PRESENTACIÓN

Ao iniciar estas páxinas de presentación do primeiro volume de Homilías de Mons. Josemaría Escrivá de Balaguer, vénme a memoria unhas palabras súas, que pronunciou en tantas ocasións, ante persoas de moitos países e de todas as condicións sociais: Eu son un  sacerdote que non fala máis que deDeus. O Fundador do Opus Dei recibiu o Santo Sacramento da Orde o 28 de marzo de 1925. Neste case medio século, ex hominibus assumptus, prohominibus constituitur (Hebr V, 1), escollido entre todos os homes, elixido por Deus para beneficio das almas, fixo que a vida cristiá sexa realidade diaria, entrañable, na intelixencia e no corazón dun número xa incalculable de persoas.

A fecundidade do sacerdocio cristián, que só se explica por razóns sobrenaturais, verteuse nunha predicación incansable. Con razón escribiu que a gran paixón dos sacerdotes do Opus Dei é apredicación. Desde 1925, Mons. Escrivá de Balaguer realiza un intenso labor pastoral: primeiro —por pouco tempo— en parroquias rurais; máis tarde, en Madrid, especialmente nos barrios pobres e nos hospitais; durante os anos trinta, en toda España; desde 1946, cando fixa a súa residencia en Roma, con persoas de todo o mundo.

Falar de Deus, achegar os homes ao Señor: vino así desde que o coñecín, en 1935. Catequeses, días e cursos de retiro espiritual, dirección de almas, cartas breves e incisivas, que levaban nos trazos —rápidos e definidos— a paz a moitas conciencias. Nos primeiros meses de 1936 chegou a enfermar; os médicos diagnosticaron só cansazo. Predicaba, ás veces, ata dez horas diarias. O clero de case todas as dioceses españolas recibiu a súa predicación; chamá-bano  os Bispos e el percorría o país, por conta do seu peto —naque-les trens de entón— sen máis pago que a amorosa obriga de falar de Deus.

«Entre os recordos que me veñen agora á memoria con viva actualidade —escribiu nunha ocasión— hai un de cando era sacerdote novo. Desde entón recibín con non pouca frecuencia dous consellos unánimes para facercarreira: ante todo, non traballar, non facer moito labor apostólico, porque isto suscita envexas e crea inimigos; e, en segundo lugar, non escribir, porque todo o que se escribe —malia que se escriba con precisión e claridade— adoita interpretarse mal. Dou grazas a Deus Noso Señor por non ter seguido nunca estes consellos, e estou contento porque non me fixen sacerdote para facer carreira».

Eu diría que Mons. Escrivá de Balaguer, sen seguir ningún deses consellos, esqueceu sobre todo o primeiro: o de non traballar. E precisamente ese labor apostólico diario non lle permitiu escribir máis que para o ben de tantas almas. Autor de libros de espiritualidade difundidos por todo o mundo —como Camino e Santo Rosario— e de axeitados estudos xurídicos e teolóxicos —como La Abadesa de las Huelgas— escribiu sobre todo numerosas e extensas cartas, Instrucións, Glosas, etc., dirixidas aos socios do Opus Dei, tratando exclusivamente de temas espirituais. Remiso a calquera forma de propaganda, accedeu só rara vez ás numerosas e constantes peticións de entrevistas por parte da prensa, a radio e televisión de moitos países. Coas poucas entrevistas que foron a excepción publicouse o libro Conversaciones con Mons. Escrivá de Balaguer, traducido tamén ás principais linguas.

De toda a gran catequese que é a súa predicación en case cincuenta anos de sacerdocio existe un abundante material inédito. Publícase neste volume unha pequena parte: algunhas das homilías pronunciadas sobre festas litúrxicas.

Presentar estas Homilías resulta innecesario. A palabra e a alma sacerdotal do autor son dabondo coñecidas, e nada novo podería dicir eu que non se deduza inmediatamente da lectura de cada unha delas. Mais pódense destacar, quizais, algunhas características constantes.

En primeiro lugar, a profundidade teolóxica. As Homilías non constitúen un tratado teolóxico, no senso corrente da expresión. Non foron concibidas como un estudo ou unha investigación sobre temas concretos; están pronunciadas a viva voz, ante persoas das máis diversas condicións culturais e sociais, con ese don de linguas que as fai accesibles a todos. Pero eses pensamentos e consideracións están tecidos no coñecemento asiduo, amoroso da Palabra divina.

