POR MARÍA, CARA A XESÚS

Homilía pronunciada o 4-V-1957

Unha mirada ao mundo, unha mirada ao Pobo de Deus1, neste mes de maio que comeza, fainos contemplar o espectácu-lo desta devoción mariana que se manifesta en tantos costumes, antigos e novos, pero vividos cun mesmo espírito de amor.

Dá alegría comprobar que a devoción á Virxe está sempre viva, espertando nas almas cristiás o pulo sobrenatural para obrar como domestici Dei, como membros da familia de Deus2.

Seguramente tamén vós, ao ver estes días tantos cristiáns que expresan de mil formas diversas o seu agarimo á Virxe Santa María, sentídesvos máis dentro da Igrexa, máis irmáns de todos eses irmáns vosos. É coma nunha reunión de familia, cando os fillos máis vellos, que a vida separou, vólvense encontrar á beira da súa nai, con ocasión dalgunha festa. E, se al-gunha vez rifaron entre eles e se trataron mal, aquel día non; aquel día séntense unidos, recoñécense todos no afecto común.

María edifica continuamente a Igrexa, xúntaa, mantena compacta. É difícil ter unha auténtica devoción á Virxe, e non se sentir máis vinculado aos demais membros do Corpo Místico, máis unidos tamén á súa cabeza visible, o Papa. Por iso gústame repetir: omnes cum Petro ad Iesum per Mariam!, todos, con Pedro, a Xesús por María! E, ao recoñecérmonos parte da Igrexa e invitados a sentirnos irmáns na fe, descubrimos con maior fondura a fraternidade que nos une á humanidade enteira: porque a Igrexa foi enviada por Cristo a todas as xentes e a todos os pobos3.

Isto que veño de dicir é algo que temos experimentado todos, xa que non nos faltaron ocasións de comprobar os efectos sobrenaturais dunha sincera devoción á Virxe. Cada un de vós podería contar moitas cousas. E eu tamén. Vén agora á miña memoria unha romaría que fixen no 1935 a unha ermida da Virxe, en terra castelá: a Sonsoles.

Non era unha romaría como se entende habitualmente. Non era ruidosa nin masiva: iamos tres persoas. Respecto e amo outras manifestacións públicas de piedade, pero persoalmente prefiro intentar ofrecerlle a María o mesmo cariño e o mesmo entusiasmo, con visitas persoais, ou en pequenos grupos, con sabor de intimidade.

Naquela romaría de Sonsoles coñecín a orixe desta advocación da Virxe. Un detalle sen moita importancia, pero que é unha manifestación filial da xente daquela terra. A imaxe de Nosa Señora que se venera naquel lugar, estivo agochada durante algún tempo, na época das loitas entre cristiáns e musulmáns en España. Ao cabo dalgúns anos, foi atopada por uns pastores que —segundo conta a tradición—, ao vela comentaron: Que ollos tan fermosos! Son soles!

Nai de Cristo, Nai dos cristiáns

Desde aquel ano de 1935, en numerosas e habituais visitas a Santuarios da Nosa Señora, tiven ocasión de reflexionar e meditar sobre esta realidade do agarimo de tantos cristiáns á Nai de Xesús. E pensei sempre que este agarimo é unha correspondencia de amor, unha mostra de agradecemento filial. Porque María está moi unida a esa manifestación máxima do amor de Deus: a Encarnación do Verbo, que se fixo home coma nós e cargou coas nosa miserias e pecados. María, fiel á misión divina para a que foi creada, prodigouse e prodígase continuamente en servizo dos homes, chamados todos a ser irmáns do seu Fillo Xesús. E a Nai de Deus é tamén realmente, agora, a Nai dos homes.

Así é, porque así o quixo o Señor. E o Espírito Santo dispuxo que quedase escrito, para que constase por todas as xeracións: Estaban xunto á Cruz de Xesús, súa Nai e a irmá de súa Nai, María muller de Cleofás, e María Magdalena. Miran-do, pois, Xesús á súa Nai, e ao discípulo que El amaba, que estaba alí, dille a súa Nai: Muller, velaí tes o teu fillo. Despois, dille ao discípulo: Velaí tes a túa nai. E desde aquel punto o discípulo tívoa por Nai 4.

