O TRIUNFO DE CRISTO NA HUMILDADE
Lux fulgebit hodie super nos, quia natus est nobis Dominus1, hoxe brillará sobre nós a luz porque nos naceu o Señor. Este é o grande anuncio que lles conmove neste día aos cristiáns e que, a través deles, se dirixe á humanidade enteira. Deus está aquí. Esa verdade debe encher as nosas vidas: cada Nadal ten que ser para nós un novo especial encontro con Deus, deixando que a súa luz e a súa graza entren ata o fondo da nosa alma.
Detémonos diante do Neno, de María e de Xosé: estamos contemplando o Fillo de Deus revestido da nosa carne. Vén á miña lembranza a viaxe que fixen a Loreto, o 15 de agosto de 1951, para visitar a Santa Casa, por un motivo entrañable. Ce lebrei alí a Misa. Quería dicila con recollemento, pero non contaba co fervor da multitude. Non calculara que, nese gran día de festa, moitas persoas das contornas acudirían a Loreto, coa fe bendita desta terra e co amor que lle teñen á Madonna. A súa piedade lévaos a manifestacións non de todo apropiadas, cando se consideran as cousas —como o explicarei?— só desde o punto de vista das leis rituais da Igrexa.
Así, mentres bicaba eu o altar cando o prescriben as rúbricas da Misa, tres ou catro campesiñas bicábano á vez. Estiven distraído, mais emocionábame. Atraía tamén a miña atención o pensamento de que naquela Santa Casa —que a tradición asegura que é o lugar onde viviron Xesús, María e Xosé—; enriba da mesa do altar, puxeron estas verbas: Hic Verbum caro factum est. Aquí, nunha casa construída pola man dos homes, nun anaco da terra na que vivimos, habitou Deus.
Xesucristo, perfecto Deus e perfecto home
O Fillo de Deus fíxose carne e é perfectus Deus, perfectus homo2, perfecto Deus e perfecto home. Neste misterio hai algo que debería remover os cristiáns. Estaba e estou conmovido: gustaríame volver a Loreto. Voume alí co desexo, para revivir os anos da infancia de Xesús, ao repetir e considerar ese Hic Verbum caro factum est.
Iesus Christus, Deus Homo, Xesucristo Deus-Home. Unha das magnaliaDei3, das marabillas de Deus, que debemos meditar e que debemos agradecer a este Señor que veu a traer a paz na Terra aos homes de boavontade4. A todos os homes que queren unir a súa vontade á Vontade boa de Deus: non só aos ricos, nin só aos pobres!, a todos os homes, a todos os irmáns! Que irmáns somos todos en Xesús, fillos de Deus, irmáns de Cristo: a súa Nai é a nosa Nai.
Non hai máis ca unha raza na terra: a raza dos fillos de Deus. Todos temos que falar a mesma lingua, a que nos aprende o noso Pai que está nos ceos: a lingua do diálogo de Xesús co seu Pai, a lingua que se fala co corazón e coa cabeza, a que empregades agora vós na vosa oración. A lingua das almas contemplativas, a dos homes que son espirituais, porque se decataron da súa filiación divina. Unha lingua que se manifesta en mil mocións da vontade, en luces claras do entendemento, en afectos do corazón, en decisións de vida recta, de ben, de contento, de paz.
É preciso mirar o Neno, o noso Amor, no berce. Témolo que mirar sabendo que nos atopamos diante dun misterio. Ne cesitamos aceptar o misterio pola fe e, tamén pola fe, profundar no seu contido. Para isto, fannos falta as disposicións humildes da alma cristiá: non querer reducir a grandeza de Deus aos nosos pobres conceptos, ás nosas explicacións humanas, senón comprender que ese misterio, na súa escuridade, é unha luz que guía a vida dos homes.
Vemos —di san Xoán Crisóstomo— que Xesús saíu de nós e da nosa substancia humana, e que naceu de Nai virxe: pero non entendemos de que xeito se puido realizar ese prodixio. Non nos cansemos intentando descubrilo: aceptemos máis ben con humildade o que Deus nos revelou, sen esculcar con curiosidade o que Deus nos ten agochado5. Así, con este acatamento, saberemos comprender e amar; e o misterio será para nós unha ensi-nanza espléndida, máis convincente que calquera razoamento humano.