Nótese, por exemplo, como o autor comenta o Evanxeo. Non é nunca un texto para a erudición, nin un lugar común para a cita. Cada versículo foi meditado moitas veces e, nesa contemplación, descubríronse luces novas, aspectos que durante séculos permaneceran velados. A familiaridade co Noso Señor, coa súa Nai, Santa María, con san Xosé, cos primeiros doce Apóstolos, con Marta, María e Lázaro, con Xosé de Arimatea e Nicodemo, cos discípulos de Emaús, coas Santas Mulleres, é algo vivo, consecuencia e resultado dun ininterrompido conversar, dese meterse nas escenas do Santo Evanxeo para ser un personaxe máis.

Non sorprende, por iso, a coincidencia dos comentarios de Mons. Escrivá de Balaguer con aqueloutros, feitos hai máis de quince séculos, polos primeiros escritores cristiáns. As citas dos Padres da Igrexa aparecen entón engarzadas con naturalidade no texto das Homilías, en sintonía de fidelidade á Tradición da Igrexa.

A segunda característica é a conexión inmediata que se establece entre a doutrina do Evanxeo e a vida do cristián corrente. En ningún momento as Homilías se colocan nun terreo descarnado, abstracto; hai sempre teoría, mais en continua ensamblaxe coa vida. Mons. Escrivá de Balaguer non se dirixe —non hai que perder de vista que son textos falados— a un auditorio de especulativos, de cu-riosos da espiritualidade cristiá. Fala a persoas de carne e óso, que teñen xa na alma a vida de Deus ou que, barruntando o amor divi-no, están dispostas a achegarse máis a el.

Non fala tampouco a un público especializado —mulleres, homes, estudantes, obreiros, profesionais...—; fala sempre a todos á vez, porque está convencido de que a palabra de Deus, cando se predica desde o amor de Cristo, encontra sempre as canles para chegar, un a un, a cada corazón; e de que o Espírito Santo pon en cada alma esas mocións íntimas, que non se advirten desde fóra, para que a semente caia en terra boa e dea o cento por un.

A terceira característica é de estilo. Poida que sexa o menos importante; pero non é posible silenciar esta linguaxe directa, sinxela, dunha amenidade inconfundible. Nótase sempre unha delicada atención á corrección gramatical e literaria, mais o au-tor non supedita o contido á forma. A forza e o nervio do que se di dan lugar a un estilo sereno, claro, sen recorrer a efectos fa-cilmente emotivos. Tampouco intenta abraiar; quere só ser vehículo imprescindible, para que cada alma se coloque cara a Deus, e quite consecuencias e propósitos concretos para a súa vida diaria.

As Homilías deste volume percorren todo o ano litúrxico, desde o Advento ata a festa de Cristo Rei. Non é posible resumir en poucas palabras un contido tan amplo e, á vez, rico en matices. Pero quizais se poden detectar os fíos condutores de todas estas meditacións en voz alta.

O nervio central é o sentido da filiación divina, constante na predicación do Fundador do Opus Dei. O autor faise continuamente eco da ensinanza de san Paulo: «Os que se rexen polo Espírito de Deus, eses son fillos de Deus. Porque non recibistes o espírito de ser-vidume para obrar aínda por temor, senón que recibistes o espírito de adopción, en virtude do cal clamamos: Abba, Pai! Porque o mesmo Espírito está dando testemuño ao noso espírito de que somos fillos de Deus. E sendo fillos, somos tamén herdeiros; herdeiros de Deus, e coherdeiros con Xesucristo, con tal de que padezamos con El, a fin de que sexamos con El glorificados» (Rom VIII, 14-17).

Neste texto trinitario —a Trindade Beatísima é un dos temas frecuentes nestas Homilías—, indícasenos o camiño que leva, no Espírito Santo, ao Pai. O Camiño é Xesucristo, que é Irmán, amigo, —o Amigo—, Señor, Rei, Mestre. A vida cristiá estriba entón en tratar continuamente a Cristo, e ese trato ten lugar na vida diaria, sen apartar a ninguén do seu sitio. Como? Mons. Escrivá de Balaguer resúmeo en dous trazos: polo Pan e a Palabra.

O Pan é a Eucaristía. O Fundador do Opus Dei considera a Santa Misa ocentro e a raíz da vida cristiá. Non é un feito que pasa, senón realidade sobrenatural e perenne, que empapa todos os momentos do día. Dúas homilías refírense de cheo a este misterio central do cristianismo: AEucaristía misterio de fe e de amor e Na festa do Corpus Christi. «O Noso Deus —escribe— decidiu permanecer no Sagrario para alimentarnos, para fortalecernos, para divinizarnos, para dar eficacia á nosa tarefa e ao noso esforzo. Xesucristo é ao tempo o sementador, a semente e o froito da sementeira: o Pan de vida eterna».