Xoán, o discípulo amado de Xesús, recibe a María, introdúcea no seu fogar, na súa vida. Os autores espirituais viron nestas palabras, que relata o Santo Evanxeo, unha invitación dirixida a todos os cristiáns para que poñamos tamén a María nas nosas vidas. En certo sentido, resulta case superflua esta aclaración. María quere certamente que a invoquemos, que nos aproximemos a Ela con confianza, que apelemos á súa maternidade, pedíndolle que se manifeste como a nosa Nai 5.

Mais é unha nai que non se fai de rogar, que incluso se adianta ás nosas súplicas, porque coñece as nosas necesidades e vén prontamente na nosa axuda, demostrando con obras que se lembra constantemente dos seus fillos. Cada un de nós, ao evocar a súa propia vida e ver como se manifesta nela a misericordia de Deus, pode descubrir mil motivos para sentirse dun xeito moi especial fillo de María.

Os textos das Sagradas Escrituras que nos falan de Nosa Señora, fan ver precisamente como a Nai de Xesús acompaña o seu Fillo paso a paso, asociándose á súa misión redentora, alegrándose e sufrindo con El, amando o que Xesús ama, ocupándose con solicitude maternal de todos aqueles que están ao seu carón.

Pensemos, por exemplo, no relato das vodas de Caná. Entre tantos convidados dunha desas ruidosas vodas campesiñas, ás que acoden persoas de varias aldeas, María advirte que falta o viño6. Decátase Ela soa, e de seguida. Que familiares nos resultan as escenas da vida de Cristo! Porque a grandeza de Deus, convive co ordinario, co corrente. É propio dunha muller, du nha ama de casa atenta, advertir un descoido, estar neses detalles miúdos que fan agradable a existencia humana: e así actuou María.

Fixádevos tamén en que é Xoán o que conta a escena de Caná: é o único evanxelista que recolleu este cariz de solicitude materna. San Xoán quérenos lembrar que María estivo presente no comezo da vida pública do Señor. Isto demóstranos que soubo profundar na importancia da presenza da Señora. Xesús sabía a quen confiaba á súa Nai: a un discípulo que a amara, que aprendera a querela como á súa propia nai e era capaz de entendela.

Pensemos agora naqueles días que seguiron á Ascensión, en espera de Pentecoste. Os discípulos cheos de fe polo triunfo de Cristo resucitado e con anhelo ante a promesa do Espírito Santo, quérense sentir unidos, e atopámolos cum Maria mater Iesu, con María, a nai de Xesús7. A oración dos discípulos acompaña a oración de María: era a oración dunha familia unida.

Desta volta quen nos transmite ese dato é san Lucas, o evanxelista que narrou con máis extensión a infancia de Xesús. Semella coma se quixese darnos a entender que, así como María tivo un papel de primeiro plano na Encarnación do Verbo, dunha maneira análoga estivo presente tamén nas orixes da Igrexa, que é o Corpo de Cristo.

Desde o primeiro momento da vida da Igrexa, todos os cristiáns que buscaron o amor de Deus, ese amor que se nos revela e se fai carne en Xesucristo, atopáronse coa Virxe, e experimentaron de moi diversos xeitos a súa maternal solicitude. A Virxe Santísima pódese chamar en verdade nai de todos os cristiáns. Santo Agostiño dicíao con palabras claras: cooperou coasúa caridade para que nacesen na Igrexa os fieis, membros daquela cabeza, da que é efectivamente nai segundo o corpo8.

Non é pois estraño que un dos testemuños máis antigos de devoción a María sexa precisamente unha oración chea de confianza. Refírome a esa antífona que, composta hai séculos, con tinuamos repetindo aínda hoxe en día: Acollémonos baixo a túa protección, Santa Nai de Deus: non despreces as súplicas que te diriximos na nosa necesidade, antes ben sálvanos sempre de todos os perigos, Virxe gloriosa e bendita9.

Tratar a María

Dun xeito espontáneo, natural, xorde en nós o desexo de tratar á Nai de Deus, que é tamén Nai nosa. De tratala como se trata a unha persoa viva: porque a morte non triunfou sobre Ela, senón que está en corpo e alma xunto a Deus Pai, xunto ao seu Fillo, xunto ao Espírito Santo.

