VOCACIÓN CRISTIÁ

Homilía pronunciada o 2-XII-1951I Domingo de Advento

Comeza o ano litúrxico, e o introito da Misa proponnos unha consideración intimamente relacionada co principio da vida cristiá: a vocación que recibimos. Vias tuas, Domine,de mostramihi, et semitas tuas edoce me1; Señor, indícame os teus camiños, ensíname os teus vieiros. Pedimos ao Señor que nos guíe, que nos mostre as súas pegadas, para que nos poidamos dirixir á plenitude dos seus mandamentos, que é a caridade2.

Figúrome que vós, coma min, ao pensar nas circunstancias que acompañaron a vosa decisión de vos esforzar por vivir de cheo a fe, daredes moitas grazas ao Señor, teredes o convencemento sincero —sen falsas humildades— de que non hai mérito ningún pola vosa parte. Ordinariamente aprendemos a invocar ao Señor, desde a infancia, dos beizos duns pais cristiáns; máis adiante, mestres, compañeiros, coñecidos, axudáronnos de mil maneiras a non perder de vista a Xesucristo.

Un día —non quero xeneralizar, abre o teu corazón ao Señor e cóntalle a túa historia—; quizais un amigo, un cristián corrente igual ca ti, descubriuche un panorama profundo e novo, sendo ao tempo vello como o Evanxeo. Suxeriuche a posibilidade de empeñarte seriamente en seguir a Cristo, en ser apóstolo de apóstolos. Seica perdiches entón a tranquilidade e non a recuperaches, convertida en paz, ata que libremente, porque che deu a gana —que é a razón máis sobrenatural—, respondiches que si a Deus. E veu a ledicia, rexa, constante, que só desaparece cando te afastas del.

Non me gusta falar de elixidos nin de privilexiados. Mais é Cristo quen fala, quen elixe. É a linguaxe da Escritura: elegit nos in ipso ante mundi constitutionem —di san Paulo— ut essemus sancti3. Escolleunos, desde antes da constitución do mundo, para que sexamos santos. Eu sei que isto non te enche de orgu-llo, nin contribúe a que te consideres superior aos demais homes. Esa elección, raíz da chamada, debe ser a base da túa humildade. Érguese acaso un monumento aos pinceis dun pintor? Serviron para plasmar obras mestras, pero o mérito é do artista. Nós —os cristiáns— somos só instrumentos do Creador do mundo, do Redentor de todos os homes.

Os Apóstolos, homes correntes

A min anímame considerar un precedente narrado, paso a paso, nas páxinas do Evanxeo: a vocación dos primeiros doce. Ímola meditar de vagar, rogándolles a esas santas testemuñas do Señor que saibamos seguir a Cristo como o fixeron elas.

Aqueles primeiros apóstolos —aos que lles teño grande devoción e agarimo— eran, segundo os criterios humanos, pouca cousa. En canto á súa posición social, con excepción de Mateu, que seguramente gañaba ben a vida e que o deixou todo cando Xesús llo pediu, eran pescadores. Vivían ao día, traballando de noite, para poder gañar o sustento.

Pero a posición social é o de menos. Non eran cultos, nin tan sequera intelixentes, polo menos no que se refire ás reali-dades espirituais. Ata os exemplos e as comparacións máis sinxelas lles resulaban incomprensibles, e acudían ao Mestre: Do mine, edissere nobis parabolam4, Señor, explícanos a parábo-la. Cando Xesús, cunha imaxe, alude ao fermento dos fariseos, entenden que lles está recriminando por non mercaren pan5.

Pobres, ignorantes. E nin tan sequera sinxelos, sen reviravoltas. Dentro da súa limitación eran ambiciosos. Moitas veces rifan sobre quen será o maior, cando —segundo a súa mentalidade— Cristo instaurase na terra o reino definitivo de Israel. Rifan e alporízanse durante ese momento sublime, no que Xesús está a piques de inmolarse pola humanidade: na intimidade do Cenáculo6.

