CRISTO REI

Homilía pronunciada o 22-XI-1970Festa de Cristo Rei

Remata o ano litúrxico, e no Santo Sacrificio do Altar renovámoslle ao Pai o ofrecemento da Vítima, Cristo, Rei de santidade e de graza, Rei de xustiza, de amor e de paz, como leremos dentro de pouco no Prefacio1. Todos percibides na vosa alma unha ledicia inmensa, ao considerar a santa Humanidade do Noso Señor: un Rei con corazón de carne, coma o noso; que é o autor do universo e de cada unha das criaturas, e que non se impón dominando. Mendiga un pouco de amor, mostrándonos, en silencio, as súas mans chagadas.

Por que, entón, tantos o ignoran? Por que se escoita aínda esa protesta cruel: nolumus hunc regnare super nos2, non queremos que este reine sobre nós? Na terra hai millóns de homes que se encaran dese xeito con Xesucristo ou, mellor dito, coa sombra de Xesucristo, porque a Cristo non o coñecen, nin viron a beleza do seu rostro, nin saben a marabilla da súa doutrina.

Ante ese triste espectáculo, síntome inclinado a desagraviar o Señor. Ao escoitar ese clamor que non cesa e que, máis que de voces, está feito de obras pouco nobres, experimento a necesidade de berrar alto: oportet illum regnare! 3, cómpre que El reine.

Oposición a Cristo

Moitos non soportan que Cristo reine; opóñense a El de mil formas: nos deseños xerais do mundo e na convivencia humana, nos costumes, na ciencia, na arte. Ata na mesma vida da Igrexa! Eu non falo —escribe santo Agostiño— dos malvados que blasfeman de Cristo. Son raros, en efecto, os que blasfeman coa lingua, mais son moitos os que blasfeman coa propiaconduta4.

A algúns moléstalles incluso a expresión Cristo Rei: por unha superficial cuestión de palabras, coma se o reinado de Cristo puidese confundirse con fórmulas políticas; ou porque, a confesión da realeza do Señor, levaríalles a admitir unha lei. E non toleran a lei, nin sequera a do precepto entrañable da caridade, porque non se desexan aproximar ao amor de Deus: ambicionan só servir ao propio egoísmo.

O Señor empurroume a repetir, desde hai moito tempo, un grito calado: serviam!, servirei. Que El nos aumente eses afáns de entrega, de fidelidade a súa divina chamada —con naturalidade, sen aparato, sen ruído—, no medio da rúa. Démoslle grazas desde o fondo do corazón. Dirixámoslle unha oración de súbditos, de fillos!, e a lingua e o padal encherásenos de leite e de mel, saberanos a panal tratar do Reino de Deus, que é un Reino de liberdade, da liberdade que El nos gañou5.

Cristo, Señor do mundo

Quixera que considerásemos como ese Cristo, que —Neno amable— vimos nacer en Belén, é o Señor do mundo: pois por El foron creados todos os seres nos ceos e na terra; El reconciliou co Pai todas as cousas, restablecendo a paz entre o ceo e a terra, por medio do sangue que verteu na cruz6. Hoxe Cristo reina, á dereita do Pai, decláranlles aqueles anxos de brancas vestiduras aos discípulos que estaban abraiados contemplando as nubes, despois da Ascensión do Señor: homes de Galilea por que estades aí mirando ao ceo? Este Xesús, que afastándose de vós subiu ao ceo, virá do mesmo xeito que o acabades de ver subir7.

Por El reinan os reis8, coa diferenza de que os reis, as autoridades humanas, pasan; e o reino de Cristo permanecerá por toda a eternidade9, o seu reino é un reino eterno e a súa dominación perdura de xeración en xeración10.

O reino de Cristo non é un modo de dicir, nin unha imaxe retórica. Cristo vive, tamén como home, con aquel mesmo corpo que asumiu na Encarnación, que resucitou despois da Cruz e subsiste glorificado na Persoa do Verbo xuntamente coa súa alma humana. Cristo, Deus e Home verdadeiro, vive e reina e é o Señor do mundo. Só por El mantense en vida todo o que vive.