Para comprender o papel que María desempeña na vida cristiá, para sentírmonos atraídos cara a Ela, para buscarmos a súa amable compañía con filial afecto, non fan falta grandes disquisicións, aínda que o misterio da Maternidade divina ten unha riqueza de contido sobre a que nunca reflexionaremos abondo.

A fe católica soubo recoñecer en María un signo privilexiado do amor de Deus: Deus chámanos xa agora os seus amigos, a súa graza obra en nós, rexenéranos do pecado, dános as forzas para que, entre as debilidades propias de quen aínda é po e miseria, poidamos reflectir dalgún modo o rostro de Cristo. Non somos só náufragos aos que Deus prometeu salvar, senón que esa salvación obra xa en nós. O noso trato con Deus non é o dun cego que devece pola luz pero que xeme entre as angustias da escuridade, senón o dun fillo que se sabe amado polo seu Pai.

Desa cordialidade, desa confianza, desa seguridade, fála-nos María. Por iso o seu nome chega tan dereito ao corazón. A relación de cada un de nós coa nosa propia nai, pódenos servir de modelo e de pauta para o noso trato coa Señora do Doce Nome, María. Temos que amar a Deus co mesmo corazón co que queremos aos nosos pais, aos nosos irmáns, aos outros membros da familia, aos nosos amigos ou amigas: non temos outro corazón. E con ese mesmo corazón debemos tratar a María.

Como se comportan un fillo ou unha filla normais coa súa nai? De mil maneiras, pero sempre con cariño e con confianza. Un cariño que decorrerá en cada caso por canles determinadas, nacidas da vida mesma, que non son nunca algo frío, senón costumes entrañables de fogar, pequenos detalles cotiáns, que o fillo necesita ter coa súa nai e que a nai bota en falta se o fillo algunha vez os esquece: un bico ou un aloumiño ao saír ou ao volver á casa, un pequeno agasallo, unhas palabras expresivas.

Na nosa relación coa Nosa Nai do Ceo hai tamén esas normas de piedade filial, que son a canle do noso comportamento habitual con Ela. Moitos cristiáns fan propio o costume antigo do escapulario; ou adquiriron o hábito de saudar —non fai falta a palabra, o pensamento basta— as imaxes de María que hai en todo fogar cristián ou adornan as rúas de tantas cidades; ou viven esa oración marabillosa que é o santo rosario, na que a alma non se cansa de dicir sempre as mesmas cousas, como non se cansan os namorados cando se queren, e no que se aprende a revivir os momentos centrais da vida do Señor; ou acostuman dedicar á Señora un día da semana —precisamente este mesmo no que estamos agora reunidos: o sábado—, ofrecéndolle algunha pequena delicadeza e meditando máis especialmente na súa maternidade.

Hai outras moitas devocións marianas que non é necesario lembrar aquí e agora. Non teñen por que estar incorporadas todas á vida de cada cristián —medrar en vida cristiá é algo moi distinto do simple ir amoreando devocións—, pero ao tempo debo afirmar que non posúe a plenitude da fe quen non vive algunha delas, quen non manifesta dalgún xeito o seu amor a María.

Os que consideran superadas as devocións á Virxe Santísima, dan sinais de que perderon o fondo sentido cristián que agochan, de que esqueceron a fonte da que manan: a fe na vontade salvadora de Deus Pai, o amor a Deus Fillo que se fixo realmente home e naceu dunha muller, a confianza en Deus Espírito Santo que nos santifica coa súa graza. É Deus quen nos deu a María, e non temos dereito a rexeitala, senón que debemos acudir a Ela con amor e con alegría de fillos.

Facerse nenos no Amor a Deus

Consideremos atentamente este punto, porque nos pode axudar a comprender cousas moi importantes, xa que o misterio de María nos fai ver que, para achegármonos a Deus, hai que se facer pequenos. En verdade dígovos —exclamou o Señor dirixíndose aos seus discípulos—, que se non vos volvedes e vos facedes semellantes aos nenos, non entraredes no reino dos ceos10.

