O MATRIMONIO, VOCACIÓN CRISTIÁ

Homilía pronunciada no Nadal de 1970

Estamos no Nadal. Os diversos feitos e circunstancias que arrodearon o nacemento do Fillo de Deus acoden á nosa lembranza, e a mirada detense na cova de Belén, no fogar de Nazaret. María, Xosé, Xesús Neno, ocupan dun xeito moi especial o centro do noso corazón. Que nos di, que nos aprende a vida ao tempo sinxela e admirable desa Sagrada Familia?

Entre as moitas consideracións que poderiamos facer, unha sobre todo quero comentar agora. O nacemento de Xesús significa, como refire a Escritura, a inauguración da plenitude dos tempos1, o momento escollido por Deus para manifestar por enteiro o seu amor aos homes, entregándonos o seu propio Fillo. Esta vontade divina cúmprese no medio das circunstancias máis normais e ordinarias: unha muller que dá á luz, unha familia, unha casa. A Omnipotencia divina, o esplendor de Deus, pasan a través do humano, únense ao humano. Desde entón os cristiáns sabemos que, coa graza do Señor, podemos e debemos santificar todas as realidades limpas da nosa vida. Non hai situación terrea, por pequena e corrente que pareza, que non poida ser ocasión dun encontro con Cristo e etapa do noso camiñar cara ao Reino dos ceos.

Non é por iso estraño que a Igrexa se alede, que se recree, contemplando a morada modesta de Xesús, María e Xosé. É  grato —rézase no Himno de matíns desta festa— lembrar a pequena casa de Nazaret e a existencia sinxela que alí se leva, celebrar con cantos a inxenuidade humilde que arrodea a Xesús, a súa vida agochada. Alí foi onde, sendo neno, aprendeu o oficio de Xosé; alí onde medrou en idade e onde compartiu o traballo de artesán. Xunta El sentábase a súa doce Nai, xunta Xosé vivía a súa esposa amadísima, feliz de poder axudarlle e de ofrecerlle os seus coidados.

Ao pensar nos fogares cristiáns, gústame imaxinalos luminosos e alegres, como foi o da Sagrada Familia. A mensaxe do Nadal resoa con toda a forza: Gloria a Deus no máis alto dos ceos, e paz na terra aos homes de boa vontade2. Que a paz de Cristo trunfe nos vosos corazóns, escribe o apóstolo3. A paz de sabérmonos amados polo noso Pai Deus, incorporados a Cristo, protexidos pola Virxe Santa María, amparados por san Xosé. Esa é a gran luz que alumea as nosas vidas e que, entre as dificultades e miserias persoais, dános pulo para proseguir animosos cara a adiante. Cada fogar cristián debería ser un remanso de serenidade, no que, por riba das pequenas contradicións de acotío, se percibise un agarimo fondo e sincero, unha tranquilidade profunda, froito dunha fe real e vivida.

O matrimonio non é, para un cristián, unha simple institución social, nin moito menos un remedio para as debilidades humanas: é unha auténtica vocación sobrenatural. Sacramento grande en Cristo e na Igrexa, di san Paulo4, e, á vez e insepa-rablemente, contrato que un home e unha muller fan para sempre, porque —queiramos ou non— o matrimonio insti-tuído por Xesucristo é indisoluble: signo sagrado que santifica, acción de Xesús, que invade a alma dos que casan e invítaos a seguilo, transformando toda a vida matrimonial nun andar di vino na terra.

Os casados están chamados a santificar o seu matrimonio e a santificarse nesa unión; cometerían por iso un grave erro, se edificasen a súa conduta espiritual ás costas e á marxe do seu fogar. A vida familiar, as relacións conxugais, o coidado e a educación dos fillos, o esforzo por sacar economicamente adiante á familia e por asegurala e mellorala, o trato coas outras persoas que constitúen a comunidade social, todo iso son situacións humanas e correntes que os esposos cristiáns deben sobrenaturalizar.