Sentido divino do andar terreo de Xesús
Procurei sempre, ao falar diante do Belén, mirar a Cristo Señor noso desta maneira, envolto en cueiros, sobre a palla dunha manxadoira. E cando aínda é Neno e non di nada, velo como Doutor, como Mestre. Necesito consideralo deste xeito: porque debo aprender del. E para aprender del, hai que tratar de coñecer a súa vida: ler o Santo Evanxeo, meditar aquelas escenas que o Novo Testamento nos relata, co fin de penetrar no sentido divino do andar terreo de Xesús.
Porque temos que reproducir, na nosa, a vida de Cristo, coñecendo a Cristo: a poder de ler a Sagrada Escritura e de meditala, a forza de facer oración, como agora, diante do presebe. Hai que entender as leccións que nos dá Xesús xa desde Neno, desde que acaba de nacer, desde que os seus ollos se abriron a esta bendita terra dos homes.
Xesús, crecendo e vivindo como un de nós, revélanos que a existencia humana, o quefacer corrente e ordinario, ten un sentido divino. Por moito que teñamos considerado estas verdades, debemos enchernos sempre de admiración ao pensar nos trinta anos de escuridade, que constitúen a maior parte do paso de Xesús entre os seus irmáns os homes. Anos de sombra, mais para nós claros como a luz do sol. Mellor, resplandor que alumea os nosos días e lles dá unha auténtica proxección, porque somos cristiáns correntes, que levamos unha vida ordinaria, igual á de tantos millóns de persoas nos máis diversos lugares do mundo.
Así viviu Xesús durante seis lustros: era fabri filius6, o fillo do carpinteiro. Despois virán os tres anos de vida pública, co clamor das multitudes. A xente sorpréndese: quen é este?, onde aprendeu tantas cousas? Porque fora a súa, a vida común do pobo da súa terra. Era o faber, filius Mariae7, o carpinteiro, fillo de María. E era Deus, e estaba realizando a redención do xénero humano, e estaba atraendo cara a si todas as cousas8.
Como calquera outro suceso da súa vida, non deberiamos xamais contemplar eses anos ocultos de Xesús sen sentírmonos afectados, sen recoñecelos como o que son: chamadas que nos dirixe o Señor, para que saiamos do noso egoísmo, da nosa comodidade. O Señor coñece as nosas limitacións, o noso personalismo e a nosa ambición: a nosa dificultade para esquecernos de nós mesmos e entregarnos aos demais. Sabe o que é non atopar amor, experimentar que aqueles mesmos que din que o seguen, fano só a medias. Lembrade as escenas tremendas, que nos describen os Evanxelistas, nas que vemos os Apóstolos cheos aínda de aspiracións temporais e proxectos só humanos. Pero Xesús elixiunos, mantennos onda El, e encoméndalles a misión que recibira do Pai.
Tamén nos chama a nós, e pregúntanos, como a Santiago e a Xoán: Potestis bibere calicem, quem ego bibiturus sum?9: Esta-des dispostos a beber o cáliz —este cáliz da entrega completa ao cumprimento da vontade do Pai— que eu vou beber?, Pos sumus! 10; si, estamos dispostos!, é a resposta de Xoán e de Santiago. Vós e mais eu, estamos seriamente dispostos a cumprir, en todo, a vontade do noso Pai Deus? Démoslle xa ao Señor o noso corazón enteiro, ou seguimos apegados a nós mesmos, aos nosos intereses, a nosa comodidade, ao noso amor propio? Hai algo que non responde á nosa condición de cristiáns, e que fai que non nos queiramos purificar? Hoxe preséntasenos a ocasión de rectificar.
É necesario convencerse de que Xesús nos dirixe persoalmente estas preguntas. É El quen as fai, non eu. Eu non me atrevería nin a suxerirmas a min mesmo. Estou seguindo a miña oración en voz alta, e vós, cada un de nós, por dentro, está confesando ao Señor: Señor, que pouco vallo, que covarde fun tantas veces! Cantos erros!: nesta ocasión e naquela, e aquí e acolá. E podemos exclamar aínda: menos mal, Señor, que me sostiveches coa túa man, porque me vexo capaz de todas as infamias. Non me soltes, non me deixes, trátame sempre como a un neno. Que eu sexa forte, valente, enteiro. Pero axúdame como a unha criatura inexperta; lévame da túa man, Señor, e fai que a túa Nai estea sempre ao meu carón e me protexa. E dese xeito, possumus!, poderemos, seremos capaces de terte a Ti por modelo.