Facernos nenos: renunciar á soberbia, á autosuficiencia; recoñecer que por nós non podemos nada, porque necesitamos da graza, do poder do noso Pai Deus para aprender a camiñar e para perseverar no camiño. Ser pequeno esixe abandonarse como se abandonan os nenos, crer como cren os nenos, pedir como piden os nenos.

E todo iso aprendémolo tratando a María. A devoción á Virxe non é algo mol ou pouco rexo: é consolo e xúbilo que enche a alma, precisamente na medida en que supón un exercicio fondo e enteiro de fe, que nos fai saír de nós mesmos e poñer a nosa esperanza no Señor. É Iavé o meu pastor —canta un dos salmos—, de nada carecerei. Faime descansar en frondosos prados, condúceme á beira de augas saborosas; devólveme a vida, e guíame por camiños rectos, en virtude do seu nome. Aínda que ande por vales tenebrosos, ningún mal temerei, porque ti estás comigo11.

Porque María é Nai, a súa devoción ensínanos a ser fillos: a querer de verdade, sen medida; a ser sinxelos, sen esas complicacións que nacen do egoísmo de pensar só en nós; a estar alegres, sabendo que nada pode destruír a nosa esperanza. O  comezo do camiño que leva á loucura do amor de Deus é un confiado amor a María Santísima. Así o escribín xa hai moitos anos, no limiar a uns comentarios ao Santo Rosario, e desde entón volvín comprobar moitas veces a verdade desas palabras. Non vou facer aquí moitos razoamentos, co fin de glosar esa idea: invítovos máis ben a que fagades a experiencia, a que o descubrades por vós mesmos, tratando amorosamente a María, abríndolle o voso corazón, confiándolle as vosas alegrías e as vosas magoas, pedíndolle que vos axude a coñecer e a seguir a Xesús.

Se buscades a María, atoparedes a Xesús. E aprenderedes a entender un pouco o que hai no corazón de Deus que se anonada, que renuncia a manifestar o seu poder e a súa maxestade, para presentarse en forma de escravo12. Falando ao humano poderiamos dicir que Deus se excede, pois non se limita ao que sería esencial e imprescindible para salvarnos, senón que vai máis alá. A única norma ou medida que nos permite comprender dalgún modo ese xeito de obrar de Deus é decatarnos de que carece de medida: ver que nace dunha loucura de amor, que o leva a tomar a nosa carne e a cargar co peso dos nosos pecados.

Como é posible decatarnos diso, advertir que Deus nos ama, e non nos volver tamén nós tolos de amor? É necesario deixar que esas verdades da nosa fe vaian penetrando na alma, ata cambiar toda a nosa vida. Deus ámanos!: o Omnipotente, o Todopoderoso, o que fixo ceos e terra.

Deus interésase ata das pequenas cousas das súas criaturas: das vosas e das miñas, e chámanos a cadaquén polo noso propio nome13. Esa certeza que nos dá a fe fai que miremos o que nos arrodea cunha luz nova, e que, permanecendo todo igual, advirtamos que todo é distinto, porque todo é expresión do amor de Deus.

A nosa vida convértese así nunha continua oración, nun bo humor e nunha paz que nunca se acaban, nun acto de acción de grazas degrañado a través das horas. A miña alma glorifica o Señor —cantou a Virxe María— e o meu espírito está transportado de gozo no Deus o meu salvador; porque puxo os ollos na baixeza da súa escrava, polo tanto xa desde agora chamaranme benaventurada todas as xeracións. Porque fixo en min cousas grandes aquel que é todopoderoso, cuxo nome é santo14.

A nosa oración pode acompañar e imitar esa oración de María. Coma Ela, sentiremos o desexo de cantar, de proclamar as marabillas de Deus, para que a humanidade enteira e todos os seres participen da nosa felicidade.

María fainos sentir irmáns

Non se pode tratar filialmente a María e pensar só en nós mesmos, nos nosos propios problemas. Non se pode tratar á Virxe e ter egoístas problemas persoais. María leva a Xesús, e Xesús é primoxenitus in multis fratribus, primoxénito entre moitos irmáns15. Coñecer a Xesús, polo tanto, é decatármonos de que a nosa vida non se pode vivir con outro sentido que o de entregarnos ao servizo dos demais. Un cristián non se pode deter só en problemas persoais, xa que ten que vivir de cara á Igrexa universal, pensando na salvación de todas as almas.