Fe, pouca. O mesmo Xesús o di7. Viron resucitar mortos, curar toda clase de enfermidades, multiplicar o pan e os peixes, calmar tempestades, botar demos. San Pedro, escollido como cabeza, é o único que sabe responder prontamente: Ti es o Cristo, o Fillo de Deus vivo8. Pero é unha fe que el interpreta ao seu xeito, por iso se permite encararse con Xesucristo para que non se entregue en redención polos homes. E Xesús ten que lle contestar: arrédate de min, Satanás; que meescandalizas, porque non entendes as cousas de Deus, senón as dos homes9. Pedro razoaba humanamente, comenta san Xoán Crisóstomo, e concluía que todo aquilo —a Paixón e a Morte— era indigno de Cristo, reprobable. Por iso, Xesús repréndeo e dille: non, sufrir non é cousa indigna de min; ti xúlgalo así porque razoas conideas carnais, humanas10.

Aqueles homes de pouca fe, sobresaían quizais no amor a Cristo? Sen dúbida amábano, polo menos de palabra. Ás veces déixanse arrebatar polo entusiasmo: imos e morramos con El 11. Pero á hora da verdade fuxirán todos, menos Xoán, que de veras amaba con obras. Só este mozo, o máis novo dos apóstolos, permanece a carón da Cruz. Os demais non sentían ese amor tan forte como a morte12.

Estes eran os Discípulos elixidos polo Señor; así os escolle Cristo; así aparecían antes de que, cheos do Espírito Santo, se convertesen en columnas da Igrexa13. Son homes correntes, con defectos, con debilidades, coa palabra máis longa que as obras. E, así e todo, Xesús chámaos para facer deles pescadores de homes14, corredentores, administradores da graza de Deus.

Algo semellante sucedeu con nós. Sen grande dificultade poderiamos atopar na nosa familia, entre os nosos amigos e compañeiros, por non me referir ao inmenso panorama do mundo, tantas outras persoas máis dignas ca nós para recibir a chamada de Cristo. Máis sinxelos, máis sabios, máis influentes, máis importantes, máis agradecidos, máis xenerosos.

Eu, ao pensar nestes puntos, avergóñome. Pero decátome tamén de que a nosa lóxica humana non serve para explicar as realidades da graza. Deus adoita buscar instrumentos febles, para que apareza con clara evidencia que a obra é súa. San Paulo evoca con tremor a súa vocación: despois de todosaparecéuseme a min, que veño a ser como un abortivo, sendo o menor dos apóstolos, que non son digno de ser chamado apóstolo, porque perseguín áIgrexa de Deus15. Deste xeito escribe Saulo de Tarso, cunha personalidade e un pulo que a historia non fixo senón agrandar.

Sen que mediara mérito algún pola nosa parte, dicíavos: porque na base da vocación están o coñecemento da nosa miseria, a conciencia de que as luces que alumean a alma —a fe— , o amor co que amamos —a caridade— e o desexo polo que nos sostemos —a esperanza—, son dons gratuítos de Deus. Por iso, non medrar en humildade significa perder de vista o obxectivo da elección divina: ut essemus sancti, a santidade persoal.

Agora, desde esa humildade, poderemos comprender toda a marabilla da chamada divina. A man de Cristo colleunos dun trigal: o sementador aperta na súa man chagada unha presa de trigo. O sangue de Cristo baña a semente, a enchoupa. Logo, o Señor bota ao aire ese trigo, para que morrendo, sexa vida e,  afundíndose na terra, sexa quen de multiplicarse en espigas de ouro.

Xa é hora de espertar

A Epístola da Misa lémbranos que temos que asumir esta responsabilidade de apóstolos cun novo espírito, con ánimo, espertos. Xa é hora de espertar do noso letargo, pois estamos máis preto da nosa saúde que cando recibimos a fe. A noite avanza e vai chegar o día. Deixemos, pois, asobras das tebras e revistámonos das armas da luz16.