Por que, entón non se aparece agora en toda a súa gloria? Porque o seu reino non é deste mundo11, aínda que está no mundo. Explicáralle Xesús a Pilatos: Eu son rei. Eu para isto nacín: para dar testemuño da verdade; todo aquel que pertence á verdade, escoita a miña voz12. Os que agardaban do Mesías un poderío temporal visible, trabucábanse: que non consiste o reino de Deus en comer nin en beber, senón na xustiza, na paz e no gozo do Espírito Santo13.

Verdade e xustiza; paz e gozo no Espírito Santo. Ese é o reino de Cristo: a acción divina que salva os homes e que culminará cando a historia remate, e o Señor, que senta no máis alto do paraíso, veña xulgar definitivamente os homes.

Cando Cristo inicia a súa predicación na terra, non nos ofrece un programa político, senón que di: facede penitencia, porque está preto o reino dos ceos14; encárgalles aos seus discípulos que anuncien esa boa nova15, e ensina que se pida na oración o advento do reino16. Isto é o reino de Deus e a súa xustiza, unha vida santa: o que temos que buscar primeiro17, o único verdadeiramente necesario18.

A salvación, que predica o Noso Señor Xesucristo, é unha invitación dirixida a todos: acontece o que a certo rei, que celebrou o casamento do seu fillo e enviou os criados ir chamar polos convidados ás vodas19. Por iso, o Señor revela que o reino dos ceos está no medio de vós20.

Ninguén se atopa excluído da salvación, se libremente se achanza ás esixencias agarimosas de Cristo: nacer de novo21, facerse como nenos, na sinxeleza de espírito22; afastar o corazón de todo o que arrede de Deus23. Xesús quere feitos, non só palabras24. E un esforzo denodado, porque só os que loitan serán merecentes da herdanza eterna25.

A perfección do reino —o xuízo definitivo de salvación ou de condenación— non se dará na terra. Agora o reino é coma unha sementeira26, como a medranza do gran de mostaza27; a súa fin será como a pesca coa rede de arrastre, da que traída á area serán extraídos, para distintas sortes, os que obraron a xustiza e os que executaron a iniquidade28. Pero, mentres vivimos aquí, o reino semella o fermento que colleu unha muller e mesturouno con tres celemíns de fariña, ata que toda a masa quedou levedada29.

O que entende o reino que Cristo propón, advirte que paga a pena xogarse todo por conseguilo: é a perla que o comerciante adquire a consta de vender o que posúe, é o tesouro atopado na leira30. O reino dos ceos é unha conquista difícil: ninguén está seguro de acadalo31, mais o clamor humilde do home arrepentido consegue que se abran as súas portas de par en par. Un dos ladróns que foron crucificados con Xesús suplícalle: Señor, lémbrate de min cando chegues ao teu reino. E Xesús respondeulle: en verdade dígoche que hoxe estarás comigo no paraíso32.

O reino na alma

Que grande es, Señor e Deus noso! Ti es o que pos na nosa vida o sentido sobrenatural e a eficacia divina. Ti es a causa de que, por amor do teu Fillo, con todas as forzas do noso ser, coa alma e co corpo poidamos repetir: oportet illum regnare!, mentres resoa a cantiga da nosa debilidade, porque sabes que somos criaturas —e que criaturas!— feitas de barro, non só nos pés33, tamén no corazón e na cabeza. Ao divino, vibraremos exclusivamente por ti.

Cristo debe reinar, antes que nada, na nosa alma. Pero que responderiamos se El preguntase: ti, de que xeito me deixas reinar en ti? Eu contestaría que, para que El reine en min, necesito a súa graza abondosa: unicamente así ata o derradeiro latexo, ata a derradeira respiración, ata a mirada menos intensa, ata a palabra máis corrente, ata a sensación máis elemental traduciranse nun hosanna ao meu Cristo Rei.

