escri-be san Xoán—, non vos vou escribir un mandamento novo, senón un mandamento antigo, que recibistes desde o principio; o mandamento antigo, é a palabra divina que oístes. E non obstante eu dígovos que o mandamento do que vos falo, é un mandamento novo, que é verdadeiro en si mesmo e en vosoutros, porque as tebras desapareceron, e loce a luz verdadeira. Quen di estar na luz aborrecendo ao seu irmán, está aínda en tebras. Quen ama ao seu irmán, na luz mora, e nel non hai escándalo18.

O Noso Señor veu traer a paz, a boa nova, a vida, a todos os homes. Non só aos ricos, nin só aos pobres. Non só aos sabios, nin só aos inxenuos. A todos. Aos irmáns, que irmáns somos, pois somos fillos dun mesmo Pai Deus. Non hai, pois, máis ca unha raza: a raza dos fillos de Deus. Non hai máis ca unha cor: a cor dos fillos de Deus. E non hai máis ca unha lingua: esa que fala ao corazón e á cabeza, sen ruído de palabras, pero dándonos a coñecer a Deus e facendo que nos amemos os uns aos outros.

Contemplación da vida de Cristo

107Ese é o amor de Cristo o que cada un de nós se debe esforzar por realizar, na propia vida. Para poder ser ipse Christus hai que se mirar nel. Non basta con ter unha idea xeral do espírito de Xesús, senón que hai que aprender del detalles e actitudes. E, sobre todo, hai que contemplar o seu paso pola terra, as súas pegadas, para sacar de aí forza, luz, serenidade, paz.

Cando se ama a unha persoa deséxanse saber ata os máis miúdos detalles da súa existencia, do seu carácter, para dese xeito identificarse con ela. Por iso temos que meditar a historia de Cristo, desde o seu nacemento no presebe, ata a súa morte e a súa resurrección. Nos primeiros anos do meu labor sacerdotal, adoitaba agasallar con exemplares do Evanxeo e libros onde se narraba a vida de Xesús. Porque fai falta que a coñezamos ben, que a teñamos toda enteira na cabeza e no corazón, de xeito que, en calquera momento, sen necesidade de ningún libro, pechando os ollos, poidamos contemplala como nunha película; de forma que, nas diversas situacións da nosa condu-ta, acudan á memoria as palabras e os feitos do Señor.

Así nos sentiremos metidos na súa vida. Porque non se trata só de pensar en Xesús, de representármonos aquelas escenas. Temos que nos meter de cheo nelas, ser actores. Seguir a Cristo tan de preto como Santa María, a súa Nai, como os primeiros doce, como as santas mulleres, como aquelas multitudes que se arremuiñaban ao seu redor. Se obramos así, se non poñemos atrancos, as palabras de Cristo entrarán ata o fondo da alma, e transformarannos. Porque a palabra de Deus é viva e eficaz, e máis penetrante que espada de dous fíos, e introdúcese ata as flexuras da alma e do espírito, ata as xunturas e o  miolo dos ósos, e discirne os pensamentos e as intencións do corazón19.

Se queremos levar ata o Señor aos demais homes, é necesario ir ao Evanxeo e contemplar o amor de Cristo. Poderiamos fixarnos nas escenas cumes da Paixón, porque, como El mesmo dixo, ninguén ten amor máis grande que o que dá a súa vida polos amigos20. Mais podemos considerar tamén o resto da súa vida, o seu trato ordinario cos que se cruzaron con El.

Cristo, perfecto Deus e perfecto Home, para facerlles chegar aos homes a súa doutrina de salvación e manifestarlles o amor de Deus, procedeu de xeito humano e divino. Deus condescende co home, toma a nosa natureza sen reservas, con excepción do pecado.

Prodúceme unha fonda ledicia considerar que Cristo qui-xo ser plenamente home, con carne coma a nosa. Emocióna-me contemplar a marabilla dun Deus que ama con corazón de  home.