Dirédesme que non é fácil, e non vos falta razón. Os inimigos do home que son os inimigos da santidade, intentan impedir esa vida nova, ese revestirse co espírito de Cristo. Non atopo outra enumeración mellor dos atrancos á fidelidade cristiá que a que nos trae san Xoán: concupiscentiacarnis, concupiscentia oculorum et superbia vitae17; todo o que hai no mundo é concupiscencia da carne, concupiscencia dos ollos e soberbia da vida.

A concupiscencia da carne non é só a tendencia desordenada dos sentidos en xeral, nin a apetencia sexual, que debe ser ordenada e non é mala de seu, porque é unha nobre realidade humana santificable. Vede que, por iso, nunca falo de impureza, senón de pureza, xa que a todos alcanzan as palabras de Cristo: benaventurados os limpos de corazón, porque eles verán a Deus18. Por vocación divina, uns terán que vivir esa pureza no matrimonio; outros, renunciando a amores humanos, para corresponder única e apaixonadamente ao amor de Deus. Nin os uns nin os outros escravos da sensualidade, senón señores do propio corpo e do propio corazón, para podelos dar sacrificadamente aos outros.

Ao tratar da virtude da pureza, costumo engadir o cualificativo de santa. A pureza cristiá, a santa pureza, non é a fachenda de sentirse puros, non contaminados. É saber que temos os pés de barro19, malia que a graza de Deus nos libre día a día dos axexos do inimigo. Considero unha deformación do cristianismo a insistencia dalgúns en escribir ou predicar case exclusivamente desta materia, esquecendo outras virtudes que son capitais para o cristián, e tamén en xeral para a convivencia entre os homes.

A santa pureza non é a única nin a principal virtude cristiá: é, non obstante, indispensable para perseverar no esforzo cotián da nosa santificación e, senón se garda, non cabe a dedicación ao apostolado. A pureza é a consecuencia do amor co que entregamos a Deus a alma e o corpo, as potencias e os sentidos. Non é negación, é afirmación gozosa.

Dicía que a concupiscencia da carne non se reduce exclusivamente á desorde da sensualidade, senón tamén á comodidade, á falta de vibración, que empurra a buscar o máis fácil, o máis pracenteiro, o camiño en aparencia máis curto, aínda á custa de ceder na fidelidade a Deus.

Comportarse dese xeito, sería como abandonarse incondicionalmente ao imperio dunha desas leis, a do pecado, contra a que nos prevén san Paulo: cando quero facer o ben, atopo unha lei pola que o mal está pegado a min; de aquí é que me comprazo na lei de Deus segundo o home interior, pero vexo quehai outra lei nos meus membros, que resiste á lei do meu espírito esométeme á lei do pecado... Infelix ego homo!, infeliz de min! Quen me liberará deste corpo demorte? 20. Oíde o que contesta o apóstolo: a graza de Deus, por Xesucristo Noso Señor21. Podemos e debemos loitar contra a concupiscencia da carne, porque sempre se nos concederá, se somos humildes, a graza do Señor.

O outro inimigo, escribe san Xoán, é a concupiscencia dos ollos, unha avaricia de fondo, que leva a valorar só o que se pode tocar. Os ollos que se quedan como pegados ás cousas terreas, pero tamén os ollos que, por iso mesmo, non saben descubrir as realidades sobrenaturais. Polo tanto, podemos utilizar a expresión da Sagrada Escritura para referírmonos á avaricia dos bens materiais, e ademais a esa deformación que leva a observar o que nos arrodea —os demais, as circunstancias da nosa vida e do noso tempo— só con visión humana.

Os ollos da alma embóutanse; a razón crese suficiente para entender todo, prescindindo de Deus. É unha tentación sutil que se ampara na dignidade da intelixencia, que o Noso Pai Deus lle deu ao home para que o coñeza e o ame libremente. Arrastrada por esa tentación, a intelixencia humana considérase o centro do universo, entusiásmase de novo co seredes como deuses22 e, ao encherse de amor por si mesma, volve as costas ao amor de Deus.