Non é presunción afirmar possumus! Xesucristo ensínanos este camiño divino, pídenos que o emprendamos, porque El o fixo humano e axeitado á nosa fraqueza. Por iso abaixouse tanto. Este foi o motivo polo que se abateu, tomando forma de servo aquel Señor que como Deus era igual ao Pai; mais abateuse na maxestade e potencia, non na bondade nin na misericordia11.
A bondade de Deus quérenos facer fácil o camiño. Non re-xeitemos a invitación de Xesús, non lle digamos que non, non nos fagamos xordos á súa chamada: porque non existen escusas, non temos motivos para continuar pensando que non podemos. El aprendeunos co seu exemplo. Polo tanto, pídovos teimosamente, meus irmáns, que non permitades que se vos mostrase en balde un modelo tan precioso, senón que vosconformedesa El e vos renovedes no espírito da vosa alma12.
Pasou pola terra facendo o ben
Vedes que necesario é coñecer a Xesús, observar amorosamente a súa vida? Moitas veces fun buscar a definición, a biografía de Xesús na Escritura. Atopeina lendo que, con dúas palabras, faina o Espírito Santo: pertransiit benefaciendo13.. Todos os días de Xesucristo na terra, desde o seu nacemento ata a súa morte, foron así: pertransiit benefaciendo, encheunos facendo o ben. E noutro lugar recolle a Escritura: bene omnia fecit14: todo o acabou ben, rematou ben todas as cousas, non fixo máis que o ben.
Ti e mais eu entón, que? Unha ollada para ver se temos algo que emendar. Eu si que atopo moito que refacer. Como me vexo incapaz por min só de facer o ben, e como nos dixo o mesmo Xesús que sen El non podemos nada15, imos ti mais eu ao Señor, a implorarlle a súa asistencia, por medio da súa Nai, con estes coloquios íntimos, propios das almas que aman a Deus. Non engado máis porque é cada un de vós o que ten que falar, segundo a súa propia necesidade. Por dentro e sen ruído de palabras, neste mesmo momento, mentres vos dou estes consellos, aplico persoalmente a doutrina á miña propia miseria.
Pertransiit benefaciendo. Que fixo Xesucristo para espallar tanto ben, e só ben, por onde queira que pasou? Os Santos Evanxeos transmitíronnos outra biografía de Xesús, resumida en tres palabras latinas, que nos dan a resposta: erat subditus illis16, obedecía. Hoxe que o ambiente está repleto de desobediencia, de murmuracións, de desunión, temos que estimar especialmente a obediencia.
Son moi amigo da liberdade, e precisamente por iso quero tanto esa virtude cristiá. Debémonos sentir fillos de Deus, e vivir coa ilusión de cumprir a vontade do noso Pai. Realizar as cousas segundo o querer de Deus, porque nos peta, que é a razón máis sobrenatural.
O espírito do Opus Dei, que procurei practicar e ensinar desde hai máis de trinta e cinco anos, fíxome comprender e amar a liberdade persoal. Cando Deus Noso Señor lles concede aos homes a súa graza, cando os chama cunha vocación específica, é coma se lles tendese unha man, unha man paterna chea de fortaleza, repleta sobre todo de amor, porque nos busca un a un, como fillas e fillos seus, e porque coñece a nosa debilidade. Espera o Señor que fagamos o esforzo de coller a súa man, esa man que El nos achega: Deus pídenos un esforzo, proba da nosa liberdade. Para saber levalo a cabo, temos que ser humildes, temos que nos sentir fillos pequenos e amar a obediencia bendita coa que respondemos á bendita paternidade de Deus.