A fe e a esperanza hanse manifestar no sosego co que se enfocan os problemas, pequenos e grandes, que en todos os fogares ocorren, na ilusión con que se persevera no cumprimento do propio deber. Así a caridade o encherá todo, e levará a compartir as alegrías e os posibles desabores; a saber sorrir, esquecendo as propias preocupacións para atender os demais; a escoitar o outro cónxuxe ou os fillos, mostrándolles que de verdade se lles quere e comprende; a pasar por alto miúdos roces sen importancia que o egoísmo podería converter en montañas; a poñer un grande amor nos pequenos servizos de que está composta a convivencia diaria.

Santificar o fogar día a día, crear, con agarimo, un auténtico ambiente de familia: diso se trata. Para santificar cada xornada, hanse exercitar moitas virtudes cristiás; as teologais en primeiro lugar e, logo, as outras: a prudencia, a lealdade, a sinceridade, a humildade, o traballo, a alegría... Falando do matrimonio, da vida matrimonial, é necesario comezar cunha referencia clara ao amor dos cónxuxes.

A santidade do amor humano

O amor puro e limpo dos esposos é unha realidade santa que eu, como sacerdote, bendigo coas dúas mans. A tradición cristiá viu frecuentemente, na presenza de Xesucristo nas vodas de Caná, unha confirmación do valor divino do matrimonio: foi o noso Salvador ás vodas —escribe san Cirilo de Alexandría— para santificar o principio da xeración humana5.

O matrimonio é un sacramento que fai de dous corpos unha soa carne; como con expresión forte di a teoloxía, son os corpos mesmos dos contraentes a súa materia. O Señor santifica e bendice o amor do marido á súa muller e o da muller ao seu marido: dispuxo non só a fusión das almas, senón a dos seus corpos. Ningún cristián, estea ou non chamado á vida matrimonial, pode desestimala.

Deunos o Creador a intelixencia, que é coma un chispazo do entendemento divino, que nos permite —coa libre vontade, outro don de Deus— coñecer e amar; e puxo no noso corpo a posibilidade de xerar, que é como unha participación do poder creador. Deus quíxose servir do amor conxugal, para traer novas criaturas ao mundo e aumentar o corpo da súa Igrexa. O sexo non é unha realidade vergoñenta, senón unha dádiva divina que se ordena limpamente á vida, ao amor, á fecundidade.

Ese é o contexto, o transfondo, no que se sitúa a doutrina cristiá da sexualidade. A nosa fe non descoñece nada do belo, do xeneroso, do xenuinamente humano, que hai aquí abaixo. Apréndenos que a regra do noso vivir non debe ser a procura egoísta do pracer, porque só a renuncia e o sacrificio levan ao verdadeiro amor: Deus amounos e invítanos a amalo e a amar os demais coa verdade e coa autenticidade con que El nos ama. Quen conserva a súa vida perderaa; quen perdese a súa vida polo meu amor,volverá atopala, escribiu san Mateu no seu Evanxeo, con frase que parece un paradoxo6.

As persoas que están pendentes de si mesmas, que actúan buscando ante todo a súa satisfacción, poñen en xogo a súa salvación eterna, e xa agora son inevitablemente infelices e desgraciadas. Só quen se esquece de si, e se entrega a Deus e aos demais —tamén no matrimonio—, pode ser ditoso na terra, cunha felicidade que é preparación e anticipo do ceo.

Durante o noso camiñar terreo, a dor é a pedra de toque do amor. No estado matrimonial, considerando as cousas du nha maneira descritiva, poderiamos afirmar que hai anverso e reverso. Dunha parte, a ledicia de saberse queridos, a ilusión de edificar e sacar adiante un fogar, o amor conxugal, o conso-lo de ver medrar aos fillos. Doutra, dores e contrariedades, o transcurso do tempo que consome os corpos e ameaza con agrear os caracteres, a aparente monotonía dos días aparentemente sempre iguais.

Tería un pobre concepto do matrimonio e do cariño huma-no quen pensase que, ao tropezar con dificultades, o amor e o contento rematan. Precisamente entón, cando os sentimentos que animaban a aquelas criaturas revelan a súa verdadeira natureza, a doazón e a tenrura arráiganse e maniféstanse como un afecto auténtico e fondo, máis poderoso ca morte7.