Entre tantas escenas como nos narran os evanxelistas, deteñámonos a considerar algunha, comezando cos relatos do trato de Xesús cos doce. O apóstolo san Xoán, que verte no seu Evanxeo a experiencia de toda unha vida, narra aquela primeira conversa co encanto do que nunca se esquece. Mestre, onde habitas? Dilles Xesús: Vide e verédelo. Foron, pois, e viron onde habitaba, e quedaron con El aquel día21.

Diálogo divino e humano que transformou as vidas de Xoán e de Andrés, de Pedro, de Santiago e de tantos outros, que preparou os seus corazóns para escoitar a palabra imperiosa que Xesús lles dirixiu xunto ao mar de Galilea. Camiñando Xesús pola ribeira do mar de Galilea, viu dous irmáns, Simón, chamado Pedro, e Andrés, o seu irmán, botando a rede ao mar; pois eran pescadores. E díxolles: seguídeme e eu farei que veñades ser pescadores de homes. Ao instante os dous, deixadas as redes, seguírono22.

Nos tres anos sucesivos, Xesús convive cos seus discípulos, coñéceos, contesta as súas preguntas, resolve as súas dúbidas. É abofé, o Rabbí, o Mestre que fala con autoridade, o Mesías enviado de Deus. Pero ao tempo é accexible, achegado. Un día Xesús retírase en oración; os discípulos encóntranse preto, poida que mirándoo e intentando adiviñar as súas palabras. Cando Xesús volve, un deles pregunta: Domine, doce nos orare, sicut docuit et Ioannes discipulos suos; apréndenos a orar, ao xeito que lle aprendeu Xoán aos seus discípulos. E Xesús respondeulles: Cando vos poñades a orar, debedes dicir: Pai, santificado sexa o teu nome...23.

Coa autoridade de Deus e co agarimo de home recibe igualmente o Señor os Apóstolos que, abraiados polos froitos da súa primeira misión, lle comentaban as primicias do seu apostolado. Vide retirarvos comigo a un lugar solitario, e repousaredes un chisco24.

Unha escena moi similar repítese cara ao final da estancia de Xesús sobre a terra, pouco antes da Ascensión. Chegada a mañá, apareceuse Xesús na ribeira; pero os discípulos non coñeceron que fose El. E Xesús díxolles: rapaces, tedes algo que comer? O  que preguntou como home, fala despois como Deus: Bota-de a rede á dereita do barco e atoparedes. Botárona, pois, e xa non a podían sacar pola chea de peixes que había. Entón o discípulo aquel a quen Xesús amaba, díxolle a Pedro: É o Señor.

E Deus espéraos na beira: Ao saltar á terra, viron preparadas brasas acesas e un peixe posto enriba e pan. Xesús díxolles: Traede acá dos peixes que rematades de coller. Subiu ao barco Simón Pedro e sacou a terra a rede, chea de cento cincuenta e tres peixes grandes. E a pesar de seren tantos non rompeu a rede. Dilles Xesús: Veña, almorzade. E ninguén dos que estaban a comer ousaba preguntarlle: quen es?, sabendo que era o Señor. Achégase Xesús e toma o pan e distribúellelo e o mesmo fai co peixe25.

Esta delicadeza e agarimo maniféstaa Xesús, non só cun grupo pequeno de discípulos, senón con todos. Coas santas mulleres, con representantes do Sanedrín coma Nicodemo e con publicanos coma Zaqueo, con enfermos e con sans, con dou-tores da lei e con pagáns, con persoas individuais e con multitudes enteiras.

Os Evanxeos nárrannos que Xesús non tiña onde reclinar a cabeza, mais cóntannos tamén que tiña amigos queridos e de confianza, desexosos de acollelo na súa casa. E fálannos da súa compaixón polos enfermos, da súa dor polos que ignoran e erran, do seu enfado ante a hipocrisía. Xesús chora pola mor-te de Lázaro, alporízase cos vendedores que profanan o tem-plo, deixa que se entenreza o seu corazón ante a dor da viúva de Naím.