Deste modo, ata as facetas que se poderían considerar máis privadas e íntimas —a preocupación pola propia mellora interior— non son en realidade persoais: xa que a santificación forma unha soa cousa co apostolado. Témonos que esforzar polo tanto, na nosa vida interior e no desenvolvemento das virtudes cristiás, pensando no ben de toda a Igrexa, xa que non  poderiamos facer o ben e dar a coñecer a Cristo, se en nós  non houbese un empeño sincero por facer realidade práctica as ensinanzas do Evanxeo.

Impregnados deste espírito, os nosos rezos, aínda que comecen por temas e propósitos en aparencia persoais, rematan sempre decorrendo polas canles do servizo aos demais. E se camiñamos da man da Virxe Santísima, Ela fará que nos sintamos irmáns de todos os homes: porque todos somos fillos dese Deus do que Ela é Filla, Esposa e Nai.

Os problemas do noso próximo han ser os nosos problemas. A fraternidade cristiá débese atopar moi metida no fondo da alma, de xeito que ningunha persoa nos sexa indiferente. María, Nai de Xesús, que o criou, educou e acompañou na súa vida terrea e que agora está onda El nos ceos, axudaranos a recoñecer a Xesús que pasa ao noso carón, que se nos fai presente nas necesidade dos nosos irmáns os homes.

Naquela romaría da que vos falaba ao comezo, mentres camiñabamos cara á ermida de Sonsoles, pasamos á beira duns campos de trigo. As espigas brillaban ao sol, abaneadas polo vento. Veu entón a miña memoria un texto do Evanxeo, unhas palabras que o Señor dirixiu ao grupo dos seus discípulos: Non dicides vós: ea, dentro de catro meses estaremos xa na sega? Pois agora eu dígovos: erguede os vosos ollos, estendede a vista polos campos e vede as espigas brancas e a piques da seitura16. Pensei outra vez máis que o Señor quería meter nos nosos corazóns o mesmo afán, o mesmo lume que dominaba o seu. E, afastándome un pouco do camiño, collín unhas espigas para que me servisen de recordatorio.

Hai que abrir os ollos, hai que saber mirar ao noso redor e recoñecer esas chamadas que Deus nos dirixe a través dos que nos arrodean. Non podemos vivir de costas á multitude, pechados no noso pequeno mundo. Non foi así como viviu Xesús. Os Evanxeos fálannos moitas veces da súa misericordia, da súa capacidade de participar na dor e nas necesidades dos demais: compadécese da viúva de Naím17, chora pola morte de Lázaro18, preocúpase das multitudes que o seguen e que non teñen que comer19, compadécese tamén sobre todo dos pecadores, dos que camiñan polo mundo sen coñecer a luz nin a verdade: desembarcando viu Xesús un grande xentío, e entenrecéronselle con tal visión as súas entrañas, porque andaban coma ovellas sen pastor, e púxose a instruílos en moitas cousas20.

Cando somos de verdade fillos de María comprendemos esa actitude do Señor, de xeito que se agranda o noso corazón e temos entrañas de misericordia. Dóennos entón os sufrimentos, as miserias, as equivocacións, a soidade, a angustia, a dor dos outros homes os nosos irmáns. E sentimos a urxencia de axudalos nas súas necesidades, e de falarlles de Deus para que saiban tratalo como fillos e poidan coñecer as delicadezas maternais de María.

Ser apóstolo de apóstolos

Encher de luz o mundo, ser sal e luz21: así describiu o Señor a misión dos seus discípulos. Levar ata os últimos confíns da terra a boa nova do amor de Deus. A iso debemos dedicar as nosas vidas, dunha maneira ou doutra, todos os cristiáns.

Direi máis. Temos que sentir a ilusión de non permanecer sós, debemos animar a outros a que contribúan a esa misión divina de levar o gozo e a paz aos corazóns dos homes. Na medida en que progresades, atraede os demais convosco, escribe san Gregorio Magno; desexade ter compañeirosno camiño cara ao Señor22.