Esa autenticidade do amor require fidelidade e rectitude en todas as relacións matrimoniais. Deus, comenta san Tomé de Aquino8, uniu ás diversas funcións da vida humana un pracer, unha satisfacción; ese pracer e esa satisfacción son polo tanto bos. Mais se o home, invertendo a orde das cousas, busca esa emoción como valor último, desprezando o ben e o fin á que debe estar ligada e ordenada, pervértea e desnaturalízaa, converténdoa en pecado, ou en ocasión de pecado.

A castidade —non a simple continencia, senón afirmación decidida dunha vontade namorada— é unha virtude que mantén a mocidade do amor en calquera estado de vida. Existe unha castidade dos que senten que se esperta neles un desenvolvemento da puberdade, unha castidade dos que se preparan para casar, unha castidade dos que Deus chama ao celibato, unha castidade dos que foron escollidos por Deus para vivir no matrimonio.

Como non lembrar aquí as palabras fortes e claras que nos conserva a Vulgata, coa recomendación que o Arcanxo Rafael fixo a Tobías antes de que se desposase con Sara? O anxo amo estouno así: Escóitame e mostrareiche quen son aqueles contra os que pode prevalecer o demo. Son os que abrazan o matrimonio de tal xeito que exclúen a Deus de si e da súa mente, que se deixan arrastrar pola paixón como o cabalo ou o mulo, que ca-recen de entendemento. Sobre estes ten potestade o diabo9.

Non hai amor humano neto, franco e alegre no matrimonio se non se vive esa virtude da castidade, que respecta o misterio da sexualidade e ordénao á fecundidade e á entrega. Nunca falei de impureza, e evitei sempre descender á casuística morbosa e sen sentido; pero de castidade e de pureza, da afirmación gozosa do amor, si que falei moitas veces e debo falar.

Con respecto á castidade conxugal, asegúrolles aos esposos que non deben ter medo a expresar o cariño: ao contrario, porque esa inclinación é a base da súa vida familiar. O que lles pide o Señor é que se respecten mutuamente e que sexan mutuamente leais, que obren con delicadeza, con naturalidade, con modestia. Direilles tamén que as relacións conxugais son dignas cando son proba de verdadeiro amor e, polo tanto, están abertas á fecundidade, aos fillos.

Cegar as fontes da vida é un crime contra os dons que Deus lle concedeu á humanidade, e unha manifestación de que é o egoísmo e non o amor o que inspira a conduta. Entón todo se enturba, porque os cónxuxes chegan a contemplarse como cómplices: e prodúcense disensións que, se continúan nesa liña, son case sempre incurables.

Cando a castidade conxugal está presente no amor, a vida matrimonial é expresión dunha conduta auténtica, marido e muller compréndense e séntense unidos; cando o ben divino da sexualidade se perverte, a intimidade destrúese, e o marido e a muller xa non se poden mirar á cara nobremente.

Os esposos deben edificar a súa convivencia sobre un cariño sincero e limpo, sobre a alegría de ter traído ao mundo os fillos que Deus lles dera a posibilidade de ter, sabendo, se fai falta, renunciar a comodidades persoais e poñendo fe na providencia divina: formar unha familia numerosa, se tal fose a vontade de Deus, é unha garantía de felicidade e de eficacia, aínda que afirmen outra cousa os fautores equivocados dun triste hedonismo.

Non esquezades que entre os esposos, en ocasións, non é posible evitar as pelexas. Non rifedes xamais diante dos fillos: farédelos sufrir e poranse dunha parte, contribuíndo quizais a aumentar inconscientemente a vosa desunión. Pero rifar, sem-pre que non sexa moi frecuentemente, é tamén unha manifestación de amor, case unha necesidade. A ocasión, non o motivo, adoita ser o cansazo do home, esgotado polo traballo da súa profesión; a fatiga —oxalá non sexa o aburrimento— da esposa, que debido á loita cos nenos, co servizo ou co seu mesmo carácter, ás veces pouco rexo; aínda que sodes as mulleres máis rexas cós homes, se volo propoñedes.

Evitade a soberbia, que é o maior inimigo do voso trato conxugal: nas vosas pequenas liortas, ninguén dos dous ten razón. O que está máis sereno debe dicir unha palabra, que conteña o mal humor ata máis tarde. E máis tarde —a soas— rifa-de, que xa faredes de seguido as paces.