Se pretendemos que Cristo reine, temos que ser coherentes: comezar por entregarlle o noso corazón. Se non o fixésemos, falar do reinado de Cristo sería balbordo sen substancia cristiá, manifestación exterior dunha fe que non existiría, utilización fraudulenta do nome de Deus para as componendas humanas.

Se a condición para que Xesús reinase na miña alma, na túa alma, fose contar previamente en nós cun lugar perfecto, teriamos razón para nos desesperar. Pero non temas, filla de Sión: olla o teu Rei, que vén sentado nun burriño34. Védelo? Xesús conténtase cun pobre animal, por trono. Non sei a vós; mais a min non me humilla recoñecerme, aos ollos do Señor, como un asno: como un burriño vou eu diante túa; mais estarei sempre ao teu carón, porque ti me tomaches da túa destra35, ti lévasme polo ramal.

Pensade nas características do asno, agora que van quedando tan poucos. Non é un burro vello e teimudo, rancoroso, que se vinga cunha couce traizoeira, senón un asno novo: as orellas estiradas como antenas, austero na comida, duro no traballo, cun trote decidido e alegre. Hai centos de animais máis fermosos, más hábiles e máis crueis. Pero Cristo fixouse nel, para presentarse como rei ante o pobo que o aclamaba. Porque Xesús non sabe que facer coa astucia calculadora, coa crueldade de corazóns fríos, coa fermosura vistosa pero baldeira. O  Noso Señor estima a alegría dun corazón mozo, o paso sinxelo, a voz sen falsete, os ollos limpos, o oído atento á súa palabra de agarimo. Dese xeito reina na alma.

Reinar servindo

Se deixamos que Cristo reine na nosa alma, non nos converteremos en dominadores, seremos servidores de todos os homes. Servizo. Como me gusta esta palabra! Servir o meu Rei e, por El, a todos os que foron redimidos co seu sangue. Se os cristiáns soubésemos servir! Imos confiar ao Señor a nosa decisión de aprender a realizar esta tarefa de servizo, porque só servindo poderemos coñecer e amar a Cristo, e dalo a coñecer e lograr que outros moitos o amen.

De que xeito o mostraremos ás almas? Co exemplo: que sexamos testemuño seu, coa nosa voluntaria servidume a Xe sucristo, en todas as nosas actividades, porque é o Señor de todas as realidades da nosa vida, porque é a única e a derradeira razón da nosa existencia. Despois, cando prestemos ese testemuño do exemplo, seremos quén de instruír coa palabra, coa doutrina. Así obrou Cristo: coepit facere et docere36, primeiro ensinou con obras, logo coa súa predicación divina.

Servir os demais, por Cristo, esixe ser moi humanos. Se a nosa vida é deshumana, Deus non edificará nada nela, porque ordinariamente non constrúe sobre a desorde, sobre o egoís-mo, sobre a prepotencia. Temos que comprender a todos, temos que convivir con todos, temos que desculpar a todos, temos que perdoar a todos. Non diremos que o inxusto é xusto, que a ofensa a Deus non é ofensa a Deus, que o malo é bo. Mais, ante o mal, non responderemos con outro mal, senón coa doutrina clara e coa acción boa: afogando o mal en fartura de ben37. Así Cristo reinará na nosa alma, e nas almas dos que nos arrodean.

Intentan algúns construír a paz no mundo, sen poñer amor a Deus nos seus propios corazóns, sen servir por amor a Deus ás criaturas. Como será posible realizar, dese xeito, unha misión de paz? A paz de Cristo é a do reino de Cristo; e o reino do noso Señor ten que se cimentar no desexo de santidade, na disposición humilde para recibir a graza, nunha esforzada acción de xustiza, nun divino dispendio de amor.