Mais tede presente que, cum dormirent homines, mentres os homes durmían, veu o sementador do xoio, di o Señor nunha parábola23. Os homes estamos expostos a deixarnos levar do sono do egoísmo, da superficialidade, dispersando o corazón en mil experiencias pasaxeiras, evitando profundar no verdadeiro sentido das realidades terreas. Mala cousa ese sono, que sufoca a dignidade do home e o fai escravo da tristeza!

Hai un caso que nos debe doer moito: o daqueles cristiáns que poderían dar máis e non se deciden; que se poderían entregar totalmente, vivindo todas as consecuencias da súa vocación de fillos de Deus, pero resístense a ser xenerosos. Débenos doer porque a graza da fe non se nos deu para que estea agochada, senón para que brille perante os homes24, porque, ademais, está en xogo a felicidade temporal e a eterna dos que así obran. A vida cristiá é unha marabilla divina, con promesas inmediatas de satisfacción e serenidade, pero coa condición de que saibamos apreciar o don de Deus25, sendo xenerosos sen taxa.

É necesario, pois, espertar os que puidesen caer nese mal sono: lembrarlles que a vida non é cousa de xogo, senón tesouro divino, que hai que facer frutificar. É necesario tamén ensinarlles o camiño, aos que teñen boa vontade e bos desexos, pero non saben como levalos á práctica. Cristo úrxenos. Cada un de vós ha ser non só apóstolo, senón apóstolo de apóstolos, que arrastre a outros, que mova os demais para que tamén eles dean a coñecer a Xesucristo.

Quizais alguén se pregunte como, de que maneira pode dar este coñecemento ás xentes. E eu respóndovos: con naturalidade, con sinxeleza, vivindo do xeito que vivides en medio do mundo, entregados ao voso traballo profesional e ao coidado da vosa familia, participando nos afáns nobres dos homes, respectando a lexítima liberdade de cada quen.

Desde hai case trinta anos puxo Deus no meu corazón a ansia de facer comprender a persoas de calquera estado, de calquera condición ou oficio, esta doutrina: que a vida ordinaria pode ser santa e chea de Deus, que o Señor nos chama a santificar a tarefa corrente, porque aí está tamén a perfección cristiá. Considerémolo unha vez máis, contemplando a vida de María.

Non esquezamos que a case totalidade dos días que a Nosa Señora pasou na terra transcorreron dunha maneira moi parecida ás xornadas doutros millóns de mulleres, ocupadas en coidar a súa familia, en educar os seus fillos, en sacar adiante as tarefas do fogar. María santifica o máis miúdo, o que moitos consideran erroneamente como intranscendente e sen valor: o traballo cotián, os detalles de atención cara as persoas queridas, as conversacións e as visitas co gallo de parentesco ou amizade. Bendita normalidade, que pode estar chea de tanto amor de Deus!

Porque iso é o que explica a vida de María: o seu amor. Un amor levado ata o extremo, ata o completo esquecemento de si mesma, contenta de estar alí, onde a quere Deus, e cumprindo con esmero a vontade divina. Iso é o que fai que o máis pequeno xesto seu, non sexa nunca banal, senón que se manifeste cheo de contido. María, Nosa Nai, e para nós exemplo e camiño. Temos que procurar ser coma Ela, nas circunstancias concretas nas que Deus quixo que vivamos.

Actuando así darémoslles aos que nos arrodean o testemuño dunha vida sinxela e normal, coas limitacións e cos defectos propios da nosa condición humana, pero coherente. E, ao vérmonos igual ca eles en todas as cousas, os demais sentíranse invitados a preguntarnos: como se explica a vosa ledicia?, de onde sacades forzas para vencer o egoísmo e a comodidade?, quen vos aprende a vivir a comprensión, a limpa convivencia e a entrega, o servizo aos demais?

É entón o momento de descubrirlles o segredo divino da existencia cristiá: de falarlles de Deus, de Cristo, do Espírito Santo, de María. O momento de procurar transmitir, a través das nosas pobres palabras, esa loucura do amor de Deus que a graza espallou nos nosos corazóns.