A nosa existencia pode, dese xeito, entregarse sen condicións nas mans dun terceiro inimigo, da superbia vitae. Non se trata só de pensamentos efémeros de vaidade ou de amor propio: é una fachenda xeneralizada. Non nos enganemos, porque este é o peor dos males, a raíz de todos os afastamentos do bo camiño. A loita contra a soberbia ten que ser constante, que non en van se dixo graficamente que esta paixón morre un día despois de que cada persoa morra. É a altiveza do fariseo, ao que Deus se resiste a xustificar, porque atopa nel unha barreira de autosuficiencia. É a arrogancia, que conduce a desprezar os demais homes, a dominalos, a maltratalos: porque onde hai soberbia alíhai ofensa e deshonra23.

A misericordia de Deus

Comeza hoxe o tempo de Advento, e é bo que teñamos considerado as insidias destes inimigos da alma: a desorde da sensualidade e da fácil lixeireza; o desatino da razón que se opón ao Señor; a presunción arrogante, esterilizadora do amor a Deus e ás criaturas. Todas estas situacións de ánimo son atrancos certos, e o seu poder perturbador é grande. Por iso a liturxia fainos implorar a misericordia divina: a Ti, Señor, elevo a miñaalma; en Ti espero; que non sexa confundido, nin se gocen de min os meusadversarios24, rezamos no introito. E na antífona do ofertorio repetimos: espero en Ti, que eu non sexa confundido!

Agora, que se aproxima o tempo da salvación, consola escoitar dos beizos de san Paulo que despois de que Deus Noso Salvador manifestou a súa benignidade e amor cos homes, liberounos non a causa das obras de xustiza que tivéramos feito, senón pola súa misericordia25.

Se percorredes as Escrituras Santas, descubriredes constantemente a presenza da misericordia de Deus: enche a terra26, esténdese a todos os seus fillos, super omnem carnem27; arrodéanos28, antecédenos29, multiplícase para axudarnos30, e continuamente foi confirmada31. Deus, ao ocuparse de nós como Pai agarimoso, considéranos na súa misericordia32: unha misericordia suave33, fermosa como nube de choiva34.

Xesucristo resume e compendia toda esta historia da misericordia divina: benaventurados os misericordiosos, porque eles acadarán misericordia35. E noutra ocasión: sede misericordiosos, como voso Pai celestial é misericordioso36. Quedáronnos moi gravadas tamén, entre outras escenas do Evanxeo, a  clemencia coa muller adúltera, a parábola do fillo pródigo, a da ovella perdida, a do debedor perdoado, a resurrección do fillo da viúva de Naím37. Cantas razóns de xustiza para explicar este grande prodixio! Morreu o fillo único daquela pobre viú-va, o que lle daba sentido á súa vida, o que podía axudala na súa vellez. Pero Cristo non obra o milagre por xustiza; faino por compaixón, porque interiormente se conmove ante a dor humana.

Que seguridade nos debe producir a conmiseración do Señor! Clamará a min e eu escoitareino, porque son misericordioso!38. É unha invitación, unha promesa que non deixará de cumprir. Acheguémonos, pois, confiadamente ao trono da graza, para acádarmos a misericordia e o auxilio da graza no tempo oportuno39. Os inimigos da nosa santificación non poderán nada, porque esa misericordia de Deus nos prevén; e se —pola nosa culpa e a nosa debilidade— caemos, o Señor socó-rrenos e levántanos. Aprenderás a evitar a neglixencia, a afastar de ti a arrogancia, a adquirir a piedade, a non ser prisioneiro das cuestións mundanas, a non preferir o caduco ao eterno. Mais, como a debilidade humana non pode manter un paso decidido nun mundo esvaradío, o bo médico indicouche tamén remedios contra a desorientación, e o xuíz misericordioso non che negou a esperanza do perdón40.

Correspondencia humana

Neste clima da misericordia de Deus, desenvólvese a existencia do cristián. Este é o ámbito do seu esforzo, por comportarse como fillo de Deus. E cales son os medios para lograr que a vocación se afiance? Sinalareiche hoxe dous, que son como os eixes vivos da conduta cristiá: a vida interior e a formación doutrinal, o coñecemento profundo da nosa fe.