Convén que deixemos que o Señor se meta nas nosas vidas, e que entre confiadamente, sen atopar atrancos nin recunchos. Os homes tendemos adefendernos, a apegarnos ao noso egoís-mo. Sempre intentamos ser reis, aínda que sexa do reino da nosa miseria. Entendede, con esta consideración, porque temos necesidade de acudir a Xesús: para que El nos faga verdadeiramente libres e dese xeito poidamos servir a Deus e a todos os homes. Só así percibiremos a verdade daquelas palabras de san Paulo: Agora, quedando libres do pecado e feitos servos de Deus, colledes por froito a vosa santificación e por fin a vida eterna, xa que o estipendio do pecado é a morte. Pero a vida eterna é unha graza de Deus, por Xesucristo Noso Señor17.
Esteamos precavidos, entón, porque a nosa tendencia ao egoísmo non morre, e a tentación pódese insinuar de moitas maneiras. Deus esixe que, ao obedecer, poñamos en exercicio a fe, pois a súa vontade non se manifesta a todo bombo. Ás ve-ces o Señor suxire o seu querer como en voz baixa, alá no fondo da conciencia: e cómpre escoitar atentos, para distinguir esa voz e serlle fieis.
En moitas ocasións fálanos a través doutros homes, e pode ocorrer que á vista dos defectos desas persoas, o pensamento de se están ben informados, de se entenderon todos os datos do problema, preséntesenos como unha invitación a non obedecer.
Todo isto pode ter unha significación divina, porque Deus non nos impón unha obediencia cega, senón unha obediencia intelixente, e temos que sentir a responsabilidade de axudar os demais coas luces do noso entendemento. Mais sexamos sinceros con nós mesmos: examinemos, en cada caso, se é o amor á verdade o que nos move, ou o egoísmo e o apego ao propio xuízo. Cando as nosas ideas nos separan dos demais, cando nos levan a romper a comuñón, a unidade cos nosos irmáns, e sinal claro de que non estamos obrando segundo o espírito de Deus.
Non o esquezamos: para obedecer, repito, fai falta humildade. Miremos de novo o exemplo de Cristo. Xesús obedece, e obedece a Xosé e a María. Deus veu á terra para obedecer, e para obedecer ás criaturas. Son dúas criaturas perfectísimas: Santa María, a nosa Nai, máis ca Ela só Deus; e aquel varón castísimo, Xosé. Pero criaturas. E Xesús, que é Deus, obedecíalles. Debemos amar a Deus, para dese xeito amar a súa vontade e ter desexos de responder ás chamadas que nos dirixe a través das obrigas da nosa vida corrente: nos deberes de estado, na profesión, no traballo, na familia, no trato social, no propio sufrimento e no dos demais homes, na amizade, no afán de realizar o que é bo e xusto.
Cando chega o Nadal, gústame contemplar as imaxes do Neno Xesús. Esas figuras que nos mostran o Señor que se anonada, lémbranme que Deus nos chama, que o Omnipotente se quixo presentar desvalido, que quixo necesitar dos homes. Desde o berce en Belén, Cristo dime a min e diche a ti que nos necesita, úrxenos a unha vida cristiá sen componendas, unha vida de entrega, de traballo, de alegría.
Non acadaremos xamais o verdadeiro bo humor, se non imitamos de verdade a Xesús; se non somos, coma El, humildes. Insistirei de novo: vistes onde se agocha a grandeza de Deus? Nunha manxadoira, nuns cueiros, nunha cova. A eficacia redentora das nosas vidas nada máis pode actuar con humildade, deixando de pensar en nós mesmos e sentindo a responsabilidade de axudar os demais.
Ás veces é corrente, incluso entre almas boas, provocarse conflitos persoais, que chegan a producir serias preocupacións, malia que carecen de base obxectiva ningunha. A súa orixe radica na falta de propio coñecemento, que conduce á soberbia: o desexar de converterse no centro da atención e da estimanza de todos, a inclinación a non quedar mal, o non se resignar a facer o ben e desaparecer, o afán de seguridade persoal. E así moitas almas que poderían gozar dunha paz marabillosa, que poderían gustar dun xúbilo inmenso, por orgullo e presunción transfórmanse en desgraciadas e infecundas.