Cristo no cume das actividades humanas

Isto é realizable, non é un soño inútil. Se os homes nos decidísemos a albergar nos nosos corazóns o amor de Deus! Cristo, Señor Noso, foi crucificado e, desde a altura da Cruz, redimiu o mundo, restablecendo a paz entre Deus e os homes. Xesucristo lémbranos a todos: et ego, si exaltatus fuero a terra, omnia traham ad meipsum38, se vós me colocades no cume de todas as actividades da terra, cumprindo o deber de cada momento, sendo o meu testemuño no que parece grande e no que parece pequeno, omnia traham ad meipsum, atraereino todo onda min. O meu reino entre vós será unha realidade!

Cristo, Noso Señor, segue empeñado nesta sementeira de salvación dos homes e da creación enteira, deste mundo noso, que é bo, porque saíu bo das mans de Deus. Foi a ofensa de Adán, o pecado da soberbia humana, o que rompeu a harmonía divina do creado.

Pero Deus Pai, cando chegou a plenitude dos tempos, en viou o seu Fillo Unixénito, que —por obra do Espírito Santo— tomou carne en María sempre Virxe, para restable-cer a paz, para que, redimindo o home do pecado, adoptionem filiorum reciperemus39, fósemos constituídos fillos de Deus, capaces de participar na intimidade divina: para que dese xeito lle fose concedido a este home novo, a esta nova rama dos fillos de Deus40, liberar o universo enteiro da desorde, restaurando todas as cousas en Cristo41, que os reconciliou con Deus42.

A isto fomos chamados os cristiáns, esa é a nosa tarefa apostólica e o afán que nos debe proer a alma: lograr que sexa realidade o reino de Cristo, que non haxa máis odios nin máis crueldades, que espallemos pola terra o bálsamo forte e pacífico do amor. Pidámoslle hoxe ao noso Rei que nos faga colaborar humilde e afervoadamente no divino propósito de unir o que está crebado, de salvar o que está perdido, de ordenar o que o home desordenou, de levar a súa fin o que se descamiña, de reconstruír a concordia de todo o creado.

Abrazar a fe cristiá é comprometerse a continuar entre as criaturas a misión de Xesús. Temos que ser, cada un de nós, alter Christus, ipse Christus, outro Cristo, o mesmo Cristo. Só así poderemos emprender esa empresa grande, inmensa, interminable: santificar desde dentro todas as estruturas temporais, levando alí o fermento da Redención.

Nunca falo de política. Non penso no cometido dos cristiáns na terra como un agromar dunha corrente político-relixiosa —sería unha loucura—, nin sequera aínda que teña o bo propósito de infundir o espírito de Cristo en todas as actividades dos homes. O que hai que meter en Deus é o corazón de cada un, sexa quen sexa. Procuremos falar para cada cristián, para que alí onde está —en circunstancias que non dependen só da súa posición na Igrexa ou na vida civil, senón do resultado das cambiantes situacións históricas—, saiba dar testemuño, co exemplo e coa palabra, da fe que profesa.

O cristián vive no mundo con pleno dereito, por ser home. Se acepta que no seu corazón habite Cristo, que reine Cristo, en todo o seu quefacer humano atoparase —ben forte— a eficacia salvadora do Señor. Non importa que esa ocupación sexa, como se adoita dicir, alta ou baixa; porque un cume humano pode ser para os ollos de Deus, unha baixeza; e o que chamamos baixo ou modesto pode ser unha cima cristiá, de santidade e de servizo.

A liberdade persoal

Un cristián, cando traballa, como é a súa obriga, non debe esquivar nin burlar as esixencias propias do natural. Se coa expresión bendicir as actividades humanas se entendese anular ou escamotear a súa dinámica propia, negaríame a usar esas palabras. Persoalmente non me convenceu nunca que as actividades correntes dos homes ostenten, como un letreiro postizo, un cualificativo confesional. Porque me parece, malia que respecto a opinión contraria, que se corre perigo de usar en van o nome santo da nosa fe, e ademais porque, nalgunhas ocasións, a etiqueta católica utilizouse para mesmo xustificar actitudes e operacións que non son por veces honradamente humanas.