Cada un destes xestos humanos é xesto de Deus. En Cristo habita toda a plenitude da divindade corporalmente26. Cristo é Deus feito home, home perfecto, home enteiro. E, no huma-no, dános a coñecer a divindade.

Ao lembrar esta delicadeza humana de Cristo, que gasta a súa vida no servizo aos outros, facemos moito máis que descubrir un posible xeito de comportarse. Estamos descubrindo a Deus. Toda obra de Cristo ten un valor transcendente: dános a coñecer o modo de ser de Deus, invítanos a crer no amor de Deus, que nos creou e que nos quere levar á súa intimidade. Eumanifestei o teu nome, aos homes que me deches do mundo; eran teus e déchesmos; e eles puxeron por obra a túa palabra. Agora coñeceron quetodo o que me deches vén de ti27, exclamou Xesús na longa oración que nos conserva o evanxelista Xoán.

Por iso, o trato de Xesús non é un trato que quede en meras palabras ou actitudes superficiais. Xesús toma en serio ao home, e quere darlle a coñecer o sentido divino da súa vida. Xesús sabe esixir, colocar a cada un fronte aos seus deberes, sacar aos que o escoitan da comodidade e do conformismo, para levalos a coñecer ao Deus tres veces santo. Conmóvenlle a Xesús a fame e a dor, mais sobre todo conmóveo a ignorancia. Viu Xesús a multitude que o agardaba, e entenrecéronselle con tal vista as entrañas, porque andaban como ovellas sen pastor, e así púxose a instruílos sobre moitas cousas28.

Aplicación á nosa vida ordinaria

Percorremos algunhas páxinas dos Santos Evanxeos para contemplar a Xesús no seu trato cos homes, e aprender a levar a Cristo ata os nosos irmáns, sendo nós mesmos Cristo. Apliquemos esta lección á nosa vida ordinaria, á propia vida. Porque non é a vida corrente e ordinaria, a que vivimos entre os demais concidadáns, os nosos iguais, algo chato e sen relevo. É, precisamente nestas circunstancias, onde o Señor quere que se santifique a inmensa maioría dos seus fillos.

É necesario repetir unha e outra vez que Xesús non se dirixiu a un grupo de privilexiados, senón que nos veu revelar o amor universal de Deus. Todos os homes son amados de Deus, de todos eles espera amor. De todos, calquera que sexan as súas condicións persoais, a súa posición social, a súa profesión ou oficio. A vida corrente e ordinaria non é cousa de pouco valor: todos os camiños da terra poden ser ocasión dun encontro con Cristo, que nos chama a identificarnos con El, para realizar —no lugar en que estamos— a súa misión divina.

Deus chámanos a través das incidencias da vida cotiá, no sufrimento e na alegría das persoas coas que convivimos, nos afáns humanos dos nosos compañeiros, nas miudezas da vida de familia. Deus chámanos tamén a través dos grandes pro-blemas, conflitos e tarefas que definen cada época histórica, atraendo esforzos e ilusións de gran parte da humanidade.

Compréndese moi ben a impaciencia, a angustia, os desexos inquedos dos que, cun alma naturalmente cristiá29, non se resignan ante a inxustiza persoal e social que pode crear o corazón humano. Tantos séculos de convivencia entre os homes e, aínda, tanto odio, tanta destrución, tanto fanatismo acumulado en ollos que non queren ver e en corazóns que non que-ren amar.

Os bens da terra, repartidos entre uns poucos; os bens da cultura, pechados en cenáculos. E, fóra, fame de pan e de sabedoría, vidas humanas que son santas, porque veñen de Deus, tratadas como simples cousas, como números dunha estatística. Comprendo e comparto esa impaciencia, que me impulsa a mirar a Cristo, que nos continúa convidando a que poñamos en práctica ese mandamento novo do amor.