Vida interior, en primeiro lugar. Que poucos entenden aínda isto! Pensan, ao escoitar falar de vida interior, na escuridade do templo, cando non nos ambientes enrarecidos de moitas sancristías. Levo máis dun cuarto de século dicindo que non é iso. Describo a vida interior dos cristiáns correntes, que habitualmente se encontran en plena rúa, ao aire libre; e que, na rúa, no traballo, na familia e nos momentos de diversión están pendentes de Xesús todo o día. E que é isto senón vida de oración continua? Non é verdade que ti viches a necesidade de ser alma de oración, cun trato con Deus que te leva a endeusarte? Esa é a fe cristiá e dese xeito o comprenderon sempre as almas de oración: faise Deus aquel home, escribe Clemente de Alexandría, porque quere o mesmo que quere Deus41.

Ao comezo custará; hai que se esforzar en dirixirse ao Señor, en agradecer a súa piedade paterna e concreta con nós. Aos poucos o amor de Deus apálpase —malia que non é cousa de sentimentos—, como unha gadoupada na alma. É Cristo, que nos persegue amorosamente: velaquí que estou á túaporta, e chamo42. Como vai a túa vida de oración? Non sentes ás veces, durante o día, desexos de falar máis de vagar con El? Non lle dis: logo contareicho, logo conversarei disto contigo?

Nos momentos dedicados expresamente a ese coloquio co Señor, o corazón expándese, a vontade fortalécese, a intelixencia —axudada pola graza— penetra, de realidades sobrenaturais, as realidades humanas. Como froito sairán sempre propósitos claros, prácticos, de mellorar a túa conduta, de tratar finamente con caridade a todos os homes, de empregarte a fondo —co afán dos bos deportistas— nesta loita cristiá de amor e de paz.

A oración faise continua, como o latexo do corazón, como o pulso. Sen esa presenza de Deus non hai vida contemplativa; e sen vida contemplativa de pouco vale traballar por Cristo, porque se esforzan en van os que constrúen, se Deus non sostén a casa43.

O sal da mortificación

Para santificarse, o cristián corrente —que non é un relixioso, que non se afasta do mundo, porque o mundo é o seu lugar de encontro con Cristo— non necesita hábito externo, nin signos distintivos. Os seus signos son internos: a presenza de Deus constante e o espírito de mortificación. En realidade, unha soa cousa, porque a mortificación non é máis cá oración dos sentidos.

A vocación cristiá é vocación de sacrificio, de penitencia, de expiación. Temos que reparar polos nosos pecados —en cantas ocasións teremos virado a cara, para non ver a Deus!— e por todos os pecados dos homes. Temos que seguir de cerca as pegadas de Cristo: traemos sempre no noso corpo amortifi-cación, a abnegación de Cristo, o seu abatemento na Cruz, para  quetamén nos nosos corpos se manifeste a vida de Xesús44. O noso camiño é de inmolación e, nesta renuncia, atoparemos o gaudium cum pace, a ledicia e a paz.

Non miramos o mundo con xesto triste. Involuntariamente quizais, fixeron un feble servizo á catequese eses biógrafos de santos que querían, a toda costa, atopar cousas extraordinarias nos servos de Deus, aínda desde os seus primeiros choros. E contan, dalgúns deles, que na súa nenez non choraban, por mortificación non mamaban os venres... Ti e mais eu nacemos chorando como Deus manda; e asiamos o peito da nosa nai sen nos preocupar de Coresmas e de Témporas...

Agora, co auxilio de Deus aprendemos a descubrir, ao longo da xornada en aparencia sempre igual, spatium verae po enitentiae, tempo de verdadeira penitencia; e neses intres facemos propósitos de emendatio vitae, de mellorar a nosa vida. Este é o camiño para dispoñérmonos á graza e ás inspiracións do Espírito Santo na alma. E con esa graza —repito— vén o gaudium cum pace, a ledicia, a paz e a perseveranza no camiño45.