Pensade vosoutras que quizais vos estades abandonando un pouco no coidado persoal, lembrade co proverbio que a muller composta saca o home doutra porta: é sempre actual o deber de aparecer amables como cando erades noivas, deber de xustiza, porque pertencedes ao voso home: e el non ha esquecer o mesmo, que é voso e conserva a obriga de ser durante toda a súa vida afectuoso coma un noivo. Mal signo, se sorrides con ironía, ao ler este parágrafo: sería mostra evidente de que o afecto familiar se converteu en xélida indiferenza.

Fogares luminosos e alegres

Non se pode falar do matrimonio sen pensar á vez na familia, que é o froito e a continuación do que se inicia co matrimonio. Unha familia componse non só do marido e da muller, senón tamén dos fillos e, nun ou noutro grao, dos avós, doutros parentes e das empregadas do fogar. A todos eles tenlles que chegar a calor entrañable, da que depende o ambiente familiar.

Certamente hai matrimonios aos que o Señor non lles concede fillos: é sinal entón de que lles pide que se sigan querendo con igual agarimo, e que dediquen as súas enerxías —se poden— a servizos e tarefas en beneficio doutras almas. Mais o normal é que un matrimonio teña descendencia. Para estes esposos, a primeira preocupación han ser os seus propios fillos. A paternidade e a maternidade non rematan co nacemento: esa participación no poder de Deus, que é a facultade de procrear, ha de prolongarse na cooperación co Espírito Santo para que culmine formando auténticos homes cristiáns e auténticas mulleres cristiás.

Os pais son os principais educadores dos seus fillos, tanto no humano coma no sobrenatural, e han sentir a responsabilidade desa misión, que esixe deles comprensión, prudencia, saber ensinar e, sobre todo, saber querer; e poñer empeño en dar bo exemplo. Non é camiño axeitado para a educación, a impo-sición autoritaria e violenta. O ideal dos pais concrétase máis ben en chegar a ser amigos dos fillos; amigos aos que se lles confían as inquedanzas, con quen se consultan os problemas, dos que se agarda unha axuda eficaz e amable.

É necesario que os pais atopen tempo para estar cos fillos e falar con eles. Os fillos son o máis importante: máis importante cós negocios, có traballo, có descanso. Nesas conversacións cómpre escoitalos con atención, esforzándose por com prendelos, saber recoñecer a parte de verdade —ou a ver dade enteira— que pode haber nalgunha das súas rebeldías. E, ao tempo, axudarlles a encarreirar rectamente os seus afáns e ilusións, aprenderlles a considerar as cousas e a razoar; non lles impor unha conduta, senón mostrarlles os motivos, sobrenaturais e humanos, que a aconsellan. Nunha palabra, respectar a súa liberdade, xa que non hai verdadeira educa-ción sen responsabilidade persoal, nin responsabilidade sen liberdade.

Os pais educan fundamentalmente coa súa conduta. O que os fillos e fillas buscan no seu pai e na súa nai non son só coñecementos máis amplos cós seus ou consellos máis ou menos atinados, senón algo de maior categoría: un testemuño do valor e do sentido da vida encarnado nunha existencia concreta, confirmado en diversas circunstancias e situacións que se suceden ao longo dos anos.

Se tivese que dar un consello aos pais, daríalles sobre todo este: que os vosos fillos vexan —o ven todo desde nenos, e xulgan: non vos fagades ilusións— que procurades vivir de acordo coa vosa fe, que Deus non está só nos vosos beizos, que está nas vosas obras; que vos esforzades por ser sinceros e leais, que vos queredes e que os queredes de veras.

É dese xeito como mellor contribuiredes a facer deles cristiáns verdadeiros, homes e mulleres íntegros capaces de afrontar con espírito aberto as situacións que a vida lles depare, de servir aos seus concidadáns e contribuír á solución dos grandes problemas da humanidade, de levar o testemuño de Cristo onde se atopen máis tarde, na sociedade.