Todas as situación polas que atravesa a nosa vida traen unha mensaxe divina, pídennos unha resposta de amor, de entrega aos demais. Cando veña o Fillo do Home con toda a súa maxestade e acompañado de todos os seus anxos, hase sentar entón no trono da súa gloria, e fará comparecer diante del todas as nacións, e separará os uns dos outros, como o pastor separa as ovellas dos cabritos, poñendo as ovellas á súa dereita e aos cabritos á esquerda.

Entón o rei dirá aos que estarán á súa dereita: vinde benditos do meu pai, a tomar posesión do reino, que vos está preparado desde o principio do mundo. Porque tiven fame, e déstesme de comer; tiven sede, e déstesme de beber; era peregrino, e hospedástesme; estando espido, cubrístesme; enfermo e visitástesme; encarcerado, e viñéstesme ver. Ao que os xustos responderán, dicindo: Señor, cando te vimos nós famento e che demos de comer; sedento e che demos de beber?, cando te atopamos como peregrino e te hospedamos, espido e te vestimos?, ou cando te vimos enfermo ou na cadea e te fomos visitar? E o rei en resposta diralles: en verdade vos digo, sempre que o fixestes con algún destes meus máis pequenos irmáns, comigo o fixestes30.

Hai que recoñecer a Cristo, que nos sae ao encontro, nos nosos irmáns os homes. Ningunha vida humana é unha vida illada, senón que se entrelaza con outras vidas. Ningunha persoa é un verso solto, senón que formamos todos parte dun mesmo poema divino, que Deus escribe co concurso da nosa liberdade.

Non hai nada que poida ser alleo ao afán de Cristo. Falando con profundidade teolóxica, é dicir, se non nos limitamos a unha clasificación funcional; falando con rigor, non se pode dicir que haxa realidades —boas, nobres e aínda indiferentes— que sexan exclusivamente profanas, unha vez que o Verbo de Deus fixou a súa morada entre os fillos dos homes, tivo fame e sede, traballou coas súas mans, coñeceu a amizade e a obediencia, experimentou a dor e a morte. Porque en Cristo quixo oPai poñer a plenitude de todo ser, e reconciliar por El todas as cousas consigo, restablecendo a paz entre o ceo e a terra, por medio do sangue que verteu na Cruz31.

Temos que amar o mundo, o traballo, as realidades humanas. Porque o mundo é bo; foi o pecado de Adán o que rompeu a divina harmonía do creado, pero Deus Pai enviou ao seu Fillo unixénito para que restablecese esa paz. Para que nós, feitos fillos de adopción, puidésemos liberar a creación da desorde, reconciliar todas as cousas con Deus.

Cada situación humana é irrepetible, é froito dunha vocación única que se debe vivir con intensidade, realizando nela o espírito de Cristo. Así, vivindo cristiamente entre os nosos iguais, dunha maneira ordinaria pero coherente coa nosa fe, seremos Cristo presente entre os homes.

113Ao considerar a dignidade da misión á que Deus nos chama, pode xurdir quizais a presunción, a soberbia, na alma humana. É unha falsa conciencia da vocación cristiá, a que cega, a que nos fai esquecer que estamos feitos de barro, que somos po e miseria. Que non só hai mal no mundo, ao noso redor, senón que o mal está dentro de nós, que aniña nos no-sos propios corazóns facéndonos capaces de vilezas e egoísmos. Só a graza de Deus é rocha firme: nós somos area, e area movediza.

Cando se percorre coa mirada a historia dos homes ou a situación actual do mundo, causa dor contemplar que, despois de vinte séculos, hai tan poucos que se chaman cristiáns, e que, os que se adornan con ese nome, son tantas veces infieis á súa vocación. Hai anos, unha persoa que non tiña mal corazón, pero que non tiña fe, sinalando un mapamundi, comentoume: «Velaí o fracaso de Cristo. Tantos séculos procurando meter na alma dos homes a súa doutrina, e mire os resultados: non hai cristiáns».