Cristo foi humilde de corazón18. Ao longo da súa vida non quixo para El ningunha cousa especial, ningún privilexio. Co meza estando no seo da súa Nai nove meses como todo home, cunha naturalidade extrema. Dabondo sabía o Señor que a humanidade padecía unha apremada necesidade del. Tiña, por iso, fame de vir á terra para salvar a todas as almas, e non precipita o tempo. Veu á súa hora, como chegan ao mundo os demais homes. Desde a concepción ata o nacemento, ninguén —salvo san Xosé e santa Sabela— advirten esa marabilla: Deus que vén habitar entre os homes.
O Nadal está arrodeado tamén de sinxeleza admirable: o Señor vén sen fachenda, descoñecido de todos. Na terra só María e Xosé participan na aventura divina. E logo aqueles pastores, aos que avisan os anxos. E máis tarde aqueles sabios de Oriente. Así se verifica o feito transcendental, co que se unen o ceo e a terra, Deus e o home.
Como é posible tanta dureza de corazón, que fai que nos afagamos a estas escenas? Deus humíllase para que nos poidamos achegar a El, para que poidamos corresponder ao seu amor co noso amor, para que a nosa liberdade se renda non só perante o espectáculo do seu poder, senón ante a marabilla da súa humildade.
Grandeza dun Neno que é Deus: o seu Pai é o Deus que fixo os ceos e a terra, e El está aí, nunha manxadoira, quia non erat eis locus in diversorio19, porque non había outro sitio na terra para o amo de todo o creado.
Cumpriu a vontade do seu Pai Deus
Non me arredo da verdade máis rigorosa, se vos digo que Xesús segue buscando agora pousada no noso corazón. Temos que lle pedir perdón pola nosa cegueira persoal, pola nosa ingratitude. Temos que lle pedir a graza de non lle pechar nunca máis a porta das nosas almas.
Non nos oculta o Señor que esa obediencia rendida á vontade de Deus esixe renuncia e entrega, porque o Amor non pide dereitos: quere servir. El percorreu primeiro o camiño. Xesús, como obedeciches ti? Usque admortem, mortem autem crucis20, ata a morte e morte de cruz. Hai que saír dun mesmo, complicarse a vida, perdela por amor de Deus e das almas. Velaí que ti querías vivir, e non querías que nada che sucedese; pero Deus quixo outra cousa. Existen dúas vontades: a túa vontade debe ser corrixida, para identificarse coa vontade de Deus; e non a de Deus torcida, para acomodarse á túa21.
Eu vin con gozo a moitas almas que xogaron a vida —coma ti, Señor, usque ad mortem—, ao cumprir o que a vontade de Deus lles pedía: dedicaron os seus afáns e o seu traballo profesional ao servizo da Igrexa, para o ben de todos os homes.
Aprendamos a obedecer, aprendamos a servir: non hai ma ior señorío que se querer entregar voluntariamente para ser útil aos demais. Cando sentimos o orgullo que borboriña dentro de nós, a soberbia que nos fai pensar que somos superhomes, ese e o momento de dicir que non, que o noso único triunfo ha ser o da humildade. Dese xeito identificarémonos con Cristo na Cruz, non molestos ou inquedos ou con mala graza, senón ledos: porque esa ledicia, no esquecemento de si mesmo, é a mellor proba de amor.
Permitídeme que volva de novo á inxenuidade, á sinxeleza da vida de Xesús, que xa vos fixen considerar tantas veces. Eses anos ocultos do Señor non son algo sen significado, nin tampouco unha simple preparación dos anos que virán despois: os da súa vida pública. Desde 1928 comprendín con claridade que Deus desexa que os cristiáns tomen exemplo de toda a vida do Señor. Entendín especialmente a súa vida agochada, a súa vida de traballo corrente no medio dos homes: o Señor quere que moitas almas atopen o seu camiño nos anos de vida calada e sen brillo. Obedecer a vontade de Deus é sempre, polo tanto, saír do noso egoísmo; mais non ten porque se reducir principalmente a afastarse das circunstancias ordinarias da vida dos homes, iguais a nós polo seu estado, pola súa profesión, pola súa situación na sociedade.