Se o mundo e todo o que hai nel —menos o pecado— é bo, porque é obra de Deus Noso Señor, o cristián, loitando continuamente por evitar as ofensas a Deus —unha loita positiva de amor—; ten que se dedicar a todo o terreo, cóbado con cóbado cos demais cidadáns; debe defender todos os bens derivados da dignidade da persoa.

E existe un ben que deberá buscar sempre especialmente: o da liberdade persoal. Só se defende a liberdade individual dos demais coa correspondente persoal responsabilidade, poderá, con honradez humana e cristiá, defender do mesmo xeito a súa. Repito e repetirei sen cesar que o Señor nos deu de balde un grande agasallo sobrenatural, a graza divina; e outra marabillosa dádiva humana, a liberdade persoal, que esixe de nós —para que non se corrompa, converténdose en libertinaxe— integridade, empeño eficaz en desenvolver a nosa conduta dentro da lei divina, porque onde está o Espírito de Deus, alí hai liberdade43.

O Reino de Deus é a liberdade: aquí non existen máis servos que os que libremente se encadean, por Amor a Deus. Bendita escravitude de amor, que nos fai libres! Sen liberdade non podemos corresponder á graza, sen liberdade, non podemos entregarnos libremente ao Señor, coa razón máis sobrenatural: porque nos peta.

Algúns dos que me escoitades coñecédesme desde hai moitos anos. Podedes testemuñar que levo toda a miña vida predicando a liberdade persoal, con persoal responsabilidade. Busqueina e búscoa, por toda a terra, como Dióxenes buscaba un home. E cada día ámoa máis, ámoa sobre todas as cousas terreas: é un tesouro que non apreciaremos nunca dabondo.

Cando falo de liberdade persoal, non me refiro con esta escusa a outros problemas quizais moi lexítimos, que non corresponden ao meu oficio de sacerdote. Sei que non me corresponde tratar de temas seculares e transitorios, que pertencen á esfera temporal e civil, materias que o Señor deixou á libre e serena controversia dos homes. Sei tamén que os beizos do sacerdote, evitando por completo todo bando humano, hanse abrir só para conducir as almas a Deus, á súa doutrina espiritual salvadora, aos sacramentos que instituíu Xesucristo, á vida interior que nos aproxima ao Señor sabéndonos os seus fillos e, polo tanto, irmáns de todos os homes sen excepción.

Celebramos hoxe a festa de Cristo Rei. E non estou fóra do meu oficio de sacerdote cando digo que, se alguén entendese o reino de Cristo como un programa político, non tería profundado na finalidade sobrenatural da fe e estaría a piques de gravar as conciencias con pesos que non son os de Xesús, porque o seu xugo e suave e a súa carga liviá44. Amemos de verdade a todos os homes; amemos a Cristo, por riba de todo; e, entón, non teremos outra que amar a lexítima liberdade dos outros, nunha pacífica e razoable convivencia.

Serenos, fillos de Deus

Suxerirédesme, quizais: pero poucos queren oír isto e aínda menos, poñelo en práctica. Cónstame: a liberdade é unha planta forte e saudable, que se aclimata mal entre as pedras, entre espiñas ou nos camiños pisados polas xentes45. Xa nos fora anunciado, aínda antes de que Cristo viñese á terra.

Lembrade o salmo segundo: por que se amotinaron as nacións, e os pobos argallan cousas vas? Erguéronse os reis da terra, e reuníronse os príncipes contra o Señor e contra o seu Cristo46. Védelo? Nada novo. Opúñanse a Cristo antes de que nacese; opuxéronselle, mentres os seus pés pacíficos percorrían os vieiros de Palestina; perseguírono despois e agora, atacando os membros do seu corpo místico e real. Por que tanto odio, por que ese cebarse na cándida simplicidade, por que este universal asoballamento da liberdade de cada conciencia?