Non falta hoxe quen aínda pense dese xeito. Pero Cristo non fracasou: a súa palabra e a súa vida fecundan continuamente o mundo. A obra de Cristo, a tarefa que o seu Pai lle encomendou, estase realizando, a súa forza atravesa a historia traendo a verdadeira vida, e cando xa todas as cousas estean suxeitas a El, entón o Fillo mesmo quedará suxeito en canto home ao que llas suxeitou todas, a fin de que en todas as cousas todo se-xa Deus32.

Nesta tarefa que vai realizando no mundo, Deus quixo que sexamos cooperadores seus, quixo correr o risco da nosa liberdade. Chégame ao fondo da alma contemplar a figura de Xesús acabado de nacer en Belén: un neno indefenso, inerme, incapaz de ofrecer resistencia. Deus entrégase nas mans dos homes, achégase e abáixase ata nós.

Xesucristo tendo a natureza de Deus, non tivo por usurpación o ser igual a Deus, e non obstante anonadouse a si mesmo tomando forma de escravo33. Deus condescende coa nosa liberdade, coa nosa imperfección, coas nosas miserias. Consinte en que os tesouros divinos sexan levados en vasos de barro, en que os deamos a coñecer mesturando as nosas deficiencias humanas coa súa forza divina.

A experiencia do pecado non nos debe, pois, facer dubidar da nosa misión. Certamente os nosos pecados poden facer difícil recoñecer a Cristo. Polo tanto, temos que nos enfrontar coas nosas propias miserias persoais, buscar a purificación. Pero sabendo que Deus non nos prometeu a vitoria absoluta sobre o mal durante esta vida, senón que nos pide loita. Sufficit tibi gratia mea34, abóndache a miña graza, respondeulle Deus a Paulo, que solicitaba ser liberado do aguillón que o humillaba.

O poder de Deus maniféstase na nosa fraqueza, e impúlsanos a loitar, a combater contra os nosos defectos, aínda que sabendo que non obteremos xamais de todo a vitoria durante o camiñar terreo. A vida cristiá é un constante comezar e recomezar, un renovarse cada día.

Cristo resucita en nós, se nos facemos copartícipes da súa Cruz e da súa Morte. Temos que amar a Cruz, a entrega, a mortificación. O optimismo cristián non é un optimismo adozado, nin tampouco unha confianza humana en que todo sairá ben. É un optimismo que afonda as súas raíces na conciencia da liberdade e na fe na graza; é un optimismo que nos leva a esixirnos a nós mesmos, a esforzarnos por comprender a chamada de Deus.

Deste xeito, non xa a pesar da nosa miseria, senón en certo modo a través da nosa miseria, da nosa vida de homes feitos de carne e de barro, maniféstase Cristo: no esforzo por ser mellores, por realizar un amor que aspira a ser puro, por dominar o egoísmo, por entregármonos plenamente aos demais, facendo da nosa existencia un constante servizo.

Non quero rematar sen unha última reflexión. O cristián ao facer presente a Cristo entre os homes, sendo el mesmo ipse Christus, non trata só de vivir unha actitude de amor, senón de  dar a coñecer o Amor de Deus, por medio dese seu amor humano.

Xesús concibiu toda a súa vida como unha revelación dese amor: Filipe, respondeulle a un dos seus discípulos, quen me ve a min ve tamén ao Pai35. Seguindo esa ensinanza, o apóstolo Xoán invítalles aos cristiáns a que, xa que coñeceron o amor de Deus, o manifesten coas súas obras. Queridísimos, amémonos os uns aos outros, porque a caridade procede de Deus; e todo aquel que ama, é fillo de Deus e coñece a Deus.

Quen non ten ese amor non coñece a Deus: posto que Deus é amor. Nisto se demostrou o amor de Deus cara a nós, en que enviou o seu Fillo unixénito ao mundo, para que por El teñamos a vida. E nisto consiste o seu amor, que non é porque nós amásemos a Deus, senón que El nos amou primeiro a nós, e enviou o seu Fillo a ser vítima de propiciación polos nosos pecados. Queridos, se así nos amou Deus, tamén nós debemos de amarnos os uns aos outros36.