San Xoán conserva no seu Evanxeo unha frase marabillosa da Virxe, na escena que xa antes considerabamos: a das vodas de Caná. Nárranos o evanxelista que, dirixíndose aos serventes, María lles dixo: Facede o que El vos dirá 26. Trátase diso, de levar as almas a que se sitúen fronte a Xesús e lle pregunten: Domine quid me vis facere?, Señor, que queres que faga eu?27.

O apostolado cristián —e refírome agora en concreto ao dun cristián corrente, ao do home ou a muller que vive sendo un máis entre os seus iguais— é unha gran catequese, na que, a través do trato persoal, dunha amizade leal e auténtica, espértase nos demais a fame de Deus e axúdaselles a descubrir horizontes novos: con naturalidade, con sinxeleza dixen, co exemplo dunha fe ben vivida, coa palabra amable pero chea da forza da verdade divina.

Sede audaces. Contades coa axuda de María, Regina apostolorum. E a Nosa Señora, sen deixar de se comportar como Nai, sabe colocar os seus fillos diante das súas precisas responsabilidades. María aos que se aproximan a Ela e contemplan a súa vida, failles sempre o inmenso favor de levalos á Cruz, de poñelos fronte a fronte ao exemplo do Fillo de Deus. E nese enfrontamento, onde se decide a vida cristiá, María intercede para que a nosa conduta culmine cunha reconciliación do irmán menor —ti e mais eu— co Fillo primoxénito do Pai.

Moitas conversións, moitas decisións de entrega ao servizo de Deus foron precedidas dun encontro con María. Nosa Señora fomentou os desexos de busca, activou maternalmente as inquedanzas da alma, fixo aspirar a un cambio, a unha vida nova. E así o facede o que El vos dirá converteuse en realidades de amorosa entrega, en vocación cristiá que alumea desde entón toda a nosa vida persoal.

Este tempo de conversación perante o Señor, no que meditamos sobre a devoción e o agarimo á Nai súa e nosa, pode, pois, rematar reavivando a nosa fe. Está comezando o mes de maio. O Señor quere de nós que non desaproveitemos esta ocasión de medrar no seu Amor a través do trato coa súa Nai. Que cada día saibamos ter con Ela eses detalles de fillos — cousas pequenas, atencións delicadas—, que se van facendo grandes realidades de santidade persoal e de apostolado, é dicir, de empeño constante por contribuír á salvación que Cristo veu traer ao mundo.

Sancta María, spes nostra, ancilla Domini, sedes sapientiae, ora por nobis! Santa María, esperanza nosa, escrava do Señor, asento da Sabedoría, roga por nós!

Notas
1

Cfr. 1 Pet II, 10.

2

Eph II, 19.

3

Cfr. Mt XXVIII, 19.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
4

Ioh XIX, 25-27.

5

Monstra te esse Matrem (Himno litúrxico Ave maris stella).

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
6

Cfr. Ioh II, 3.

7

Cfr. Act I, 14.

8

Santo Agostiño, De sancta virginitate, 6 (PL 40, 399).

9

Sub tuum praesidium confugimus, Sancta Dei Genetrix: nostras deprecationes ne despicias in necessitatibus, sed a periculis cunctis libera nos semper, Virgo gloriosa et benedicta.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
10

Mt XVIII, 3.

11

Ps XXII, 1-4.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
12

Cfr. Phil II, 6-7.

13

Cfr. Is XLIII, 1.

14

Lc I, 46-49.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
15

Rom VIII, 29.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
16

Ioh IV, 35.

17

Cfr. Lc VII, 11-17.

18

Cfr. Ioh XI, 35.

19

Cfr. Mt XV, 32.

20

Mc VI, 34.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
21

Cfr. Mt V, 13-14.

22

San Gregorio Magno, In Evangelia homiliae, 6, 6 (PL 76, 1098).

23

Mt XIII, 25.

24

Cfr. Mt V, 15-16.

25

Cfr. Ioh IV, 10.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
26

Ioh II, 5.

27

Act IX, 6.

Referencias á Sagrada Escritura
Este capítulo noutro idioma