Rompamos as súas ataduras e sacudamos lonxe de nós o seu xugo47. Rompen o xugo livián, afastan de si a súa carga, marabillosa carga de santidade e de xustiza, de graza, de amor e de paz. Rabian ante o amor, rin da bondade inerme dun Deus que renuncia ao uso das súas lexións de anxos para se defender48. Se o Señor admitise a componenda, se sacrificase uns poucos inocentes para satisfacer unha maioría de culpables, aínda poderían intentar un entendemento con El. Pero non é esta a lóxica de Deus. O Noso Pai é verdadeiramente pai, e está disposto a perdoar a miles dos que obran o mal con tal de que haxa só dez xustos49. Os que se moven polo odio non poden entender esta misericordia, e refórzanse na súa aparente impunidade terrea, alimentándose da inxustiza.

O que habita nos ceos rirase deles, burlarase deles o Señor. Entón falaralles na súa indignación e encheraos de terror coa súa ira50. Que lexítima é a ira de Deus e que xusto o seu furor, que grande tamén a súa clemencia!

Eu fun por El constituído Rei sobre Sión, o seu monte santo, para predicar a súa Lei. A min díxome o Señor: Ti es o meu fillo, eu xereite hoxe51. A misericordia de Deus Pai deunos como Rei ao seu Fillo. Cando ameaza, énchese de tenrura; anuncia a súa ira e entréganos o seu amor. Ti es o meu fillo: diríxese a Cris-to e diríxese a ti e mais a min, se nos decidimos a ser alter Christus, ipse Christus.

As palabras non poden seguir o corazón, que se emociona ante a bondade de Deus. Dinos: ti es o meu fillo. Non un estraño, non un servo benevolamente tratado, non un amigo, que xa sería moito. Fillo! Concédenos vía libre para que vi-vamos con El a piedade do fillo e, atreveríame a afirmar, tamén a desvergonza do fillo dun Pai, que é incapaz de lle ne-gar nada.

Que hai moitos teimados en se comportar con inxustiza? Abofé, pero o Señor insiste: pídeme, dareiche as nacións en herdade, e estenderei os teus dominios ata os confíns da terra. Rexeralos con barra de ferro e como a vaso de oleiro romperalos52. Son promesas fortes, e son de Deus: non podemos disimulalas. Non en van Cristo é Redentor do mundo, e reina, soberano, a destra do Pai. É o terrible anuncio do que agarda a cada un, cando a vida pase, porque pasa; e a todos, cando a historia remate, se o corazón se endurece no mal e na desesperanza.

Porén Deus, que pode vencer sempre, prefire convencer: agora, reis, gobernantes, entendédeo ben; deixádevos instruír, os que xulgades na terra. Servide o Señor con temor e enxalzádeo con tremor. Abrazade a boa doutrina, non sexa que á fin o Señor se anoxe e perezades fóra do bo camiño, pois inflámase de súpeto a súa ira53. Cristo é o Señor, o Rei. Nós anunciámosvos o cumprimento da promesa feita aos vosos pais: a que Deus cumpriu diante dos nosos fillos ao resucitar a Xesús, segundo está escrito no salmo segundo: Ti es o meu Fillo, eu xereite hoxe...

Agora pois, meus irmáns, tende entendido que por medio de Xesús se vos ofrece a remisión dos pecados e de todas as manchas das que non puidestes ser xustificados en virtude da lei mosaica: todo o que cre nel é xustificado. Mirade que non recaia sobre vós o que foi dito nos profetas: reparade, os que desprezades, enchédevos de pavor e quedade con pesadume; porque vou realizar nos vosos días unha obra, na que non acabaredes de crer por máis que vola conten54.

É a obra da salvación, o reinado de Cristo nas almas, a manifestación da misericordia de Deus. Venturosos os que a El se acollen! 55. Temos dereito, os cristiáns, a alaudar a realeza de Cristo: porque, aínda que abonde a inxustiza, aínda que moitos non desexen este reinado de amor, na mesma historia humana que é o escenario do mal, vaise tecendo a obra da salvación eterna.

Anxos de Deus

Ego cogito cogitationes pacis et non afflictionis56, eu penso pensamentos de paz e non de tristura, di o Señor. Sexamos homes de paz, homes de xustiza, facedores do ben, e o Señor non será para nós Xuíz, senón amigo, irmán, Amor.