É necesario, pois, que a nosa fe sexa viva, que nos leve real-mente a crer en Deus e a manter un constante diálogo con El. A vida cristiá debe ser vida de oración constante, procurado estar na presenza do Señor da mañá á noite e da noite á mañá. O cristián non é nunca un home solitario, posto que vive nun trato continuo con Deus, que está xunto a nós e nos ceos.

Sine intermissione orate, manda o Apóstolo, orade decote37. E, lembrando ese precepto apostólico, escribe Clemente Alexandrino: mándasenos loar e honrar ao Verbo, a quen coñecemos como salvador e rei; e por El ao Pai, non en días escollidos, como fan outros, senón constantemente ao longo de toda a vida, e de todos os xeitos posibles38.

No medio das ocupacións da xornada, no momento de vencer a tendencia ao egoísmo, ao sentir a ledicia da amizade cos outros homes, en todos eses instantes o cristián debe reencontrar a Deus. Por Cristo e no Espírito Santo, o cristián ten acceso á intimidade de Deus Pai, e percorre o seu camiño buscando ese reino, que non é deste mundo, pero que neste mundo se incoa e se prepara.

Hai que tratar a Cristo, na Palabra e no Pan, na Eucaristía e na Oración. E tratalo como se trata a un amigo, a un ser real e vivo como Cristo o é, porque resucitou. Cristo, lemos na Epístola aos Hebreos, como sempre permanece, posúe eternamente o sacerdocio. De aquí que pode salvar perpetuamente aos que se presentan a Deus por medio del, posto que está sempre vivo para interceder por nós39.

Cristo, Cristo resucitado, é o compañeiro, o Amigo. Un compañeiro que se deixa ver entre sombras, pero cuxa realidade enche toda a nosa vida, e que nos fai desexar a súa compañía definitiva. O espírito e a esposa din: vén. Diga tamén quen escoita: vén. Así mesmo o que ten sede, veña; e o que queira tome de balde a auga da vida, da felicidade eterna... E o que dá tes-temuño destas cousas di: certamente, veño axiña. Así sexa. Vén, Señor Xesús40.

Notas
1

Mc XVI, 6 (Evanxeo da Misa do Domingo de Resurrección).

2

Ps CXVII, 24 (Gradual desa mesma Misa).

3

Is XLIX, 14-15.

4

Cfr. Prv VIII, 31.

5

Ioh XVI, 7.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
6

1 Cor XV, 20-21.

7

Ioh XIV, 23.

8

Gal II, 20.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
9

Heb XIII, 8.

10

Cfr. Apoc XXI, 6.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
11

Eph I, 10.

12

Ioh XII, 32.

13

Lc XXIV, 32.

14

Cfr. 2 Cor II, 15.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
15

Ioh XX, 29.

16

San Gregorio Magno, In Evangelia homiliae, 26, 9 (PL 76, 1202).

17

Cfr. 1 Tim II, 4.

18

1 Ioh II, 7-10.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
19

Heb IV, 12.

20

Ioh XV, 13.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
21

Ioh I, 38-39.

22

Mt IV, 18-20.

23

Lc XI, 1-2.

24

Mc VI, 31.

25

Ioh XXI, 4-13.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
26

Col II, 9.

27

Ioh XVII, 6-7.

28

Mc VI, 34.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
29

Cfr. Tertuliano, Apologeticus, 17 (PL 1, 375).

30

Mt XXV, 31-40.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
31

Col I, 19-20.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
32

1 Cor XV, 28.

33

Phil II, 6-7.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
34

2 Cor XII, 9.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
35

Ioh XIV, 9.

36

1 Ioh IV, 7-11.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
37

1 Thes V, 17.

38

Clemente Alexandrino, Stromata, 7, 7, 35 (PG 9, 450).

39

Heb VII, 24-25.

40

Apoc XXII, 17 e 20.

Referencias á Sagrada Escritura
Este capítulo noutro idioma