A Palabra e a oración. Deus fala e escoitámoslle; Deus escoita e falámoslle. Unha oración constante, como o latexar do corazón, como o respirar da alma namorada. «Por iso, cando un cristián se mete por este camiño de trato ininterrompido co Señor —e é un camiño para todos, non un vieiro para privilexiados—, a vida interior medra, segura e firme; e afiánzase no home esa loita, amable e esixente á vez, por realizar ata o fondo a vontade de Deus».

Velaí que o home é depositario de tantos tesouros divinos: recibe realmente a Cristo, o seu Corpo, o seu Sangue, a súa Alma e a súa Divindade; é templo do Espírito Santo; nel habita a Trindade Beatísima. Pero levamos eses tesouros in vasis fictilibus (II Cor IV, 7) en cacharros de barro. E, como en sordina, mais incansablemente, o autor insiste: humildade. Non unha virtude triste, desesperanzada. Humildade que é verdade: coñecemento da pouquidade humana a carón da infinita grandeza de Deus. Mais tamén coñecemento de que o Señor se recrea na súa criatura, de que quere que o cristián se endeuse, cun endeusamentobo.

Toda a vida humana —a vida corrente, coas súas alegrías e desabores, coas risas e as pequenas traxedias diarias, caseiras— adquire unha nova dimensión: «a altura: e con ela o relevo, o peso e o volume» (Camino, 279). É a continua ensinanza do Fundador do Opus Dei: «Asegúrovos, meus fillos —dixo nunha homilía pronunciada en 1967 ante 40.000 persoas—, que cando un cristián desempeña con amor a máis intranscendente das accións cotiás, aquilo reborda da transcendencia de Deus. Por iso repetinvos, cun repetido martelar, que a vocación cristiá consiste en facer hendecasílabos da prosa de cada día».

As Homilías están cheas desta vinculación dos afáns máis comúns e, por iso, máis humanos, coa transcendencia de Deus. Estes textos sitúanse —serenamente, sen polémica— fóra desas visións esquizofrénicas que conciben a santidade no inestable equilibrio dunha dobre vida: a normal e a espiritual. Ao tempo as Homilías desbotan tamén a tentación de espiritualizar de tal xeito o humano que sexa privado da súa complexidade, do que Mons. Escrivá de Balaguer chama o risco da liberdade: «Na liña do horizonte, meus fillos, parecen unirse o ceo e a terra. Mais non, onde de verdade se  xuntan é nos vosos corazóns, cando vivides santamente a vida diaria».

Vivir santamente a vida ordinaria: con honradez humana e cristiá, con sentido sobrenatural. Se toda a vida é oración —trato con Deus polo Pan e a Palabra—, o home pode advertir que o traballo —a súa actividade ordinaria, o que enche a case totalidade das horas do día— é tamén unha pregaria continua. O traballo, santificado, santifica e é ocasión para que cooperemos, coa graza de Deus, na santificación dos demais.

A vida ordinaria cristiá —traballo que é oración, oración que é traballo— convértese toda ela en apostolado. O trato persoal con Deus —cara a cara, sen anonimato—, non só non impide preocuparse dos demais, senón que é o manancial que non ten outra que se rebordar, en ben de todos os homes. «Intentan algúns construír a paz no mundo sen poñer amor de Deus nos seus propios corazóns. Como será posible efectuar, dese xeito, unha misión de paz? A paz de Cristo é a do reino de Cristo; e o reino do Noso Señor ten que estar cimentado no desexo de santidade, na disposición humil-de para recibir a graza, nunha esforzada acción de xustiza, nunha divina prodigalidade de amor».

Estas son algunhas das ideas principais das Homilías que se publican neste volume. Pero non sería honrado silenciar o que falta. Nun texto non é posible decatarse plenamente dalgunhas calidades da predicación do Fundador do Opus Dei. A súa humildade, a súa sinceridade inmediata, que engaiola. A súa entrega aos que o escoitan, o seu insistente repetir que cadaquén debe facer —ao escoitar esas palabras— unha oración persoal con Deus, con berros calados. E ese realismo cordial, nada inxenuo e, ao tempo, nada pragmático. Un sentido común, pouco común. Un humor que aflora sempre, unha alegría contaxiosa, a dun fillo de Deus.

Pero son xa moitos miles de persoas as que escoitaron directamente a predicación de Mons. Escrivá de Balaguer. Porque, se ben non ama a propaganda e a publicidade, non ten, en troques, inconveniente en responder a cantos lle preguntan sobre cousas de Deus. Nunha viaxe, no 1972, por España e Portugal, iniciada en Francia, puideron escoitalo, en grupos pequenos ou grandes, máis de cento cincuenta mil persoas; no 1970, en México, estivo cunhas corenta mil persoas dese país, dos Estados Unidos e doutras moitas nacións americanas; e en Roma, son moitos miles os que, procedentes de Europa e doutras partes, teñen ocasión de oírlle dicir que «todo o traballo humano honesto, intelectual ou manual, debe ser realizado polo cristián coa maior perfección posible... Porque feito dese xeito, ese traballo humano, por humilde e insignificante que pareza a tarefa, contribúe a ordenar cristiamente as realidades temporais —a manifestar a súa dimensión divina— e é asumido e integrado na obra prodixiosa da Creación e da Redención do mundo: elévase así o traballo á orde da graza, santifícase, convértese en obra de Deus, operatio Dei, opus Dei».