Escoitade os vosos fillos, dedicádelles tamén o tempo voso, mostrádelles confianza: créde canto vos digan, aínda que al-gunha vez vos enganen; non vos asustedes das súas rebeldías, posto que tamén vós á súa idade fostes máis ou menos rebeldes; saíde ao seu encontro, á metade do camiño, e rezade por eles, que acudirán aos seus pais con sinxeleza —abofé que se obrades cristiamente así—, en lugar de acudir coas súas lexítimas curiosidades a un amigolo desvergoñado e brutal. A vosa confianza, a vosa relación amigable cos fillos, recibirá como resposta a sinceridade deles para convosco: e isto, aínda que non falten contendas e incomprensións de pouca monta, é a paz familiar, a vida cristiá.

Como describirei —pregúntase un escritor dos primeiros sé culos— a felicidade dese matrimonio que a Igrexa une, que a entrega confirma, que a bendición sela, que os anxos proclaman, e ao que Deus Pai ten por celebrado?... Ámbolos dous esposos son como irmáns, servos o un do outro, sen que se dea entre eles separación ningunha, nin na carne nin no espírito. Porque verdadeiramente son dous nunha soa carne, e onde hai unha soa carne debe haber un só espírito... Ao contemplar eses fogares, Cristo alédase, e envíalles a súa paz; onde están dous, alí está tamén El, e onde El está non pode haber nada malo10.

Procuramos resumir e comentar algúns dos trazos deses fogares, nos que se reflicte a luz de Cristo, e que son, por iso, luminosos e alegres —repito— nos que a harmonía que reina entre os pais se transmite aos fillos, á familia enteira e aos ambientes todos que a acompañan. Así, en cada familia autenticamente cristiá reprodúcese dalgún xeito o misterio da Igrexa, escollida por Deus e enviada como guía do mundo.

A todo cristián, calquera que sexa a súa condición —sacerdote, segrar, casado ou célibe—, aplícanselle plenamente as palabras do apóstolo que se len precisamente na epístola da festividade da Sagrada Familia: Escollidosde Deus, santos e amados11. Iso somos todos, cadaquén no seu sitio e no seu lugar no mundo: homes e mulleres elixidos por Deus para dar testemuño de Cristo e levar aos que nos arrodean a ledicia de saberse fillos de Deus, a pesar dos nosos erros e procurando loitar contra eles.

É moi importante que o sentido vocacional do matrimonio non falte nunca tanto na catequese e na predicación, coma na conciencia daqueles aos que Deus queira nese camiño, xa que están real e verdadeiramente chamados a incorporarse nos designios divinos para a salvación de todos os homes.

Por iso, quizais non se pode propor aos esposos cristiáns mellor modelo que o das familias dos tempos apostólicos: o centurión Cornelio, que foi dócil á vontade de Deus e en cuxa casa se consumou a apertura da Igrexa aos xentís12; Aquila e Priscila, que difundiron o cristianismo en Corinto e en Éfeso e que colaboraron no apostolado de san Paulo13; Tabita, que coa súa caridade asistiu aos necesitados de Ioppe14. E tantos outros fogares de xudeus e xentís, de gregos e de romanos, nos que prendeu a predicación dos primeiros discípulos do Señor.

Familias que viviron de Cristo e que deron a coñecer a Cristo. Pequenas comunidades cristiás, que foron como centros de irradiación da mensaxe evanxélica. Fogares iguais a outros fogares daqueles tempos, pero animados dun espírito novo, que contaxiaba aos que os coñecían e os trataban. Iso foron os primeiros cristiáns, e iso temos que ser os cristiáns de hoxe: sementadores de paz e de ledicia, da paz e da ledicia que Xesús nos trouxo.

Notas
1

Gal IV, 4.

2

Lc II, 14.

3

Col III, 15.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
4

Cfr. Eph V, 32.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
5

San Cirilo de Alexandría, In Ioannem commentarius, 2, 1 (PG 73, 223).

6

Mt X, 39.

7

Cant VIII, 6.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
8

San Tomé de Aquino, S. Th. I-II, q. 31 et II-II, q. 141.

9

Tob VI, 16-17.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
10

Tertuliano, Ad uxorem 1, 2, 9 (PL 1, 1302).

Notas
11

Col III, 12.

12

Act X, 24-48.

13

Act XVIII, 1-26.

14

Act IX, 36.

Referencias á Sagrada Escritura
Este capítulo noutro idioma