A mortificación é o sal da nosa vida. E a mellor mortificación é a que combate —en pequenos detalles durante todo o día—, a concupiscencia da carne, a concupiscencia dos ollos e a soberbia da vida. Mortificacións que non mortifiquen os demais, que nos volvan máis delicados, máis comprensivos, máis abertos a todos. Ti non serás mortificado se es susceptible, se es-tás pendente só dos teus egoísmos, se asoballas aos outros, se non te sabes privar do superfluo e ás veces do necesario; se te entristeces, cando as cousas non saen segundo as tiñas previsto. Pola contra, es mortificado se te sabes facer todo para todos, para gañar a todos46.

A fe e a intelixencia

A vida de oración e de penitencia, e a consideración da nosa filiación divina, transfórmanos en cristiáns profundamente piadosos, coma nenos pequenos diante de Deus. A piedade é a virtude dos fillos e para que o fillo se poida confiar nos brazos do seu pai, ha de ser e se sentir pequeno, necesitado. Frecuentemente meditei esa vida de infancia espiritual, que non está en oposición coa fortaleza, porque esixe unha vontade rexa, unha madureza temperada, un carácter firme, aberto.

Piadosos, pois, coma nenos: pero non ignorantes, porque cadaquén ten que se esforzar, na medida das súas posibilidades, no estudo serio, científico, da fe; e todo isto é a teoloxía. Piedade de nenos, polo tanto, e doutrina segura de teólogos.

O afán por adquirir esta ciencia teolóxica —a boa e firme doutrina cristiá— está movido, en primeiro termo, polo desexo de coñecer e amar a Deus. Asemade, é tamén consecuencia da preocupación xeral da alma fiel por acadar a máis profunda significación deste mundo, que é feitura do Creador. Con periódica monotonía, algúns tratan de resucitar unha suposta incompatibilidade entre a fe e a ciencia, entre a intelixencia humana e a Revelación divina. Esta incompatibilidade só pode aparecer, e aparentemente, cando non se entenden os termos reais do problema.

Se o mundo saíu das mans de Deus, se El creou o home á súa imaxe e semellanza47 e lle deu unha faísca de luz, o traballo da intelixencia debe —aínda que sexa cun duro traballo— desentrañar o sentido divino que xa naturalmente teñen todas as cousas; e coa luz da fe, percibimos tamén o seu sentido sobrenatural, o que resulta da nosa elevación á orde da graza. Non podemos admitir o medo á ciencia, porque calquera labor, se é verdadeiramente científica, tende á verdade. E Cristo dixo: Ego sum veritas48. Eu son a verdade.

O cristián ha ter fame de saber. Desde o cultivo dos saberes máis abstractos ata as habilidades artesáns, todo pode e debe conducir a Deus. Porque non hai tarefa humana que non sexa santificable, motivo para a propia santificación e ocasión para colaborar con Deus na santificación dos que nos arrodean. A luz dos seguidores de Xesucristo non debe estar no fondo do val, senón no cumio da montaña, para que miren as vosas boasobras e glorifiquen o voso Pai que está no ceo49.

Traballar dese xeito é oración. Estudar dese xeito é oración. Investigar dese xeito é oración. Non saímos nunca do mesmo: todo é oración, todo pode e debe levarnos a Deus, alimentar ese trato continuo con El, da mañá á noite. Todo traballo honrado pode ser oración; e todo traballo, que é oración, é apostolado. Deste xeito a alma faise rexa nunha unidade de vida sinxela e forte.

A esperanza do Advento

Non vos quería dicir máis neste primeiro domingo de Advento, cando comezamos a contar os días que nos aproximan á Natividade do Salvador. Vimos a realidade da vocación cristiá; como o Señor confiou en nós para levar almas á santidade, para achegalas a El, unilas á Igrexa, estender o reino de Deus en todos os corazóns. O Señor quérenos entregados, fieis, delicados, agarimosos. Quérenos santos, moi de seu.