Soño —e o soño fíxose realidade— con multitudes de fillos de Deus, santificándose na súa vida de cidadáns correntes, compartindo afáns, ilusións e esforzos coas demais criaturas. Necesito berrarlles esta verdade divina: se permanecedes no medio do mundo, non é porque Deus se esquecese de vós, non é porque o Señor non vos chamase. Invitouvos a que continuedes nas actividades e nas ansiedades da terra, porque vos fixo saber que a vosa vocación humana, a vosa profesión, as vosas calidades, non só non son alleas aos seus designios divinos, senón que El as santificou como ofrenda gratísima ao Pai.
Lembrarlle a un cristián que a súa vida non ten outro sentido que o de obedecer a vontade de Deus, non é separalo dos demais homes. Pola contra, en moitos casos o mandamento recibido do Señor é que nos amemos os uns a os outros coma El nos amou22, vivindo xunto aos demais e igual ca osdemais, entregándonos a servir o Señor no mundo, para dar a coñecer mellor a todas as almas o amor de Deus: para dicirlles que se abriron oscamiños divinos da terra.
Non se limitou o Señor a dicirnos que nos amaba, senón que o demostrou con obras. Non nos esquezamos de que Xesucristo se encarnou para ensinar, para que aprendamos a vivir a vida dos fillos de Deus. Lembrade aquel preámbulo do evanxelista san Lucas nos Feitos dos Apóstolos. Primumquidem sermonem feci de omnibus, o Theophile, quae coepit Iesus facere et docere23, falei de todo o máis notable que fixo e predicou Xesús. Veu ensinar, pero facendo; veu ensinar, pero sendo modelo, sendo o Mestre e o exemplo coa súa conduta.
Agora, diante de Xesús Neno, podemos continuar o noso exame persoal: estamos decididos a procurar que a nosa vida sirva de modelo e de ensinanza aos nosos irmáns, aos nosos iguais, os homes? Estamos decididos a ser outros Cristos? Non basta dicilo coa boca. Ti —pregúntovolo a cada un de vós e pregúntomo a min mesmo—, ti , que por ser cristián estás chamado a ser outro Cristo, mereces que se repita de ti que viñeches, facere et docere, a facer as cousas como un fillo de Deus, atento á vontade do teu Pai, para que deste xeito lles poidas empuxar a todas as almas a participar das cousas boas, nobres, divinas e humanas da redención? Estás vivindo a vida de Cristo, na túa vida ordinaria no medio do mundo?
Facer as obras de Deus non é un fermoso xogo de palabras, senón unha invitación a gastarse por Amor. Hai que morrer a un mesmo, para renacer a unha vida nova. Porque así obedeceu Xesús, ata a morte de cruz, mortem autem crucis. Propter quod et Deus exaltavit illum24. E por isto Deus o exaltou. Se obedecemos á vontade de Deus, a Cruz será tamén Resurrección, exaltación. Cumprirase en nós, paso por paso, a vida de Cristo: poderase asegurar que vivimos procurando ser bos fillos de Deus, que pasamos facendo o ben, a pesar das nosas fraquezas e dos nosos erros persoais, por numerosos que sexan.
E cando veña a morte, que virá inexorable, esperarémola con xúbilo como vin que a souberon esperar tantas persoas santas, no medio da súa existencia ordinaria. Con ledicia: por que se imitamos a Cristo no seu facer o ben —en obede-cer e en levar a cruz, a pesar das nosas miserias—, resucitaremos como Cristo: surrexit Dominus vere! 25, que resucitou de verdade.
Xesús, que se fixo neno, meditádeo, venceu á morte. Con anonadamento, con sinxeleza, con obediencia: coa divinización da vida corrente e vulgar das criaturas, o Fillo de Deus foi vencedor.
Este foi o triunfo de Xesucristo. Dese xeito, elevounos ao seu nivel, ao nivel dos fillos de Deus, baixando ao noso terreo: ao terreo dos fillos dos homes.
Símbolo Quicumque.
Act II, 11.
Lc II, 14.
San Xoán Crisóstomo, In Matthaeum homiliae, 4, 3 ( PG 57, 43).
Mt XX, 22.
Mt XX, 22.
San Bernardo, Sermo in die nativitatis, 1, 1-2 (PL 183, 115).
San Bernardo, ibid.,1, 1.
Phil II, 8-9.
Santo Agostiño, Enarrationes in Psalmos, 31, 2, 26 (PL 36, 274)
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/o-triunfo-de-cristo-na-humildade/ (14-12-2025)