Que neste camiñar —ledo!— pola terra, nos acompañen os anxos de Deus. Antes do nacemento do noso Redentor, escribe san Gregorio Magno, nós perdéramos a amizade dos anxos. A culpa orixinal e os nosos pecados cotiás arredárannos da súa lu-minosa pureza... Mais desde o momento en que nós recoñecemos o noso Rei, os anxos recoñecéronnos como concidadáns.

E como o Rei dos ceos quixo tomar a nosa carne terrea, os anxos xa non se afastan da nosa miseria. Non se atreven a considerar inferior á súa esta natureza que adoran, véndoa enxalzada, por riba súa, na persoa do Rei do ceo; e non teñen xa inconveniente en considerar o home como un compañeiro57.

María, a Nai santa do noso Rei, a Raíña do noso corazón, coida de nós como só Ela sabe facelo. Nai compasiva, trono da graza: pedímosche que saibamos compoñer na nosa vida e na vida dos que nos arrodean, verso a verso, o poema sinxelo da caridade, quasi fluvium pacis58, como un río de paz. Porque Ti es mar de inesgotable misericordia: os ríos van todos ao mar e o mar non se enche59.

Notas
1

... regnum sanctitatis et gratiae, regnum iustitiae, amoris et pacis (Prefacio da Misa).

2

Lc XIX, 14.

3

1 Cor XV, 25.

4

Santo Agostiño, In Ioannis Evangelium tractatus, 27, 11 (PL 35, 1621).

5

Cfr. Gal IV, 31.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
6

Cfr. Col I, 11-16.

7

Act I, 11.

8

Prv VIII, 15.

9

Ex XV, 18.

10

Dan III, 100.

11

Ioh XVIII, 36.

12

Ioh XVIII, 37.

13

Rom XIV, 17.

14

Mt III, 2; IV, 17.

15

Cfr. Lc X, 9.

16

Cfr. Mt VI, 10.

17

Cfr. Mt VI, 33.

18

Cfr. Lc X, 42.

19

Mt XXII, 2.

20

Lc XVII, 21.

21

Cfr. Ioh III, 5.

22

Cfr. Mc X, 14; Mt VII, 21; V, 3.

23

En verdade dígovos que dificilmente un rico entrará no reino dos ceos (Mt XIX, 23).

24

Cfr. Mt VII, 21.

25

O reino dos ceos acádase a viva forza e os que a fan arrebátano (Mt XI, 12).

26

Cfr. Mt XIII, 24.

27

Cfr. Mt XIII, 31.

28

Cfr. Mt XIII, 47.

29

Cfr. Mt XIII, 33.

30

Cfr. Mt XIII, 44 e 45.

31

Cfr. Mt XXI, 43; VIII, 12.

32

Lc XXIII, 42.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
33

Cfr. Dan II, 33.

34

Ioh XII, 15.

35

Ps LXXII, 23.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
36

Act I, 1.

37

Cfr. Rom XII, 21.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
38

Ioh XII, 32.

39

Gal IV, 5.

40

Cfr. Rom VI, 4-5.

41

Cfr. Eph I, 9-10.

42

Cfr. Col I, 20.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
43

2 Col III, 17.

44

Cfr. Mt XI, 30.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
45

Cfr. Lc VIII, 5-7.

46

Ps II, 3.

47

Ps II, 3.

48

Cfr. Ioh XVIII, 36.

49

Cfr. Gen XVIII, 32.

50

Ps II, 4-5.

51

Ps II, 6-7.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
52

Ps II, 8-9.

53

Ps II, 10-13.

54

Act XIII, 32-33; 38-41.

55

Ps II, 13.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
56

Ier XXIX, 11.

57

San Gregorio Magno, In Evangelia homiliae, 8, 2 (PL 76, 1104).

58

Is XLVIII, 18.

59

Eccli I, 7.

Referencias á Sagrada Escritura
Este capítulo noutro idioma