Dun lado, a soberbia, a sensualidade e o fastío, o egoísmo; doutro, o amor, a entrega, a misericordia, a humildade, o sacri-ficio, a alegría. Tes que elixir. Fuches chamado a unha vida de fe, de esperanza e de caridade. Non podes abaixar o tiro e quedar nun mediocre illamento.

Nunha ocasión vin unha aguia encerrada nunha gaiola de ferro. Estaba porcalleira, medio desplumada; tiña nas súas gadoupas un anaco de carniza. Entón pensei no que sería de min, se abandonase a vocación recibida de Deus. Deume magoa aquel animal solitario, aferrollado, que nacera para subir moi alto e mirar de fronte ao sol. Podémonos remontar ata as humildes alturas do amor de Deus, do servizo a todos os homes. Pero para iso é preciso que non haxa reviravoltas na alma, onde non poida entrar o sol de Xesucristo. Temos que botar fóra todas as preocupacións que nos arreden del; e así Cristo na túa intelixencia, Cristo nos teus beizos, Cristo no teu corazón, Cristo nas túas obras. Toda a túa vida —o corazón e as obras, a intelixencia e as palabras— chea de Deus.

Abride os ollos e erguede a cabeza, porque a vosa redención se aproxima50 lemos no Evanxeo. O tempo de Advento é tempo de esperanza. Todo o panorama da vosa vocación cristiá, esa unidade de vida que ten como nervio a presenza de Deus, Noso Pai, pode e debe ser unha realidade diaria.

Pídello comigo a Nosa Señora, imaxinando como pasaría ela eses meses, en espera do Fillo que ía nacer. E Nosa Señora, Santa María, fará que sexas alter Chistus, ipse Christus, outro Cristo, o mesmo Cristo.

Notas
1

Ps XXIV, 4.

2

Cfr. Mt XXII, 37; Mc XII, 30; Lc X, 27.

3

Eph I, 4.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
4

Mt XIII, 36.

5

Cfr. Mt XVI, 6-7.

6

Cfr. Lc XXII, 24-27.

7

Cfr. Mt XIV, 31; XVI, 8; XVII, 19; XXI, 21.

8

Mt XVI, 16.

9

Mt XVI, 23.

10

San Xoán Crisóstomo, In Matthaeum homiliae, 54, 4 (PG 58, 537).

11

Ioh XI, 16.

12

Can VIII, 6.

13

Cfr. Gal II, 9.

14

Mt IV, 19.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
15

1 Cor XV, 8-9.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
16

Rom XIII, 11-12.

17

1 Ioh II, 16.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
18

Mt V, 8.

19

Dan II, 33.

20

Rom VII, 21-24.

21

Rom VII, 25.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
22

Gen III, 5.

23

Prv XI, 2.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
24

Ps XXIV, 1-2.

25

Tit III, 5.

26

Ps XXXII, 5.

27

Ecclo XVIII, 12.

28

Ps XXXI, 10.

29

Ps LVIII, 11.

30

Ps XXXIII, 8.

31

Ps CXVI, 2.

32

Ps XXIV, 7.

33

Ps CVIII, 21.

34

Ecclo XXXV, 26.

35

Mt V, 7.

36

Lc VI, 36.

37

Lc VII, 11-17.

38

Ex XXII, 27.

39

Heb IV, 16.

40

Santo Ambrosio, Expositio Evangelii secundum Lucam, 7 (PL 15, 1540).

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
41

Clemente de Alexandría, Paedagogus, 3, 1, 1, 5 (PG 8, 556).

42

Apoc III,20.

43

Cfr. Ps CXXVI, 1.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
44

2 Cor IV, 10.

45

Gaudium cum pace, enmendationem vitae, spatium verae penitentiae, gratiam et consolationem Sancti Spiritus, perseverantiam in bonis operibus, tribuat nobis omnipotens et misericors Dominus. Amen. (Breviario Romano, oración prepara-toria para a Santa Misa).

46

1 Cor IX, 22.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
47

Cfr. Gen I, 26.

48

Ioh XIV, 6.

49

Mt V, 16.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
50

Lc XXI, 28.

Referencias á Sagrada Escritura
Este capítulo noutro idioma