Léanse estas Homilias á calor da lembranza deses momentos transcorridos xunto a un sacerdote que non sabe falar máis que de Deus. Comprenderanse, entón, outros trazos entrañables do labor pastoral de Mons. Escrivá de Balaguer: a viva conciencia de ser só un instrumento nas mans do Señor; a convicción sobrenatural de que as fraquezas e miserias persoais —que teremos mentres vivamos, lembra el sempre— non poden ser atranco para afastarnos de Cristo, senón un estímulo para estreitarnos máis a El. Nunha das homilías aínda inéditas di: «Eu non lle soporto nada ao Señor; é El quen me aguanta e me axuda e me empuxa e me espera». E, dirixíndose aos que lle escoitaban: «Como non vou comprender as vosas miserias, se eu estou cheo delas!».

E, por todas partes, como en contrapunto, aparece un motivo de fondo: o amor á liberdade persoal. «Son moi amigo da liberdade... O espírito do Opus Dei, que procurei practicar e ensinar desde hai máis de trinta e cinco anos —dicía en 1963—, fíxome comprender e amar a liberdade persoal. Cando Deus Noso Señor lles concede aos homes a súa graza, cando os chama cunha vocación específica, é como se lles tendese unha man, unha man paterna chea de fortaleza, repleta sobre todo de amor, porque nos busca un a un, como a fillas e fillos seus, e porque coñece a nosa debilidade. O Señor espera que collamos a súa man, esa man que El nos achega: Deus pídenos un esforzo, proba da nosa liberdade».

Se Deus respecta a nosa liberdade persoal, como non imos nós respectar a liberdade dos demais? E, de modo especial, en todas aquelas cousas que son o campo —extensísimo— dun pluralismo de opinións e de actuacións. «Non hai dogmas nas cousas temporais. Non vai de acordo coa dignidade dos homes intentar fixar unhas verdades absolutas, en cuestións onde por forza cadaquén ten que contemplar as cousas desde o seu punto de vista, segundo os seus intereses particulares, as súas preferencias culturais e a súa propia experiencia peculiar. Pretender impor dogmas no temporal conduce, inevitablemente, a forzar as conciencias dos demais, a non respectar o próximo».

Espero que se publique pronto un segundo volume das Homilías. Teremos ocasión de considerar de novo a perenne realidade da Redención en palabras de quen está convencido de que «na vida espiritual non hai unha nova época á que chegar. Xa todo está dado en Cristo, que morreu, resucitou, e vive e permanece sempre. Pero hai que se unir a El, pola fe, deixando que a súa vida se manifeste en nós, de xeito que se poida dicir que cada cristián é non xa alter Christus, outro Cristo, senón ipse Christus, o mesmo Cristo!»

Roma, 9 de xaneiro de 1973

* * *

Mons. Josemaría Escrivá de Balaguer, ao que con pleno sentido chamamos no Opus Dei noso Padre, rematou o 26 de xuño de 1975 o seu peregrinar terreo, para atopar definitivamente a Cristo, que o noso Fundador nos ensinou a ver, presente —vivo!— en cada encrucillada humana.

Desde ese 26 de xuño moitos millares de persoas acudiron e acoden a Roma, para rezar diante da tumba de quen quixo ser sempre romano, católico, universal. Ofrecera a Deus, insistentemente, a súa vida pola Igrexa e polo Romano Pontífice —a quen adoitaba chamar, con verbas de santa Catarina de Siena, il dolce Cristo in terra—; e o Noso Señor escoitouno, levándoo ao seu carón. Pasou así da terra —estamos firmemente persuadidos— á Patria, á casa do Pai, en compañía de María e de Xosé, aos que amou sempre tanto.

No limiar da primeira edición de Es Cristo que pasa expresabamos o desexo de que se publicase canto antes o segundo volume destas homilías, que arrastran impetuosamente cara ao Amor de Deus. O Padre deixou un riquísimo e numeroso material inédito, xa preparado para a súa publicación. Teremos por iso ocasión de ler máis escritos dun sacerdote santo que segue cumprindo no Corpo místico de Cristo, a súa grande e infatigable catequese.

Álvaro del Portillo

Roma, 2 de outubro de 1975

Este capítulo noutro idioma